Estatuto de Autonomía de Cataluña de 1979
O Estatuto de Autonomía de Cataluña (en catalán: Estatut d'Autonomia de Catalunya), tamén coñecido como Estatut de Sau, foi unha lei orgánica promulgada o 18 de decembro de 1979 que outorgaba a Cataluña un réxime de autonomía. Converteuse na norma institucional básica de Cataluña de acordo co establecido no título oitavo da Constitución española de 1978. Definía os dereitos e deberes da cidadanía de Cataluña, as institucións políticas da nacionalidade catalá, as súas competencias e relacións co Estado e o financiamento da Generalitat de Cataluña. Foi publicado no Diari Oficial de la Generalitat de Catalunya o 31 de decembro de 1979.
As institucións políticas definidas no Estatut integran a Generalitat de Cataluña.
O 18 de xuño de 2006 a cidadanía catalá aprobou en referendo, despois dun largo e polémico proceso de redacción, o novo Estatuto de Autonomía de Cataluña de 2006 que actualmente, substitúe ao Estatut de 1979 como norma institucional básica de Cataluña.
Historia
[editar | editar a fonte]A primeira campaña a prol do estatuto de autonomía data de 1918, impulsada pola Mancomunidade de Cataluña co Proxecto de Estatuto de Autonomía de Cataluña de 1919.
Pero non é ata que nas primeiras eleccións democráticas a Cortes dende 1636, o 15 de xuño de 1977, Cataluña deu a maioría ás forzas políticas que defendían o restablecemento da Generalitat e da autonomía, disoltas en xaneiro de 1939 por unha lei do Estado español.
A diada do Once de setembro daquel mesmo ano, centos de miles de cataláns manifestáronse no mesmo sentido na cidade de Sant Boi de Llobregat baixo o lema Llibertat, amnistia, Estatut d'Autonomia (Liberdade, amnistía, Estatuto de Autonomía).
Estes factores forzaron ao Goberno español presidido por Adolfo Suárez ao restablecemento da Generalitat provisional o 29 de setembro de 1977 e a permitir o retorno do exilio do presidente Josep Tarradellas, o seu nomeamento "formal" como President e a constitución dun goberno provisional para preparar o estatuto e as posteriores eleccións de 1980.
O 18 de decembro de 1979, o rei Xoán Carlos I sancionou, como lei orgánica do Estado, o Estatuto de Autonomía de Cataluña (Lei Orgánica 4/1979, de 18 de decembro, publicada no Boletín Oficial del Estado de 22 de decembro de 1979 e no Diari Oficial de la Generalitat de Catalunya o 31 de decembro do mesmo ano).
O Estatut
[editar | editar a fonte]O Estatuto de Autonomía recoñece a Cataluña como unha nacionalidade que exerce o seu autogoberno constituída como Comunidade Autónoma do Estado español. A través do Estatut, Cataluña accede ao seu recoñecemento como pobo cunha cultura, unha historia e unha lingua propias.
A lei orgánica do Estatuto de Autonomía define as institucións catalás, agrupadas na Generalitat, as competencias e as relacións co Estado español. A institución encargada de aprobar, modificar ou derogar as leis é o Parlamento de Cataluña. En cada lexislatura apróbanse, proxéctanse, propóñense, deróganse e modifícanse as leis da lexislatura anterior.
O Estatut foi aprobado polo pobo catalán nun referendo e ratificado polas Cortes Xerais en novembro de 1979.
O proxecto do Estatut foi elaborado oor deputados e senadores das Cortes españolas, a chamada Comissió dels Vint (Comisión dos Vinte), que comezou a tarefa de redactar o anteproxecto do Estatut o 8 de setembro de 1978. A primeira redacción tivo lugar en varias reunións celebradas en Barcelona e, entre o 12 e 15 de setembro, no parador de turismo da localidade de Vilanova de Sau, motivo polo que tamén se coñece como Estatut de Sau[1][2]. Así continuaba a tradición de nomear as cartas magnas catalás co nome do lugar onde foron redactadas, como o Estatuto de Núria de 1932.
Os padres do Estatut ou Comissió dels Vint foron: Macià Alavedra (CDC), Miquel Roca Junyent (CDC), Laureà López Rodó (AP), Eduardo Martín Toval (PSC), Josep Andreu Abelló (PSC), Josep Maria Triginer i Fernández (PSC), Josep Benet (independente polo PSUC), Felip Solé Sabarís (PSC), Jaume Sobrequés (Independente polo PSC), Josep Subirats (PSC), Josep Sendra i Navarro (CDC), Jordi Solé Tura (PSUC), Josep Solé Barberà (PSUC), Dolors Calvet i Puig (PSUC), Josep Verde Aldea (PSC), Marcel·lí Moreta (UCD), Anton Cañellas (CC-UCD), Joaquim Arana (ERC), Manuel de Sárraga Gómez (UCD) e Carles Güell de Sentmenat (CC-UCD). Tiveron especial protagonismo no proceso de elaboración do Estatutos deputados Miquel Roca, Jordi Solé Tura e Eduard Martín Toval..
Reforma do Estatut
[editar | editar a fonte]- O 30 de setembro de 2005 o Parlamento de Cataluña aprobou por 120 votos a favor e 15 en contra o Proxecto de lei do novo Estatuto de autonomía de Cataluña.
- O 3 de outubro de 2005 o presidente do Parlamento de Cataluña, Ernest Benach Pascual entregou ao Congreso dos Deputados o Proxecto de lei.
- O 21 de xaneiro de 2006 o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE), e o líder da oposición de Cataluña, Artur Mas (CiU), chegaron a un acordo previo respecto da definición de nación do proxecto de estatuto e do modelo de financiamento.
- O 18 de xuño de 2006 a cidadanía catalá aproba en referendo o novo Estatuto de Autonomía de Cataluña de 2006 negociado en Madrid, co apoio do 73,9% dos sufraxios. O novo texto substituíu o Estatut de Sau de 1979 como norma institucional básica de Cataluña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sobrequés i Callicó, Jaume (xullo de 2010). L’Estatut de la Transició. L’Estatut de Sau (1978-1979) (PDF). Barcelona: Parlament de Catalunya. p. 32. Consultado o 27 de febreiro de 2016.
- ↑ Santacana i Torres, Carles (2004). Política y ordenación territorial en Cataluña durante la transición y la autonomía. Anales de Historia Contemporánea. p. 229. ISSN 0212-6559.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Historias de Cataluña: O Estatut d'Autonomia (en catalán)
- Estatuto de Autonomía de Cataluña de 1979 Arquivado 23 de novembro de 2016 en Wayback Machine. en Gencat.cat (en catalán)