Fadil Hoxha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaFadil Hoxha

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento15 de marzo de 1916 Editar o valor em Wikidata
Gjakova Editar o valor em Wikidata
Morte22 de abril de 2001 Editar o valor em Wikidata (85 anos)
Pristina Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónComisario político , político Editar o valor em Wikidata
Partido políticoLiga dos Comunistas da Iugoslávia (pt) Traducir
Liga Democrática de Kosovo Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
Rango militarmajor-general (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
ConflitoSegunda guerra mundial e Segunda Guerra Mundial na Iugoslávia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios

Fadil Hoxha, nado en Gjakova o 15 de marzo de 1916 e finado en Pristina o 23 de abril de 2001, foi un político albanokosovar iugoslavo, da Liga de Comunistas de Kosovo (SKK), o entón partido único en Kosovo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou na súa cidade natal, pero en 1929 as autoridades pecharon o instituto local e Hoxha comezou a traballar en vendas. En 1932 marchou, canda seu amigo Emin Duraku[1], a Albania para formarse, primeiro no instituto de Shkodër, onde participou nun grupo comunista local[2], e logo completou os seus estudos na Escola Normal de Elbasan[3] En abril de 1939, durante a ocupación italiana de Albania, participou na organización dun grupo de voluntarios para se opoñer polas armas á invasión e logo foi especialmente activo na organización dos estudantes na Normal. En agosto de 1939 o partido enviouno, con Durak, a Kosovo e establecer ligazóns co Partido Comunista Iugoslavo, e alí entraron en contaco con Miladin Popović e Boro Vukmirović, membros do Comité Rexional do PCI de Kosovo e Metohija, e seguiu a traballar ata 1940, cando se pechou a fronteira entre Italia e Iugoslavia, na conexión entre os comunistas albaneses e os iugoslavos. En marzo de 1941 recibiu instrucións para volver a Kosovo, pero pola situación bélica decidiu parmanecer[4] e traballou como mestre na aldea de Hogosht no concello de Kamenicë, entrou a militar na Partido Comunista de Iugoslavia (PCI) e o comité local de Kamenicë elixiuno como o seu secretario.

Loita partisana[editar | editar a fonte]

Axiña deixou o seu labor como mestre para axudar na organización [5] do movemento partisano de resistencia en Kosovo contra das forzas alemás, italianas e doutros aliados do Eixo que invadiran Iugoslavia en abril de 1941.

Hoxha cun grupo de partisanos no norte de Albania

Hoxha entrou a formar parte do comité rexional de Kosovo do PCI en 1942[6]. En maio os italianos detivéronos mais logrou fuxir e procurou refuxio no norte de Albania e traballou na formación de grupos armados. En setembro de 1942 serviu como comisario político e logo comandante do primeiro destacamento albanokosovar, o Zenel Hajdini ata xaneiro de 1943 organizou e comandou o destacamento partisano Emin Duraku, en orixe 18 homes refuxiados nas montañas[7], xa que ata daquela a maior parte dos partisanos en Kosovo eran serbios e montenegrinos, con só un puñazo de albaneses[8]. En abril de 1943 o Exército de Liberación Nacional Iugoslavo estableceu un Estado Maior en Kosovo con Fadil como comandante en xefe, mais que, nun Kosovo unido a Albania polos italianos, non era popular entre os albanokosovares[9]. Nese contexto, celebrouse entre o 31 de decembro de 1943 e o 2 de xaneiro de 1944 a coñecida como Conferencia de Bujan, en que Fadil tivo un papel destacado, e na que a principal resolución que se votou chamaba á unificación de Albania e Kosovo despois de rematar a guerra[10].Pero cando a finais de novembro de 1944 todas as tropas do Eixo abandonaran o territorio, Kosovo volveu á administración serbia. Tito sabía que os serbios non ían aceptar un Kosovo fóra de Serbia[11] e en xaneiro de 1945 Albania e Iugoslavia asinaron un tratado no que se recoñecía a soberanía de Iugoslavia sobre Kosovo [12]. En febreiro de 1945 nunha xuntanza en Belgrado do comité central do Partido Comunista de Iugoslavia, á que asistiu Fadil, tomouse a decisión de unir Kosovo con Serbia[13]. Non obstante, a decisión formal tomose en xullo nunha convención en Kosovo e en setembro formouse a Rexión Autónoma de Kosovo e Metohija.

Heroe nacional e dirixente en Kosovo e Iugoslavia[editar | editar a fonte]

Fadil Hoxha entre os heroes nacionais de Serbia e Macedonia nunha xuntanza con Tito en 1955

Ao se formar o 11 de xullo de 1945 a Asemblea da Rexión Autónoma foi Fadil o elixido como o seu primeiro presidente, ademais asumiu a posición de presidente do consello executivo do comité popular da Rexión Autónoma. O 7 de xullo de 1953 deixou a presidencia da Asemblea, mais seguiu a manter a presidencia do consello executivo ata 1963, nesta primeira etapa o terceiro home forte do réxime e ministro do interior era Aleksandar Ranković, que se opuña á descentralización[14] e procurou unha forte presenza dos serbios entre a nomenklatura de Kosovo[15]. Non obstante, entre o 24 de xuño de 1967 e o 7 de maio de 1969 Fadil volveu asumir a presidencia da Asemblea e, xa sen a figura de Ranković, aumentou o status constitucional de Kosovo[16] e a expansión de institucións culturais e educativas para propagar a lingua albanesa[17], así en 1969 creouse a Universidade de Pristina, que tiña o albanés como lingua de instrución.

