Echium plantagineum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Echium plantagineum é unha planta incluída no xénero Echium. É unha herba anual que pode alcanzar os 70 cm de altura. Desenvólvese abundantemente en pradarías a pleno sol e tolera media sombra.

Detalle da flor.
Detalle da roseta.
Vista da planta no seu hábitat.

Descrición[editar | editar a fonte]

Anual ou bienal. Planta herbácea de até 70 cm de altura, con talos ramificados. Toda a planta áchase densamente cuberta dun indumento de pelos ríxidos que lle dan un tacto microáspero. As follas son lanceoladas, salvo as da roseta basal que son oblongas. Forma unha inflorescencia erecta. As flores son de cor azul-violeta intensa cos pétalos soldados en case toda a súa lonxitude, soamente teñen pelos sobre os nervios, feito que marca a diferenza de Echium plantagineum con respecto a Echium sabulicola (máis pequena e con pilosidade na corola da flor).

Florece no hemisferio boreal, segundo a rexión e o seu clima, de febreiro a xullo.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Zonas chairas de toda Europa ao longo de camiños e terras baldías. En España amplamente estendida por todo o territorio.

Esta é tamén a especie invasora e praga por excelencia (comparable coa expansión dos coellos) na maior parte do sur de Australia, onde infecta os antigamente produtivos pastos nativos. Foi introducida nos primeiros anos de colonización desde Europa pola familia Patterson para embelecer o seu xardín pero en pouco tempo púidose ver a súa imparable expansión a través dos anteriormente produtivos pastos circundantes. Hoxe en día séguese loitando pola súa erradicación con todos os medios posibles.

Principios activos[editar | editar a fonte]

Mucílagos, cinogloxina, consolicina, nitratos, tanino. Esta especie contén, como todas as demais pertencentes a este xénero, pequenísimas cantidades dun alcaloide bastante tóxico chamado equiína, que se asemella, no seu modo de actuación, ao curare que usan os indios suramericanos para envenenar as frechas. De feito, describíronse mortes de reses por pastar en zonas onde medraba esta especie e tela inxerido en grandes cantidades.

Usos medicinais[editar | editar a fonte]

O zume úsase en cosmética como eficaz emoliente para peles delicadas e arroibadas. Úsanse cataplasmas de flores frescas para curar forúnculos e uñeiros; usando as extremidades florais, que se colleitan en xullo.

A raíz dá un colorante vermello para os tecidos.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Echium plantagineum foi descrita por Jean-Baptiste Lamarck e publicada en Mantissa Plantarum 2: 202. 1771.[1]

Citoloxía

Número de cromosomas de Echium plantagineum (Fam. Boraginaceae) e taxóns infraespecíficos: n=8[2]

Etimoloxía

Echium: nome xenérico que deriva do grego echium, que significa víbora, pola forma triangular das sementes que lembran vagamente á cabeza dunha víbora. Este feito tamén explica que na Idade Media se tivese a esta planta como protectora fronte ás víboras e se utilizara, por asociación, como remedio contra as mordeduras deste ofidio.

plantagineum: epíteto que alude á semellanza foliar con especies do xénero Plantago.[3]

Sinonimia
  • Echium lycopsis auct. non L.
  • Echium murale Hill
  • Echium plantaginoides Roem. & Schult.
  • Echium sennenii Pau
  • Echium violaceum L.[4]
  • Echium alonsoi Sennen & Mauricio
  • Echium bonariense Poir.
  • Echium creticum subsp. plantagineum (L.) Malag.
  • Echium longistamineum Pourr. ex Lapeyr.
  • Echium orientale Stephan
  • Echium plantaginifolium L. ex Moris
  • Echium pseudoviolaceum Schur
  • Echium violaceum var. medium Kuntze

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Echium plantagineum". Tropicos.org. Jardín Botánico de Misuri. Consultado o 19 de setembro de 2013. 
  2. Estudios cariológicos de Boraginaceas españolas. II. Echium L. Luque, T. (1984) Lagascalia 13(1): 17-38
  3. En Flora de Canarias
  4. "Echium plantagineum". Real Jardín Botánico: Proyecto Anthos. Consultado o 25 de novembro de 2009.