Evasión do bou Ramón
A evasión do bou Ramón foi a fuxida dun grupo de republicanos galegos desde Ares rumbo a Francia o 21 de xullo de 1939.
Historia
[editar | editar a fonte]Militantes obreiros de Ferrol, Narón, Ares e Mugardos que levaban moito tempo agochados en casas de amigos ou familiares, agardaban unha oportunidade para fuxir da represión. Varios fuxidos comezaron a comunicarse para ver de intentar a saída por mar. Os militantes socialistas Miguel e Antonio Leira Fernández, os "Chuchos da Vella", que estaban agochados en Ares, estableceron contacto cun amigo, Juan Sánchez Fernández, tripulante do bou "Ramón", que saía faenar dende Ares, artellaron a evasión do maior número posible de fuxidos. Contactaron con algúns agochados en Cervás: Juan Castro Villar, Benito Feijoo Seguín, Gelfo Rebón e Antonio Saavedra Montero, socialistas. Mandaron aviso aos cenetistas Luís Abella Beade, Moisés Lago Lorenzo, de Ferrol, Rogelio Leal, de Piñeiros, ao socialista de Santa Mariña Domingo Serantes Sequeiro, e mesmo ao exalcalde socialista de Ferrol Antonio Santamaría López.
Os escapados concentráronse en Ares; os de Ferrol e Narón chegaron a noite anterior e durmiron en casas da vila, outro grupo pasou a noite nas covas de Santa Mariña, xuntándose vinte e sete homes. Seis deles levaban improvisados uniformes da Garda Civil, escopetas de madeira, e algunha pistola auténtica e cando a tripulación do bou estaba arranxando o barco para a saída, os falsos gardas abordáronos co pretexto de evitar unha fuxida. Pecharon os tripulantes no rancho, e chegaron o resto dos asaltantes. Logo de agardar á hora acostumada de saída, partiron do porto de Ares á unha da madrugada.
Na viaxe, o bou esgotou o carbón e tiveron que queimar boa parte da cuberta para intentar manter a presión da caldeira. Finalmente quedou á deriva, e foi rescatado e remolcado polo barco Le Coubre. O 23 de xullo o bou Ramón chegou ao porto francés de La Pallice. Ao chegar foron conducidos ao campo de concentración de Le Barcarès.
Os fuxidos foron xulgados na causa 2134/39 aberta en Ferrol por rebelión militar.
Ocupantes
[editar | editar a fonte]Luís Abella Beade, Manuel Barreiro Montero, Cipriano Casteleiro Feal, Juan Castro Villar, Benito Feijoo Seguín, Manuel Fernández García, Juan Fraga Rey, José Fuentes Justo, Manuel Fuentes Justo, Manuel Gómez Varela, Moisés Lago Lorenzo, Marcelino Lara Viñas, Juan Leal Tenreiro, Rogelio Leal López, Antonio Leira Fernández, Miguel Leira Fernández, José Montero Fernández, Jesús Morgado Feal, Basilio Pérez Mayobre, Manuel Raposo Peña, José Rebón Martínez, Juan Rincón Téllez, Juan José Rodríguez Díaz, Antonio Saavedra Montero, Antonio Santamaría López, José Sequeiro Ares e Domingo Serantes Sequeiro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández, Eliseo (2006). "A fuxida do “Ramón” de Ares". Cátedra. Revista eumesa de estudios (6): 93–.
- Barrera Beitia, Enrique; Fernández Fernández, Eliseo (2018). A fuxida do bou Ramón. Deputación da Coruña. ISBN 978-84-9812-327-2.