Elisa Díaz
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de agosto de 1914 (110 anos) Santiago de Compostela, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | química |
Familia | |
Cónxuxe | Laureano Poza Juncal |
Irmáns | María Victoria Díaz Riva |
Elisa Susana Agustina Díaz Riva, nada en Santiago de Compostela o 22 de agosto de 1914, foi unha química galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi filla de Nicolás Díaz López, profesor de Latín e director do Instituto de Santiago (nado en maio de 1871 en Lugo,[1]) e de Sabina Riva Moscoso (nada en 1880 en Ferrol.[2]) Tivo tres irmáns que estudaron na universidade compostelá: Manuel e Nicolás Antonio, que fixeron Medicina, e María Vitoria, que estudou Filosofía e Letras[3] e foi mestra e inspectora de Primeira ensinanza en Oviedo. María Vitoria, ademais, sería unha das pensionistas da JAE.
Elisa estudou o bacharelato no Instituto de Santiago xunto con Natividad Mejuto Larrauri, quen sería unha das súas grandes amigas na facultade.[4] Entre 1930 e 1934 realizou os seus estudos na Facultade de Ciencias (Sección Química), acadando o grao de licenciada[5], tras o que conseguiu unha bolsa na facultade de Ciencias. Traballou como axudante de clases prácticas da materia Física Experimental durante 1934 e 1935 na Facultade de Ciencias[6] e como axudante interina no Instituto de Santiago.[7]
Unha vez rematada a carreira foi Axudante de Laboratorio de Bioloxía xunto ao profesor Luís Iglesias (1935) e tamén no Laboratorio de Física (1935 e 1936), baixo a dirección de Mariano Zurimendi.[4] Gañou unha praza de Profesora de Física e Química no Instituto de Segunda Ensinanza Pi i Margall de Barcelona (Institut-Escola Pi i Margall), que non chegou a exercer por pasar ao Instituto de Badalona[4].
Elisa casou polo civil co pontevedrés Laureano Poza Juncal, químico como ela, o 6 de marzo de 1937 en Madrid.[4] Laureano, que pertencía a unha destacada familia republicana e masona, militou en Acción Republicana de Pontevedra en 1933 e en Izquierda Republicana en Madrid, e traballou como catedrático interino no Instituto Nacional de Segunda Ensinanza de Vigo (1935) e como profesor na Escuela de Guerra número 1, en Barcelona.[4]
Exilio
[editar | editar a fonte]Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, Laureano Poza foi depurado do seu posto docente en Vigo. Xunto con Elisa e a súa irmá, María Vitoria, apareceron como beneficiarios dunha axuda que outorgaba o centro marsellés dos Comités de Axuda ós intelectuais cataláns.[8] Elisa e o seu marido marcharon ao exilio no buque Ipanema, chegando ao porto de Veracruz, en México, o 7 de xullo de 1939,[9], país no que pasaron o resto da súa vida.
Nese país americano Elisa completou a súa preparación estudando na Universidade Feminina a carreira de Técnica en Laboratorios Clínicos. Traballou como profesora de Química xeral, Química inorgánica e Química orgánica en escolas secundarias de México, así como no Instituto Hispano-Mexicano Ruiz de Alarcón, creado polas JARE para os fillos dos exiliados españois. Tamén se dedicou á Filosofía esotérica, formando parte dunha asociación teosófica[10] e escribiu "Los caminos de la vida y de la muerte".[11]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Elisa Díaz e Laureano Poza tiveron tres fillos: Joaquín (nado o 23 de abril de 1941) e as xemelgas Elisa Vitoria e Pilar (1945)[12] Poza Díaz.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Padrón de vecinos del Ayuntamiento de Lugo. Año de 1904" (Arquivo Municipal de Lugo, cartapacio 115, fol. 5v).
- ↑ "Padrón de vecinos del Ayuntamiento de Ferrol para el año de 1882" (Arquivo Histórico Municipal de Ferrol, "Barrio 2º, Calle de San Carlos").
- ↑ "Sección oficial. 16 junio.- R.O. número 837.- Reclamaciones a la lista única de opositoras". El Magisterio Español (en castelán) (Madrid). 2-7-1927. p. 24.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 (Pintos Barral 2016, p. 184)
- ↑ (Flecha García 2010, p. 269)
- ↑ (Pintos Barral 2016, p. 180, táboa 29)
- ↑ "Noticias". El Compostelano (en castelán) (Santiago de Compostela). 7-2-1935. p. 2.
El rector concedió licencia para dedicarse a la enseñanza privada a la señorita Elisa Díaz Riva, ayudante interino de la Sección de Ciencias del Instituto de esta ciudad
- ↑ Pujol Casademont, Enric (2000). Ferran Soldevila i la historiografia catalana del seu temps (1874-1971) (Tese) (en catalán). Universitat Autònoma de Barcelona. Departament d'Història Moderna i Contemporània. p. 457.
- ↑ "Ficha de Díaz Riva de Poza, Elisa". Movementos migratorios ibero-americanos (en castelán).
- ↑ 10,0 10,1 (Pintos Barral 2016, p. 185)
- ↑ "Revista 327 328 - Sep Dic 2002 - Sociedad Teosófica en Colombia" (en castelán). 2002.
- ↑ Smith, Mildred Anne (25-1-1959). "Teenagers from Mexico spend vacation here going to school". Santa Cruz Sentinel (en inglés) 103 (20). p. 10.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2006). Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940): do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-9750-644-8.
- Flecha García, Consuelo (2010). "Profesoras en la Universidad. El tránsito de las pioneras en España" (PDF). Arenal (en castelán): 255–297.
- Liste López, Socorro; Pintos Barral, Xoana (2010). Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), ed. "Abatendo muros: as primeiras docentes na Universidade de Santiago" (PDF). Boletín das Ciencias 23 (71): 155–156. ISSN 0214-7807.,
- Pintos Barral, Xoana (2016). As Mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960 (Tese). Universidade de Santiago de Compostela. p. 676.