Aristágoras de Mileto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAristágoras de Mileto

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoséculo VI a. C. Editar o valor em Wikidata
Mileto Editar o valor em Wikidata
Morte497 a. C. Editar o valor em Wikidata
Tracia Editar o valor em Wikidata
Tirano Mileto

← Histieu (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
Período de tempoAntigüidade clásica Editar o valor em Wikidata
LinguaGrego antigo Editar o valor em Wikidata

Aristágoras de Mileto (en grego antigo: Ἀρισταγόρας ὁ Μιλήσιος Aristagórās ho milēsios) foi un tirano da cidade xonia de Mileto a finais do século -VI e principios do século -V.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Aristágoras era fillo de Molpágoras e xenro (e sobriño) de Histieo, a quen os persas colocaran á fronte da cidade de Mileto en calidade de tirano. Aristágoras tomou o control da cidade cando Histieo foi promocionado como conselleiro do rei aqueménida Darío I.

Cando a maior illa das Cícladas, Naxos, se rebelou no ano -502 instaurando unha democracia e expulsando aos señores filopersas da illa, estes solicitaron a axuda de Aristágoras, quen aceptou, asumindo que sería recoñecido como líder da mesma[1]. Para iso convenceu a Artafernes, sátrapa de Lidia e irmán de Darío I, acerca da conveniencia de tomar o control de Naxos. Artafernes, previa consulta a Darío, aceptou a cambio de que a expedición fose comandada por un persa, Megabates. Debido a, entre outras causas, as diferenzas habidas entre Megabates e Aristágoras, a expedición (-501) foi un fracaso, xa que Megabates avisou aos habitantes da illa de que se achegaba a frota para os invadir[2].

Revolta xónica[editar | editar a fonte]

Quizais por medo a ser castigado por Artafernes por haberlle dito que Naxos sería facilmente derrotada, ou quizais para recuperar vía botín de guerra todo o que perdera no asedio a Naxos, Aristágoras provocou que Mileto se rebelase contra Persia. Parece ademais, que recibiu ordes expresas de Histieo de rebelarse (Histieo pretendería supostamente que os persas esmagasen a rebelión para ser reposto no cargo de tirano). No -499, Aristágoras contaba co apoio da maioría dos cidadáns, excepto do xeógrafo Hecateo. Instaurouse unha democracia e pronto algunhas cidades gregas xonias se sumaron á rebelión. Cada unha podía ter a súa propia razón para facelo. O que parece claro é que o feito de que algunhas outras quedasen á marxe indica que non foi un levantamento conxunto por un sentimento de identidade unitaria, senón máis ben un aproveitamento das circunstancias para sacudirse o dominio persa. Seguramente tiña moito que ver o elevado tributo ao que estaban obrigadas a contribuír.

Aristágoras marchou entón a Grecia para solicitar apoio das poles gregas. Pediu inicialmente apoio de Esparta, argumentando que unha invasión a Persia sería fácil e que a capital, Susa, se atopaba só a 3 meses de camiño, pero o rei Cleómenes I decidiu manterse á marxe. Tivo máis éxito con Atenas e Eretria, capital da illa de Eubea, que enviaron vinte e cinco trirremes respectivamente coas súas tripulacións, axuda pouco eficaz, pero para Aristágoras, o suficiente para catapultar ese apoio moral que os sublevados necesitaban.

Segundo o historiador grego Heródoto de Halicarnaso, era máis fácil convencer a unha asemblea de miles de atenienses que a un só rei espartiata. Inicialmente a revolta tivo bastante éxito pois os gregos chegaron á capital de Lidia, (Sardes), arrasando parte da cidade. Artafernes defendeu con éxito a cidadela, e cando os gregos se retiraban, saíu ao seu encontro derrotándoos. A rebelión finalizou posteriormente no -494 coa toma e abatemento de Mileto.

O final[editar | editar a fonte]

Antes do final da revolta, e vendo a derrota que se aveciñaba, Aristágoras fuxiu a Tracia, á colonia milesia de Mircino, onde tentou establecer unha nova colonia no río Estrimón, no mesmo sitio onde posteriormente se asentou a colonia ateniense de Anfípole[3]. Morreu a mans dos tracios[4] cando estaba a atacar unha cidade tracia veciña.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Heródoto, Historias, trans. Aubrey de Sélincourt, London: Penguin Books, 1954, 320.
  2. Heródoto, Historias, 322-323.
  3. Heródoto, Historias, 359
  4. Heródoto, Historias, 357-360.