Saltar ao contido

Emiliano Iglesias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 5 de maio de 2012 ás 22:17 por Ecemaml (conversa | contribucións) (es:)

Emiliano Iglesias Ambrosio, nado en Ponteareas o 28 de xullo de 1878 e finado en Madrid o 3 de outubro de 1941, foi un político galego.

Traxectoria

Cursou estudos de bacharelato en Pontevedra. Liderou a xuventude federal desa cidade e en 1894 era membro do Partido Republicano Federal. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, exerceu un tempo de avogado en Pontevedra onde foi director do periódico La Unión Republicana. En 1904 o Partido Republicano de Pontevedra organizou un mitin, no Teatro Circo, no que falou Alejandro Lerroux, de xira por Galiza. O acto foi convocado a través dun manifesto asinado por Joaquín Poza Cobas, en nome de El Grito del Pueblo, Emiliano Iglesias, pola Juventud Republicana, Sebastián Maquieira, polo Casino Republicano, e outros. Lerroux levouse a Emiliano Iglesias a Barcelona.

Con Alejandro Lerroux fundou en Barcelona o Partido Republicano Radical, do que foi destacado dirixente. Desde 1906 dirixiu o xornal El Progreso. Desde o xornal defendeu a Francesc Ferrer i Guàrdia cando foi implicado no atentado de Mateu Morral i Roca contra Afonso XIII e atacou a Solidaritat Catalana. Tamén foi presidente do Ateneo de Concentración Republicana Radical do VI Distrito de Barcelona. Cando Lerroux marchou ao exilio en Francia en 1908, converteuse no líder do Partido Radical no interior. En 1909 foi elixido concelleiro en Barcelona, onde foi acusado de irregularidades administrativas.

A pesar dos seus ataques virulento contra a Igrexa Católica e o exército pola guerra de Marrocos desde as páxinas do seu diario, mantivo unha actitude ambigua coa Semana Tráxica por mor das súas diferenzas coa Solidaritat Obrera, o que non o impediu a súa detención o 31 de xullo e o seu procesamento na chamada "Causa contra Trinidad Alted Fornet, Emiliano Iglesias Ambrosio, Luis Zurdo Olivares, Juana Ardiaca Mas e Francisco Ferrer Guardia, polo delito de rebelión militar». Despois defendeu a algúns dos implicados, incluso o mesmo Ferrer i Guàrdia, e foi elixido deputado nas eleccións xerais de 1910. En 1914 asinou en nome do seu partido o Pacto de Sant Gervasi que tentaba a fusión do Partido Radical coa Unió Federal Nacionalista Republicana. O pacto foi un fracaso e provocou o seu distanciamento con Lerroux en 1915. Foi elixido concelleiro en Barcelona en 1917 e detido durante a folga dese ano. Foi elixido deputado nas eleccións xerais de 1920 e 1923. Na ditadura de Primo de Rivera viuse forzado ao exilio en Francia.

Cando foi proclamada a Segunda República Española en Barcelona, o 14 de abril de 1931, foi gobernador civil de Barcelona un tempo, pero tivo que abandonar o cargo polas presións dos anarquistas, que apoiaban a Lluís Companys. En 1931 foi elixido deputado nas Cortes Constituíntes polo Partido Republicano Radical na candidatura de Pontevedra, durante este período foi o vicepresidente do comité que redactou a Constitución española de 1931. Foi reelixido en 1933, e nomeado embaixador en México. Non acadou acta nas eleccións xerais de febreiro de 1936.

En agosto de 1934 foi obxecto dunha homenaxe na Illa de San Simón.

Actividade xornalística

Como xornalista dirixiu El Centinela, La Unión Republicana e La Justicia de Pontevedra e El Progreso de Barcelona, e colaborou en La Acción e El Grito del Pueblo de Pontevedra, La Voz del Campo de Marín, El País e El Liberal de Madrid.

Véxase tamén

Ligazóns externas