Endocardite de Löffler

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A endocardite de Loeffler ou Löffler, é un termo médico que define a inflamación do endocardio (endocardite) caracterizada por unha infiltración de eosinófilos que co tempo da lugar a un engrosamento fibrótico do corazón ou de algunha das súas zonas. É por iso que se considera unha miocardiopatía restritiva, e un dos xeitos de expresarse a síndrome hipereosinofílica. Ademais, a eosinofilia é quen de causar danos ao tecido cardíaco por mor da acción da proteína básica maior (PBM), radicais superóxidos, hidrolasas e eicosanoides aliberados polos eosinófilos[1]. Ás veces, pódese asociar con trombos da parede ventricular. O nome provén do investigador clínico austríaco Wilhelm Löffler[2]. A doenza está causada por un verme parasito (helminto), provocando nun primeiro momento unha parasitose con infiltración eosinofílica. É por iso que, malia a doenza non ten predisposición xeográfica, se tivo descrito con certa frecuencia en climas temperados, onde hai unha maior abundancia de parasitos[3].

Sintomatoloxía[editar | editar a fonte]

Os síntomas que máis adoito acontecen aparecer nesta doenza son a astenia (fatiga), o edema pulmonar e dos membros inferiores, e a dispnea ou dificultade respiratoria. De se producir unha embolia a nivel sistémico pode dar lugar a disfunción renal ou neurolóxica, e pode ser mortal. Os signos máis frecuentes son a cardiomegalia, os sopros cardíacos de insuficiencia mitral e o signo de Kussmaul (patróns respiratorios anormais).

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

As probas de laboratoria non son obrigatorias, mais son de grande axuda ao reveralern un incremento dos eosinófilos no sangue. Tamén adoita revelar, por mor da afectación miocárdica, a elevación de enzimas cardíacas como a CPK ou a troponina. O electrocardiograma e o ecocardiograma son probas de utilidade xa que demostran a hipertrofia dos ventrículos, e ademais dan coñecemento do grao de afectación das estruturas cardíacas, e tamén do seu grao funcional. A biopsia de miocardio pode amosar fibrose, e aínda que máis raramente, eosinofilia.

Tratamento[editar | editar a fonte]

O tratamento da endocardite de Löffler ha de ir encamiñado a tratar a causa da doenza, mais tamén ha de tentar tratar as posíbeis complicacións derivadas desta enfermidade, sobre todo a nivel cardíaco. Para reducir a eosinofilia existen tratamentos con corticoides como a prednisona. En casos nos que a corticoterapia non sexa efectiva pódese pautar tamén un tratamento inmunosupresor con interferón alfa. Nos últimos meses tamén se está a empregar imatinib, un inhibidor da enzima tirosin-kinasa. A complicación máis frecuente é a insuficiencia cardíaca, polo que no caso de se presentar, habería de tratarse do mesmo xeito que se tratase a outro doente de insuficiencia cardíaca, isto é, con diuréticos, inotrópicos e vasodilatadores[4].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. NOEMI H., Isabel. Eosinofilia e parasitoses. Rev. chil. pediatr. [online]. set. 1999, vol.70, no.5 [citado 22 setembro de 2007], p.435-440. Dispoñíbel na web: [1]. ISSN 0370-4106.
  2. W. Löffler. Endocarditis parietalis fibroplástica mit Bluteosinophilie. Ein eigenartiges Krankheitsbild. Schweizerische medizinische Wochenschrift, Basel, 1936, 66: 817-820.
  3. Francisco J García Fernández, et al. Fibrosis endomiocárdica tropical o enfermedad de Davies. A propósito de un caso. Rev Esp Cardiol 2001; 54: 235 - 238. [2] ISSN : 1579-2242.
  4. Loeffler endocarditis: What have we learned? William InterScience, American Journal of Hematology