Corrente do Golfo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Costa leste dos E.U.A.. As cores laranxa e amarelo sinalan as augas máis quentes da Corrente do Golfo con respecto ao resto do océano Atlántico.
A circulación oceánica do Atlántico Norte, na que se insire a Corrente do Golfo, forma parte da circulación termohalina que afecta o conxunto das masas de auga oceánicas.
As illas Lofoten, en Noruega, gozan de temperaturas moito máis altas das que lle correspondería pola súa latitude.

A Corrente do Golfo é unha corrente oceánica que despraza unha gran masa de auga quente procedente do golfo de México e que se dirixe ó Atlántico Norte. A corrente chega a alcanzar os 100 metros de profundidade, e 1000 km de ancho en gran parte da súa longa traxectoria, o que dá unha idea aproximada da enorme cantidade de enerxía que transporta e das consecuencias tan beneficiosas da mesma. A súa velocidade é duns 1,8 m/s, aproximadamente e o seu caudal é duns 80 millóns de m³/s.

A circulación desta corrente asegura a Europa un clima cálido para a súa latitude e impide a excesiva aridez nas zonas atravesadas polos trópicos nas costas orientais de América (por exemplo, México e as Antillas).

A Corrente do Golfo provócase pola acción combinada dos ventos globais, especialmente, dos ventos do Oeste, ventos constantes ou planetarios na zona temperada do Hemisferio norte e do movemento de rotación do planeta.

Descubrimento[editar | editar a fonte]

Xa en 1513, co descubrimento da Florida, o navegador Ponce de León notara que os seus navíos foran levados por unha rápida corrente de auga quente que viña do mar das Antillas. Aínda que non foi ata 1777 cando Benjamin Franklin realizou o primeiro estudo sobre a corrente do Golfo.

Circulación oceánica no Atlántico Norte[editar | editar a fonte]

No Atlántico Norte, a Corrente do Golfo compensa o circuíto inverso que conforman dúas correntes: a Corrente das Canarias, de augas frías emerxidas de certas profundidades oceánicas xunto á costa africana debido á acción dos ventos alisios (do Leste), e a Corrente Ecuatorial do Norte, que constitúe a continuación superficial da corrente fría que se vai quentando no seu camiño ás costas americanas. Dende os comezos da Idade Moderna comprendeuse a enorme vantaxe deste circuíto para a navegación polo Atlántico Norte: da Europa á América, pola ruta meridional, e en sentido inverso, pola ruta norte. Con iso non só se aproveitan as correntes nomeadas, senón tamén a dirección dos ventos planetarios.

Efectos da Corrente do Golfo[editar | editar a fonte]

O efecto da corrente do Golfo é suficiente para facer que certas rexións do oeste do Reino Unido e Irlanda teñan unha temperatura media máis elevada do que outras rexións daqueles países. Así, en Cornualla, e particularmente nas illas de Scilly, os seus efectos son tales que plantas asociadas a climas moito máis quentes, como as palmeiras, son quen de sobrevivir aos rigores do inverno setentrional. O xardín botánico de Logan, en Escocia, benefíciase enormemente da corrente do Golfo, permitindo os seus espécimes de Gunnera manicata crecer a máis de tres metros de altura.

Efecto do quecemento global sobre a Corrente do Golfo[editar | editar a fonte]

Co aumento da calor atmosférica, medra o derretemento dos xeos acumulados dos polos. Ao aumentar o derretemento do xeo polar, este dilúese na corrente do Golfo, freando o avance das augas máis temperadas dende o golfo de México. Ao frearse a corrente do Golfo co tempo producirá un arrefriamento das áreas costeiras do norte de Europa. Este feito, que constituíu unha hipótese, foi confirmado en novembro do 2005 pola National Oceanography Centre da Universidade de Southampton, no Reino Unido, concluíndo investigacións que se viñeran desenvolvendo dende 1957. Como consecuencia deste fenómeno, estímase que para o 2015, a temperatura do norte de Europa, será en media, 9 °C máis fría.[1][2] Este é un exemplo do efecto, a primeira vista contraditorio, do quecemento global.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]