Saltar ao contido

Expedición Amundsen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Expedición Amundsen
A expedición no polo Sur. De esquerda a dereita: Amundsen, Hanssen, Hassel e Wisting (foto feita polo quinto membro, Bjaaland).
Tipoexpedición científica e expedición polar Editar o valor en Wikidata
Data
Comezo3 de xuño de 1910 Editar o valor en Wikidata
Remate30 de xaneiro de 1912 Editar o valor en Wikidata
Implicados
ParticipanteRoald Amundsen, Helmer Hanssen, Sverre Hassel, Oscar Wisting, Olav Bjaaland, Kristian Prestrud, Hjalmar Johansen, Jørgen Stubberud, Henrik Lindstrøm, Thorvald Nilsen, Hjalmar Fredrik Gjertsen, Martin Rønne, Andreas Beck e Alexander Kuchin Editar o valor en Wikidata
Localización
LocalizaciónPolo Sur Editar o valor en Wikidata
Wikidata ] G:Commons ] C:Commons ]

A primeira expedición en chegar ao polo Sur Xeográfico foi encabezada polo explorador noruegués Roald Amundsen. El e catro compañeiros chegaron ao polo o 14 de decembro de 1911, cinco semanas antes que unha expedición británica encabezada por Robert Falcon Scott chamada Expedició Terra Nova. Amundsen e o seu equipo retornaron de forma segura até a base, e máis tarde, coñeceron que Scott e os seus catro compañeiros morreran na viaxe de retorno.

Os plans iniciais de Amundsen centrábanse no Ártico e na conquista do polo Norte por medio dun barco crebaxeos. Con este obxectivo obtivo o uso do barco de exploración polar de Fridtjof Nansen, o Fram, e emprendeu unha extensiva campaña de recollida de fondos para a expedición. As preparacións para esta expedición interrompéronse cando, en 1909, os exploradores americanos Frederick Cook e Robert E. Peary afirmaran por separado que chegaran ao polo Norte. Entón, Amundsen mudou os seus plans e comezou a prepararse para a conquista do polo Sur. Inseguro de até que punto a opinión pública e os seus partidarios lle darían apoio, gardou en segredo o cambio de plans. Até o comezo da expedición, en xuño de 1910, a maioría de membros da tripulación crían que se estaban a embarcar nunha expedición ártica.

Amundsen estabeleceu a súa base Antártica, a Framheim, na baía das Baleas na barreira de xeo de Ross. Despois de meses de preparación, de estabelecer depósitos de aprovisionamento e dunha saída nula que case acabou en traxedia, el e a súa tripulación partiron cara ao polo en outubro de 1911. Durante a viaxe descubriron o glaciar Axel Heiberg, que seguiron durante a ruta cara ao altiplano polar e finalmente cara ao polo Sur. O dominio dos membros da expedición do uso de esquís e a súa habelencia cos cans de zorras aseguraron unha viaxe relativamente pouco problemática. Entre os outros éxitos da expedición cóntanse a primeira exploración da península de Eduardo VII e unha extensa exploración oceanográfica.

Aínda que o éxito da expedición foi moi aclamado, a historia do fracaso heroico de Scott eclipsou a súa vitoria. Do mesmo xeito, algúns sectores criticaron moito a decisión de Amundsen de manter en segredo os seus auténticos plans. Porén, os historiadores modernos recoñeceron sen reservas a habilidade e o valor da expedición de Amundsen. A base científica permanente no polo leva o seu nome, xunto co de Scott.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]