Escudería Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudería Compostela
Nome completo Escudería Compostela

Rally do Botafumeiro no 2006.
Ámbito Automobilismo
Fundación 1980
Deporte
Número de socios
Presidente Manuel Ramos
Secretario Xeral
Sede Santiago de Compostela
Páxina web oficial

A Escudería Compostela é unha escudaría deportiva dedicada á organización de eventos automobilísticos, principalmente rallys e sláloms. Ten a súa sede no Estadio de San Lázaro, sito na cidade de Santiago de Compostela, e é coñecida pola organización do Rally Botafumeiro, puntuable para o Campionato de Galicia de Rally, que organizou entre 1985 e 2014.

Ao longo dos anos centrouse tamén na celebración de subidas,, como a Subida ao Barreiro, e sláloms, como o Slálom Cidade de Santiago e o Slálom Vila de Muros.

Historia[editar | editar a fonte]

Anos 80[editar | editar a fonte]

Naceu no ano 1983, entre un grupo de amigos afeccionados ó automobilismo, que decidiron fundar un club con sede en Santiago. As primeiras reunións celebrábanse no bar Zeus, ou o Pub Rallye Team. Dende 1983 tivo varios presidentes, sendo o primeiro deles Andrés Manzano, e posteriormente, Rogelio Canedo, José Angel Raña, Manuel Ramos e Cesar Raña.[1]

O primeiro gran paso foi a organización da Subida ó Barreiro no ano 1984, proba xa coñecida no automobilismo galego, que organizaba a desaparecida Escudería Santiago. Realizouse co apoio do Concello de Santiago, que incluíu nos orzamentos unha partida como subvención para facela subida. A proba repetiuse ao ano seguinte, pero desistiuse nos anos vindeiros, debido ao cambio de trazada da estrada que a convertía nunha proba moi rápida, e consecuentemente mais perigosa. Da montaña pasouse aos rallys, coa realización do 1º Rally do Botafumeiro, no ano 1985.[1]

A partir da creación do rally, a escudaría iniciouse no karting. Dende 1986 ata 1991 organizou 6 edicións do Karting do Apóstolo, proba que se competiu nas rúas de Santiago de Compostela. Nela destacaron futuras promesas do automobilismo, como Fernando Alonso, Celso Míguez, Cristobal Serantes etc., pero a rápida evolución dos karts, e sobre todo as grandes velocidades que podían alcanzar sobre un trazado urbano, facía que a proba se vise sometida a un gran risco, por ese motivo, no 1991 organizouse a última edición desta carreira en Santiago. Dende ese mesmo ano a organización tentou sen éxito a creación dun circuíto de karting na cidade compostelán.[1]

Os primeiros reveses foron unha débeda económica, por un lado, e as primeiras baixas, por diversos motivos, por outro. Con todo o Rally do Botafumeiro seguía celebrándose, formando parte do Campionato Galego de Rallys. No 1989, repetíase a historia e outro revés deixaba tocada a organización, que decidiu non celebrar o Rally do Botafumeiro, para tomarse un ano sabático e intentar poñer ó día as contas.[1]

Anos 90[editar | editar a fonte]

No ano 1990, recuperouse o rally, e no 91 asinouse un acordo coa Consellería de Relacións Institucionais, sendo conselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, polo cal o Xacobeo 93 foi un dos máis importantes soportes do programa deportivo da escudaría. O 1991 foi un dos de maior actividade, organizando a escudaría o Karting do Apostolo, o 6º Rally do Botafumeiro, o Rally de Terra Xacobeo 93, a Subida a Portomouro e unha Volta Todo Terreo a Santiago. Tantas probas provocaron que outro número de persoas abandonaran o club, e debido a isto e a problemas económicos o 92 foi de novo un ano sabático.[1]

