Escorregamento bacteriano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O escorregamento bacteriano é un proceso mediante o cal certas bacterias poden moverse reptando por si mesmas estando en contacto cunha superficie sólida, pero sen utilizar flaxelos (os cales son o mecanismo de movemento máis común entre as bacterias).[1] O mecanismo mediante o cal se realiza este movemento é descoñecido total ou parcialmente para moitas bacterias, e é probable que os distintos grupos bacteriano utilicen mecanismos diferentes para moverse escorregando. Este tipo de movemento é importante entre as cianobacterias, mixobacterias e especies de Cytophaga e Flavobacterium. Xeralmente son bacilares ou filamentosas. O movemento é moito máis lento que o realizado con flaxelos.

A mobilidade por escorregamento permítelle á célula colonizar novos ambientes ou interaccionar con outras células, e mesmo, como no caso das mixobacterias, ter un comportamento social e cooperativo.[2]

Mecanismo[editar | editar a fonte]

O único mecanismo coñecido implica o uso de pili de tipo IV en bacterias como Pseudomonas aeruginosa e Myxococcus xanthus. Estes pili esténdense e retráense, e en Myxococcus este tipo de movemento chámase motilidade S. Ademais, Myxococcus xanthus ten outro tipo de motilidade chamado motilidade A, para o cal se propuxeron outros dous mecanismos, un que implica a exección dunha mucilaxe de polisacáridos a partir de boquillas situadas a cada lado do corpo [3] e outro que utiliza "complexos de adhesión focal" distribuídos ao longo do corpo da célula.[4]

Na mobilidade de mixobacterias por complexos de adhesión focal, fórmanse complexos de adhesión transitoria que permanecen en posicións fixas relativas ao substrato mentres a célula se move cara adiante. Os complexos ensámblanse no extremo anterior da célula e dispérsanse no extremo posterior. Cando a célula inverte o sentido do movemento, os dous extremos intercambian a súa operación.

O outro mecanismo proposto nas mixobacterias é a mobilidade por exección de mucilaxe. As mixobacterias escorregan sobre as superficies deixando un rastro mucoso ao seu paso. Sabíase que este «moco» actuaba como lubricante, pero ata hai pouco non se podía explicar como se xeraba a forza para o movemento. Recentemente, descubriuse que as bacterias se propulsan expulsando o moco a presión a través dunhas boquillas, a modo de foguetes. As mixobacterias presentan unhas 250 destas boquillas situadas en cada extremo e expulsando moco por un conxunto delas poden escorregar cara adiante ou atrás a unha velocidade máxima de 10 µm por segundo.

Outras bacterias que segregan un polisacárido mucoso que utilizan para moverse son as cianobacterias filamentosas.[2]

Unha proposta que se fixo para explicar o escorregamento de Flavobacterium johnsoniae é o movemento de proteínas na membrana externa como unha cinta sen fin que por un lado se unen ao substrato e por outro á capa de peptidoglicano, e van movéndose ao longo da membrana.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. McBride, M. . (2001). "Bacterial gliding motility: multiple mechanisms for cell movement over surfaces". Annual review of microbiology 55: 49–75. doi:10.1146/annurev.micro.55.1.49. PMID 11544349.
  2. 2,0 2,1 2,2 Madigan, M. T., Martinko, J. M., Parker, J. "Brock - Microbiología de los Microorganismos". 10ª edción. Páxinas 85-87. ISBN 84-205-3679-2.
  3. Merali, Zeeya (3 April 2006). "Bacteria use slime jets to get around". New Scientist. Consultado o 17 January 2010. 
  4. Mignot, T.; Shaevitz, J.; Hartzell, P.; Zusman, D. (2007). "Evidence that focal adhesion complexes power bacterial gliding motility". Science 315 (5813): 853–856. Bibcode:2007Sci...315..853M. doi:10.1126/science.1137223. PMID 17289998.