Masía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Masía en Xirona

Unha masía (en catalán: masia ou mas, en aragonés: pardina) é un tipo de construción rural, propia especialmente dos territorios da antiga Coroa de Aragón, que ten a súa orixe nas vilas romanas. Son construcións illadas, ligadas a unha explotación agrícola e gandeira de tipo familiar.

Co paso do tempo, os materiais utilizados para construír masías foron variando, condicionados, en boa parte, pola súa localización. En zonas montañosas, utilizábase a pedra sen puír, excepto para os arcos de portas e fiestras, onde se empregaba a pedra picada. Durante a Idade Media, utilizábase o barro como morteiro, material que foi substituído despois por cal ou cemento. Nos lugares nos que non abundaba a pedra, utilizábase o adobe para a construción das masías.

A maioría das masías teñen a súa fachada principal orientada cara ao sur. As construcións anteriores ao século XVI teñen unha porta de entrada de doela, mentres as construídas ata o século XVIII son de lintel. A súa altura non adoitaba superar os 5 metros e a cobertura realizábase cun conxunto de vigas de madeira colocado de forma perpendicular á fachada. Nos Pireneos e outras zonas montañosas, a cubrición adoitaba ser de lousa. O tellado tiña normalmente dúas vertentes.

A construción adoitaba ter dúas plantas, coa planta baixa reservada para as tarefas propias do campo e o piso superior destinado a vivenda. Se había outro piso por enriba deste, era utilizado habitualmente como celeiro.

Numerosas masías transformáronse en casas adaptadas para o turismo rural e a hostalaría.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]