En 1993 fíxose de novo o Rally Botafumeiro e levouse a cabo a organización do Fórmula Rally Compostela 93, que obtivo grande éxito. A proba do 93 realizouse na zona de San Lázaro, arredor do estadio, cunha superficie moi esvaradía pola choiva e o barro. A ela acudiron grandes pilotos de automobilismo de España e Galicia. O gañador do Formula Rally, foi o canario Fernando Capdevila con Carlos Sainz segundo.[1]

Nos seguintes anos continuouse celebrando o rally, que no 96 deixou unha edición pasada por auga, e no 97 a proba fixo un pequeno cambio de nome, pasando a chamarse Rally Botafumeiro, sen o “do”. No 96 ademais do rally, contouse cunha proba de terra en conxunto co Concello de Touro.[1]

Programa Buscamos Pilotos[editar | editar a fonte]

No ano 98 fíxose realidade un dos proxectos mais ambiciosos e ansiados pola escudaría: conformar un equipo de competición. Tras un acordo co centro comercial Área Central, Otero Caritón, Peumáticos Pernas e Grafitti, a escudería tiña dous vehículos participando no Campionato Galego de Rallys, formado polos pilotos, Pedro Castañón e Luis Penido. Porén, de novo a mala fortuna caeu sobre a organización e no 99 diversos cambios de xestión no centro comercial facían inviable a continuidade do equipo.[1]

Anos 00[editar | editar a fonte]

Dous anos despois un acordo co concesionario Brea Motor, e Otero Caritón, fixeron realidade a continuación do proxecto. Dous equipos formados por dous Seat Marbella, competiron durante os anos 2001, 2002 e 2003. O programa Buscamos pilotos, compúxose de dúas fases de selección, unha primeira de coñecementos e unha segunda mais práctica. De aí saíron dous pilotos que xunto cos primos Quintela a bordo do Seat Arosa, participaron no Trofeo Super 1000-Aycom que organizaba a Federación Galega de Automobilismo. Un dos pilotos que saíron deste programa foron os irmáns Pais, máis tarde campións galegos.[1]

O Rally Botafumeiro continuouse celebrando, salvo no ano 2002, que de novo non puido estar presente no calendario galego, e posteriormente no 2008, esta vez en gran parte, debido en parte á crise económica que xurdiu en España nese ano.

Víctor Senra e David Vázquez no podio do Rally Botafumeiro, gañadores da edición de 2007.

No 2007 a escudaría colaborou intensamente na celebración do 1º Slálom Vila de Muros, en memoria do desaparecido Manolo Lojo, campión de Galicia de Slálom. Para dar continuidade ao slálom, a escudaría decidiu celebrar a súa propia proba e no 2009 organizou o 1º Slálom Cidade de Santiago, que tería continuidade no 2010 e 2011. No ano 2008, aínda co recordo moi presente da perda de Manuel Lojo, a escudaría recibiu outra mala nova, Xesús Cebeiro, piloto compostelán, moi querido pola afección, perdeu a vida nun accidente de tráfico. Inmediatamente a Escudería Compostela decidiu no 2010 organizar o Rally Botafumeiro en recordo de Cebeiro, e entre outras homenaxes, o treito de Sarandón recibiu o seu nome.[1]

Entre outras labores levadas a cabo pola Escudería Compostela destacan a organización de cursos de copilotos, impartidos e dirixidos por Diego Vallejo, copiloto galego dúas veces campión de España de rallys. No 2001 impartíronse tres cursos polos que pasaron sesenta copilotos que recibiron máis de dezaoito horas de formación, para unhas como primeira experiencia e para outros como actualización e reciclaxe. Ademais destas actividades os membros da escudaría, tamén teñen exercido como cronometradores noutras probas de Galicia, colaborando e participando activamente no automobilismo galego.[1]

Anos 2010[editar | editar a fonte]

En 2014 a escudaría organizou por última vez o Rally Botafumeiro, facéndose cargo logo a Escudería Santiago.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Escudería Compostela. "Historia". Arquivado dende o orixinal o 26-05-2014. Consultado o 27-12-2012. 
  2. "Información Escudería Santiago". Facebook (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]