Saltar ao contido

Enneacrunos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Enneacrunos
Coordenadas37°58′17″N 23°43′17″L / 37.9715, 23.7213Coordenadas: 37°58′17″N 23°43′17″L / 37.9715, 23.7213
editar datos en Wikidata ]

A fonte Enneacrunos (en grego ἐννεάκρουνος, a "fonte dos nove canos") era unha fonte situada na esquina sueste da ágora ateniense. Foi construída durante a segunda metade do século -VI e segundo Pausanias foi decorada por Pisístrato, tirano de Atenas. O xeógrafo engade que "hai pozos por toda a cidade, pero esta é a única fonte"[1]. Daquela era coñecida como a fonte do sueste, e menciónaa porque era moi antiga, vestixio da ágora arcaica.

A súa identificación é un dos problemas máis debatidos da topografía ateniense. Menciónaa Heródoto nunha pasaxe relativa ao asentamento dos pelasgos ao pé do monte Himeto e á súa expulsión da Ática polos atenienses debido aos malos tratos recibidos por este pobo cara ás súas mulleres, nunha historia ademais de anacrónica, falta de historicidade[2]. Tucídides sitúaa no val do río Iliso e chámaa manancial de Calírroe[3][4]. Suxeriuse que esta pode ser unha cisterna de nove fontes, e non unha fonte de nove canos. A tradición localizaba esta fonte, antigamente chamada Calírroe, e que recibiu o nome de Enneacrunos desde que foi acondicionada e canalizada en tempos dos Pisistrátidas, ao sueste da Acrópole e do Templo de Zeus Olímpico, e preto do río Iliso, nun tramo que aínda hoxe se coñece como Calírroe. Heródoto sitúaa nesta zona, fóra da cidade e en dirección ao Himeto. Pausanias sitúaa ao norte da Acrópole, na esquina sueste da ágora, preto do Odeón de Agripa e do Eleusinion, nun lugar onde os arqueólogos atoparon restos dunha fonte do século -VI. Cando describe a zona do Iliso non fai mención á Enneacrunos nin a ningunha outra fonte, o que obviamente complica o problema. Debido a esta importante contradición, apareceron moitas hipóteses e diversos intentos de localización arqueolóxica. Os investigadores, sen argumentos decisivos, inclináronse nunha ou outra dirección.

Wilhelm Dörpfeld atopou un gran depósito ao escavar ao oeste da Acrópole, entre o Areópago e a Pnyx, e colocando a Callírroe xunto á Pnyx, apoiou a teoría dunha canle, obra dos Pisistrátidas, que conectaba coas fontes do Iliso.

Cunha interpretación diferente do termo Enneacrunos, que non sería a "fonte dos nove canos", nun sistema que, partindo da Calírroe, se estendería a varios puntos da cidade, tentouse harmonizar os dous testemuños contraditorios[5].

É probábel que teñan máis peso os argumentos da tese de Tucídides sobre unha antiga prolongación da cidade "cara ao sur" e sobre a localización da fonte de Callirroe ao sueste da Acrópole. Tucídides coñecía ben o lugar e é posíbel que Pausanias estivese mal informado respecto diso, e que no seu tempo non se utilizase a antiga fonte reformada polos Pisistrátidas[6]. Outros, porén, sitúana no lugar dado por Pausanias, ao sueste da ágora.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pausanias, Descrición de Grecia i.14.1
  2. Heródoto, Historia vi.134.3
  3. Tucídides, Historia da guerra do Peloponeso ii.15.5.
  4. Kallirróē: «A fonte da fermósa corrente».
  5. Cf. Vanderpool, E., The Route of Pausanias in the Agora, en "Hesperia 18" (1949), pp.128-137; Gomme, A. W., Andrewes, A e Dover, K. J., A Historical Commentary on Thucydides, Oxford, 1956, pp. 53-61; Levi, D., Enneakrounos, en "Annuario della Scuola Archeologica di Atene", (1961-1962), pp.149-171
  6. Cf. Thompson, H. A., The Athenian Agora: A Short Guide, Excavations of the Athenian Agora Picture Books, nº 16, (1983), p. 13.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]