Fadil Hoxha entrou no Presidium da Liga dos Comunistas de Iugoslavia en 1967 e formou parte da presidencia da República Federal Socialista de Iugoslavia de 1974 a 1984, e foi o seu vicepresidente do 15 de maio de 1978 ao 15 de maio de 1979.

Opúxose ás protestas que se sucederon na primavera de 1981 que demandaban un status republicano para Kosovo dentro de Iugoslavia pero fóra de Serbia; e xa que logo, houbo facer fronte ás críticas tanto dos movementos nacionalistas albaneses en Kosovo como da cúpula do comunimso iugoslavo por permitir o ascenso do nacionalismo albanés en Kosovo.

Retirada da vida pública e caída en desgraza[editar | editar a fonte]

Retirouse da vida política en 1986, pero tras o ascenso ao poder de Slobodan Milošević foi obxecto de ataques so a acusacións de nacionalista e separatistas e a Liga dos Comunistas de Iugoslavia expulsouno o 22 de outubro de 1987[18]. En 1989 amosou o seu apoio á folga de fame dos mineiros de Trepča que protestaban contra da abolición da autonomía de Kosovo por Serbia e mesmo amosou as súas simpatías polo Exército de Liberación de Kosovo[19].

Publicacións[editar | editar a fonte]

Na súa época partisana publicou artigos en varias publicacións en albanés como Zani i Popullit, Zani ou Lirija e continuou a colaborar con diferentes revistas logo de rematar a guerra. En 1965[20] publicou o diario que escribiu durante os seus anos de loita partisana, Kur pranvera vonohet, e que se converteu nun modelo do lugar dos albaneses na nova Iugoslavia. En 1971 saíu do prelo Jemi në shtëpinë tonë, unha colección de artigos e discursos, que tamén incidía no lugar dos albanokosovares en Kosovo e máis en Iugoslavia mesmo no título, "Esta é a nosa casa".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Narodni heroji Jugoslavije I. 1982. p. 212. 
  2. Fevziu, Blendi (2016). Enver Hoxha: The Iron Fist of Albania. Bloomsbury Publishing. p. 38. 
  3. Elsie, Robert (2004). Historical Dictionary of Kosova. Scarecrow Press. p. 78. 
  4. Morozzo della Rocca, Roberto (2015). "A Short History of the Kosovar Albanians' Struggle for Independence, 1878-1998". En Sabrina P. Ramet, Albert Simkus, Ola Listhaug. Civic and Uncivic Values in Kosovo: History, Politics, and Value Transformation. Central European University Press. p. 36. 
  5. Marmullaku, Ramadan (1975). Albania and the Albanians. Archon Books. p. 141. 
  6. Filipović, Gordana (1989). Kosovo: Past and Present. Review of International Affairs. p. 243. 
  7. Zegali, Josif (1999). Lufta e Dytë Botërore dhe a popullit shqiptar: ngjarje dhe data kryesore historike. Shtëpia Botuese Koha. p. 91. 
  8. Miranda Vickers, Miranda (1994). The Status of Kosovo in Socialist Yugoslavia. University of Bradford. p. 9. 
  9. Vickers, Miranda (2011). The Albanians: A Modern History. Bloomsbury. p. 115. 
  10. Kelmendi, Ilir (2 de maio de 2018). Bujan Conference – Hope for the Realization of Historical Right on National Unification. Universidade de Gjakova. 
  11. "The Resolution of Bujan". Albanian History. Robert Elsie. 
  12. Christine von Kohl e Wolfgang Libal (1997). "Kosovo, the Gordian knot of the Balkans". En Elsie, Robert. Kosovo: In the Heart of the Powder Keg. East European Monographs. p. 38. 
  13. Ceku, Ethem (2015). Kosovo and Diplomacy since World War II: Yugoslavia, Albania and the Path to Kosovan Independence. Bloomsbury. 
  14. Melissa Katherine Bokovoy, Jill A. Irvine, Carol S. Lilly (1997). State-society relations in Yugoslavia, 1945–1992. Palgrave Macmillan. p. 295. 
  15. Independent International Commission on Kosovo (2000). The Kosovo report: conflict, international response, lessons learned. Oxford University Press. p. 35. 
  16. Ethem Çeku (2015). "The Kosovo Issue and Albano–Yugoslav Relations, 1961–1981". Diplomacy & Statecraft 26 (2): 229–248. 
  17. Sabrina P. Ramet (1997). Whose Democracy?: Nationalism, Religion, and the Doctrine of Collective Rights in Post-1989 Eastern Europe. Rowman & Littlefield. p. 145. 
  18. Dubravka Žarkov (2007). The Body of War: Media, Ethnicity, and Gender in the Break-up of Yugoslavia. Duke University Press. p. 22. 
  19. Bajraktari, Jusuf. "Fadil Hoxha në kontekstin historik". veteraniobvl.org. 
  20. Jugoslovenski Istorijski Časopis 10. Savez Društava Istoričara Jugoslavije. 1971. p. 200. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]