Saltar ao contido

Estanflación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A estanflación (do inglés stagflation) é o momento ou conxuntura económica no que, nunha situación inflacionaria, se produce un estancamento da economía mentres que o ritmo da inflación non cede.

Estanflación é un termo que foi inventado en 1965 polo entón ministro de Finanzas británico Ian McLeod, quen, nun discurso ante o Parlamento nese ano, dixo “agora temos o peor de ambos mundos: non soamente inflación por un lado ou estancamento polo outro. Temos algo así como unha estanflación”.

Estanflación combina os termos «recesión» e «inflación», é a situación económica que indica a simultaneidade da alza de prezos, o aumento do desemprego e o estancamento económico, entrando nunha crise ou incluso nunha recesión.

Causas e consecuencias

[editar | editar a fonte]

Formalmente, determínase que existe unha recesión cando o PIB decrece durante dous trimestres consecutivos. Cando a recesión chega acompañada de alta inflación o proceso recibe o nome de estanflación e está considerado un dos peores escenarios económicos posibles, polo difícil que é de manexar e corrixir. As políticas monetarias e fiscais que adoitan utilizarse para dinamizar unha economía recesiva empeoran o compoñente inflacionario da estanflación e as políticas monetarias restritivas que se utilizan para combater a inflación tenden a afondar e ampliar o seu compoñente recesivo.

A estanflación distorsiona completamente os mercados e coloca os dirixentes dos gobernos e os bancos centrais nunha posición 'ou perder ou perder'. En contextos de estanflación a recesión acostuma ser parcial: rexístrase simultaneamente o decrecemento dalgúns sectores, como a produción de bens, a canda o crecemento doutros sectores, como a produción de servizos. Se se trata dunha economía relativamente aberta e a inflación vén acompañada dun proceso de desvalorización, pode rexistrarse unha contracción das actividades que consomen divisas e unha expansión das que xeran divisas. Isto representa un desafío enorme para as autoridades, pois reciben sinais mesturados e contraditorios sobre a economía que fan moi difícil decidir qué políticas aplicar, en que secuencia e en que momento aplicalas.

Aínda que as recesións poden ter causas internas ou externas, a estanflación sempre é de orixe interno, dado que a inflación é sempre e en todas partes un fenómeno monetario, e quen manexa as moedas soberanas son as autoridades monetarias de cada país.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]