Front d'Alliberament de Catalunya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «FAC»)

O Front d’Alliberament de Catalunya ou Front d’Alliberament Català (FAC) foi a primeira organización armada que defendía as teses dos movementos de liberación nacional de influencia marxista-leninista nos Países Cataláns, nada en 1969. O FAC, que vaise definir como unha organización que loitaba pola liberación nacional e de clases, nace coa unión de independentistas veteráns que proviñan do Consell Nacional Català (CNC) e xoves independentistas que proviñan das excursións das Xuventudes Obreiras de Estat Català. Nun principio tan só fan algunhas pintadas pero, aproveitando as excursións ó Garraf e ó Montseny, o sector máis novo da organización vai comezar a proverse de explosivos e das primeiras armas.

Cómpre ter en conta que, do mesmo xeito que o Front Nacional de Catalunya, o FAC priorizaba a acción sobre a ideoloxía e a estratexia. A táctica do Front d’Alliberament de Catalunya consistía na creación de grupos armados que tiñan que forzar a situación para tratar de provocar unha insurrección armada do pobo catalán.

Respecto á súa ideoloxía, os militantes pensaban que a loita nacional e social ían unidas. Por outra banda, tamén incluían a posibilidade dunha unificación de tódolos Países Cataláns se o movemento prosperaba nos outros territorios. Porén, O Front d'Alliberament Catalá tan só tivo implantación no Principado de Cataluña.

Entre 1969 e 1972 o FAC vai realizar máis de cen atentados. Estas accións realizábanse contra institucións de todo tipo próximas ó réxime franquista, como o diario La Vanguardia, os Xulgados, emisoras de TVE, cuarteis da Garda Civil e oficinas de Facenda, pero, ó mesmo tempo, procurábase non causar mortes. O primeiro atentado coñecido foi o 15 de outubro de 1970 contra as oficinas de Radio Nacional de España no Paseo de Gracia de Barcelona. O Día da Victoria de 1971 dinamitaron o cruzamento ferroviario da praza das Glòries, paralizando os trens todo o día. En 1972, foron detidos os militantes Carles Garcia Solé e Ramon Llorca, e os demais marcharon ó exilio. En 1974 foi detido Pere Mora León en Santa Coloma de Gramenet.

En 1973 o FAC vai experimentar unha profunda transformación interna. Segundo Jaume Renyer:

amb la Primera Assemblea del FAC es va canviar totalment els esquemes de l’organització: de ser un front ampli on tenien cabuda les diferents opcions d’esquerra (...) es convertí en part de l’avantguarda del proletariat que cercava la creació del Partit Comunista de Catalunya (PCC)

Este último partido era de ideoloxía maoísta. Isto foi debido á incorporación de militantes trostskistas e de Esquerda Revolucionaria da área de Terrassa e Sabadell. O Front d’Alliberament de Catalunya distribuía unha publicación chamada Catalunya Roja.

En 1976 vaise crear o Movemento Revolucionario de Cataluña (MRC) que pretendía ser o brazo político do FAC. Coa democracia o FAC vai desaparecer de feito en 1977 e o seu brazo político, o MRC, nos mesos seguintes.