Saltar ao contido

Etimoloxía popular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Etimoloxía popular
 Subclase de
 Causa
Características
 Produto ou servizo
Códigos e identificadores
Freebase/m/03p7lp Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata

A etimoloxía popular é o establecemento da orixe dunha palabra baseándose nas crenzas e nas opinións de xente non especializada na ciencia da etimoloxía. As etimoloxías populares danse na maioría de idiomas.

Características

[editar | editar a fonte]
Armas do rei de Galyce no Armorial Segar (século XIII).

As etimoloxías populares adoitan ser falsas etimoloxías. Con todo, algunha delas queda recollida ou mesmo establecida oficialmente. De feito, o escudo de Galicia pode ter a súa orixe nunha destas etimoloxías populares: a súa primeira aparición, nun armorial do século XIII, débese talvez a unha falsa interpretación de Galicia como Calice (cáliz). Outra posible etimoloxía popular ten a ver co topónimo de Santiago de Compostela, interpretado falsamente como Campus Stellae cando a súa orixe está no máis que probábel Compositella[1].

En lingüística histórica, a etimoloxía popular refírese á variación en pronuncia ou en transliteración dunha palabra ao longo do tempo.[2]

Fonte e influencia das etimoloxías populares

[editar | editar a fonte]

Son diversas as razóns que explican a existencia de etimoloxías populares. Algunhas son interpretacións razoábeis de evidencias que resultan falsas, como cando noutros tempos se asociaba Galicia á Galia. Outras veces, son intentos de oficializarlle unha orixe distinguida a un lugar ou liñaxe (Galegos < Gálatas ou Galileos; de aí tamén procede o uso medieval de "corónica" por crónica, por ser relativa á "coroa [e ó rei]", non á "cronoloxía"). En moitos casos a orixe dunha palabra está nun idioma ou nun estadio da mesma lingua que os falantes actuais descoñecen. Mesmo os especialistas adoitan propor orixes plausíbeis para palabras que co tempo se demostran falsas.

Causas das etimoloxías populares dentro da mesma lingua

[editar | editar a fonte]

Unha das principais razóns para a creación de etimoloxías populares son as analoxías, as semellanzas que se presentan a nivel lingüístico e que, entre outros motivos, poden proceder de similitudes semánticas, morfolóxicas, fonolóxicas e mesmo sintácticas. Nalgúns casos, as reinterpretacións fornecidas por unha etimoloxía popular poden chegar a establecerse como parte da norma oficial, toponímica ou léxica.

Entre as fonolóxicas, poden poñerse como exemplo a transformación do topónimo ourensán Asmaus, que procede dunha localidade fundada por poboación procedente das diferentes Asma lucenses, pero que por asociación e falsa segmentación, a poboación rematou adoptando como As Maus. Poden consultarse máis casos de deglutinación para topónimos como A Baña, O Eixo, O Mao, O Baño, O Milladoiro, A Grela, O Grove, A Golada, Porto do Son ou Lugar da Riba (ou de aglutinación como Osebe e Oxén) no punto 1.1 dos criterios da Comisión de Toponimia [3]. Do mesmo xeito, a infrecuencia da terminación -mago en palabras esdrúxulas (sámago e ámago fronte a mago, saramago e xaramago) e a maior proporción nestas de -gamo, aínda sendo cultas (polígamo, monógamo) levaría a cambiar estómago por estógamo. Mesmo un sinónimo non recomendado de saramago, samargo, podería interpretarse como un cruzamento con metátese baixo a influencia de amargo.

Para as semánticas está o caso da palabra orixinalmente latina sacristanus, relacionado a través da súa raíz sacr- con sacro (culta), sagrado ou sagrario (patrimoniais). Con todo, os crentes asociárono á bondade das persoas con este cargo mediante Sanctus + Christus, derivando na palabra sancristán, recollida así na norma léxica (pero conservada máis fielmente ó orixinal no castelán sacristán).

Respecto ás morfolóxicas, podería interpretarse como tales o caso orixinado en vagabundo. Orixinado no verbo vagar co sufixo latino -bundus (tamén presente en errabundo, furibundo, meditabundo, moribundo, nauseabundo, pudibundo e tremebundo e de marcado carácter culto), os usuarios con menor capital léxico e nivel de fala rematarían deformando esta terminación noutra con maior transparencia e lóxica semántica, ata chegar á creación de vagamundo, non sen razón asumindo que o lugar por onde transitaba un vagabundo era por todo o mundo. Outro caso semellante sería a deformación de esparadrapo en esparatrapo, onde en última instancia trapo podería de feito ser un cognado de drapo (cf. inglés drap, "tea").

Dentro das sintácticas, poden exemplificarse co uso de modificadores (artigo e outros determinantes, pero tamén adxectivos) sempre femininos e frecuentemente plurais para a palabra sandalia(s). Tras moito uso de as sandalias, por falsa segmentación e por asociación co verbo andar (que é para o que se utiliza este calzado), os falantes remataron por pensar que a palabra real era andalias, polo que a combinación sintagmática alternativa sería as andalias, unhas andalias, esas andalias, estas andalias e boas andalias (que teñen moi pouca distancia fónica respecto á combinación orixinal) pero tamén vendían andalias a vinte pesos. O contrario (amálgama co artigo) aconteceu con a radio ou a moto, debido neste caso á influencia da terminación en -o, prototipicamente masculina. Dáse así a recaracterización como masculino, creando secuencias como o arradio ou o amoto. De darse por válida unha suposta influencia de verbas como arrodear/arrandear ou amontoar/amoutar sería un caso de etimoloxía popular.

  1. Cabeza Quiles, F.: Toponimia de Galicia (2008). Páx. 119.
  2. Sihler, Andrew L. (2000). Language History: an introduction. John Benjamins. pp. 86–88.
  3. Boullón Agrelo, Ana Isabel (2011). "O artigo na toponimia galega: aspectos da estandarización". Revista Galega de Filoloxía (12): 11–35. ISSN 1576-2661.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]