Fabio Casartelli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquela en memoria de Fabio Casartelli erixida no lugar do accidente.


Fabio Casartelli, nado en Como o 16 de agosto de 1970 e finado o 18 de xullo de 1995, foi un ciclista italiano, profesional desde 1993.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Animado polo seu pai, Casartelli involucrouse no mundo do ciclismo aos 9 anos. Tras acadar unhas cantas vitorias como amateur, Casartelli conseguiu o seu maior logro nos Xogos Olímpicos de 1992, gañando a medalla de ouro na proba de ciclismo en ruta. Pasou a ser profesional en 1993, pero só conseguiu vitorias e posicións de honra en carreiras menores.

O 18 de xullo de 1995, durante a 15ª etapa do Tour de Francia, Fabio Casartelli sufriu un accidente durante o descenso do Col de Portet d'Aspet, nos Pireneos. Casartelli sufriu graves lesións de cranio e cara e perdeu a consciencia. Durante o seu traslado en helicóptero ao hospital, Casartelli perdeu a respiración e faleceu tras varios intentos de reanimación[1].

No momento da caída Casartelli non levaba ningún tipo de casco protector. A súa morte causou unha conmoción no ciclismo profesional e xurdiron diversos debates acerca da obrigatoriedade do uso do casco polos ciclistas.

A 16ª etapa do Tour fo neutralizada, aínda que non suspendida, pola organización. Os ciclistas rodaron en grupo durante toda a proba e, na chegada, o equipo Motorola ao que pertencía Casartelli cruzou a liña de meta en conxunto. Todos os premios da etapa foron doados á familia que deixaba o ciclista italiano, unha muller e un fillo de dous meses[2].

En 1997 erixiuse unha esquela no lugar da traxedia, fronte á que os corredores do Tour de Francia se deteñen e gardan un minuto de silencio na súa memoria cada vez que o percorrido da ronda gala pasa polo Col de Portet d'Aspet.

Equipos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La muerte coge a Casartelli en el kilómetro 34", artigo de Carlos Arribas en El País, 19 de xullo de 1995 (consultado o 18 de xullo de 2010) (en castelán).
  2. "La última victoria de Fabio Casartelli", artigo de Javier Olave en El Mundo, 20 de xullo de 1995 (consultado o 9 de agosto de 2009) (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]