Escrituras paleohispánicas.Unha proposta de signario ibérico suroriental. Adaptado de Correa 2004. En vermello os signos de identificación discutíbel.Cara A do chumbo de La Bastida de las Alcusas (Mogente).
A escritura ibérica suroriental (tamén coñecida como meridional) é unha escritura paleohispánica moi similar, tanto pola forma dos signos como polo valor que estes representan, á escritura tartesa, que podería ser o seu antecedente.
As inscricións que usan a escritura ibérica suroriental expresan lingua ibérica, como tamén o fan as inscricións que usan a escritura ibérica nororiental, pero o valor da maioría de signos destas escrituras non coincide en absoluto, aínda que o repertorio de signos é similar. Sobre a orixe das escrituras paleohispánicas non hai consenso: para algúns investigadores a súa orixe esta directa e unicamente vinculado ao alfabeto fenicio, mentres que para outros na súa creación tamén influiría o alfabeto grego.
Como o resto de escrituras paleohispánicas, esta escritura presenta signos con valor silábico, para as oclusivas, e signos con valor alfabético, para o resto de consoantes e vogais. A partir do punto de vista da clasificación dos sistemas de escritura non é nin un alfabeto nin un silabario, senón unha escritura mixta que se identifica normalmente como semisilabario. A diferenza das inscricións en escritura tartesa, as inscricións en escritura suroriental non presentan o fenómeno da redundancia vocálica dos signos silábicos. O seu desciframento aínda non se pode dar por fechado, posto que aínda hai signos sobre os que non hai consenso entre os diferentes investigadores que fixeron propostas concretas.
A escritura ibérica suroriental escríbese moi maioritariamente de dereita a esquerda e o seu ámbito de uso é o cuadrante suroriental da Península Ibérica: Andalucía oriental, Rexión de Murcia e as provincias de Albacete, Alacant e Valencia. As inscricións surorientais aparecen sobre soportes moi variados (moedas de prata e bronce, louza de prata e cerámica, plaquiñas de chumbo, pedras etc.), pero non superan o medio centenar, entre as máis salientadas atópanse o chumbo de Gador (Almería) e o chumbo da Bastida de les Alcusas (Mogente, Valencia). Os contextos arqueolóxicos máis antigos das inscricións que usan esta escritura son do século -IV, mentres que os máis modernos son do século -II.