Dolores González Katarain
(2000) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) María Dolores González Catarain 14 de maio de 1954 Ordizia, España |
Morte | 10 de setembro de 1986 (32 anos) Ordizia, España |
Causa da morte | homicidio, ferida por arma de fogo |
Actividade | |
Membro de | Euskadi Ta Askatasuna (–1980) |
María Dolores González Katarain, alias Yoyes, nada en Ordizia, Guipúscoa o 14 de maio de 1954 e finada ibídem o 10 de setembro de 1986, foi unha dirixente da organización Euskadi Ta Askatasuna (ETA), famosa por ser a primeira muller dirixente de ETA e por morrer a mans da mesma organización, acusada de traizón.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Yoyes naceu en 1954 na localidade guipuscoana de Ordizia, filla de Angelita Katarain e Luis González, que tivo 9 fillos. O seu avó paterno, que era de orixe leonesa, abrira unha tenda de ultramarinos na localidade e a familia vivía principalmente deste negocio, que rexentaba a nai, mentres Luis, o pai de familia, traballaba de viaxante.[1] Os González Katarain vivían nun casarón situado nos arredores da vila, que pertencera á familia da nai.
Incorporación a ETA
[editar | editar a fonte]Na adolescencia, Dolores inclinouse pola ideoloxía da esquerda abertzale. Crese que ingresou en ETA en 1971, cando contaba con 17 anos de idade. Nos seus primeiros anos dentro da organización foi unha militante legal, que mantivo a súa militancia de forma clandestina, mentres iniciaba estudos de Maxisterio en Donostia. Durante esta época iniciou unha relación sentimental con José Echevarría, alcumado como Beltza, un rapaz tres anos maior que ela que era da veciña localidade de Amezketa e co compartía grupo de amigos. Beltza, quen era tamén militante de ETA, faleceu o 28 de novembro de 1973 en Getxo ao facer explosión accidentalmente a bomba que portaba,[2]
A finais de 1973, foi sorprendida roubando unha multicopista dun colexio de Zumarraga. Este feito, e a detención do seu irmán, militante tamén de ETA, puxeron ó descuberto a súa actividade política, o que a obrigou a fuxir ó País Vasco Francés
Durante a súa etapa como militante de ETA en Francia tivo como cobertura legal un traballo como secretaria na revista abertzale Enbata, editada en Baiona.
Dirixente de ETA
[editar | editar a fonte]Yoyes converteuse en persoa de confianza de José Miguel Beñarán Ordeñana, Argala, quen a puxo a traballar na oficina política de ETA militar. Yoyes mantivo unha relación de amizade e confianza co principal ideólogo de ETA militar. En 1978, formaba parte do Comité Executivo da póla militar de ETA. Cando en decembro de 1978 Argala foi asasinado a mans do Batallón Vasco Español, Yoyes pasou a ocupar o seu posto á fronte da dirección política de ETA-militar, aínda que levou a cabo estes labores por breve tempo. A finais de xaneiro é detida por axentes franceses e foi confinada nunha vila do sueste de Francia durante varios meses.[3] Ó rematar devandito período de confinamento, optou por non aceptar as opcións da administración francesa e reintegrouse na vida clandestina regresando á dirección de ETA. Porén, as súas relacións coa nova dirección de ETA-militar empeoraron. Os antigos bereziak procedentes de ETA político-militar e partidarios dunha liña de actuación máis dura e violenta, fixéronse fortes dentro da organización. O enfrontamento con Eugenio Echeveste, Antxon foi irreversible. Ante as ameazas dalgúns membros da organización decidiu abandonala e marchar a un país de Latinoamérica. Porén, o seu abandono de ETA realizouno con máxima discreción, sen criticar abertamente á organización en público.
Exilio en México e abandono da organización
[editar | editar a fonte]Tras o asasinato en 1978 do dirixente da organización José Miguel Beñarán Ordeñana, Argala, a mans do Batallón Vasco Español, Yoyes foi afastándose paulatinamente de ETA, desconforme coa chamada "liña dura" que ía impóndose. En 1980, saíu de ETA e exiliouse en México, onde estudou Socioloxía e Filosofía, e chegou a traballar para a ONU. En 1984, viaxou a París, onde obtivo o estatuto de refuxiada política.
En agosto de 1985, ó non haber ningunha causa xudicial aberta contra ela e a tenor do disposto pola Lei de Amnistía de 1977, grazas á axuda dun amigo no Ministerio de Economía, entrou en contacto co dirixente socialista e director da Seguridade do Estado, Julián Sancristóbal, e decidiu regresar ó País Vasco pactando tamén o seu regreso co dirixente etarra Txomin Iturbe coa condición de que se fixese discretamente para que non puidese ser utilizado con fins propagandísticos.[4]
Porén, a reinserción da que durante anos fora a militante máis buscada non podía deixar de ser utilizada nin de ter repercusión nos medios; o Goberno español presentou este feito como unha acollida ás medidas de reinserción que entón existían e o semanario Cambio 16 publicou unha ampla reportaxe co título "O regreso da etarra" e a fotografía de Yoyes en portada, considerado como detonante da súa condena á morte. O 17 de outubro de 1985 terminaron as negociacións para o seu regreso, e finalmente, o 11 de novembro regresou ó País Vasco co seu marido e o seu fillo, instalándose en Donostia.
Asasinato
[editar | editar a fonte]Cando regresou a casa, ETA realizou unha consulta interna urxente para decidir que facían con ela. O seu contacto na banda, “Txomín”, líder co que Yoyes contactara para realizar o seu regreso, fora deportado por Francia a Alxeria, non podendo interceder por ela, e a cúpula etarra reuniuse de novo para tomar medidas fronte á antiga dirixente, molestos polas duras críticas que esta lles seguía facendo.
Xa existían outros precedentes, como o asasinato en 1984 de Miguel Francisco Solaun, que no seu día fora considerado o cerebro da fuga de presos da organización do cárcere de Basauri en 1968 e que posteriormente se negou a realizar un atentado contra unhas vivendas da Garda Civil.[5]
Acusada Yoyes de traizón, Francisco Mujika Garmendia, "Pakito", orixinario como Yoyes da localidade de Ordizia, ordenou a súa morte e foi asasinada a tiros por Antonio López Ruiz, "Kubati", mentres paseaba durante as festas da súa localidade natal co seu fillo de 3 anos.
O pleno municipal da cidade decidiu suspender as festas en sinal de repulsa a un atentado "fascista e totalitario". Pola súa banda, dirixentes próximos á contorna de ETA xustificaron o seu asasinato.[6]
Kubati foi detido en novembro de 1987 cando realizaba unha chamada telefónica desde unha cabina de Tolosa (Guipúscoa), dentro dunha operación que a Garda Civil denominou co nome do fillo de Yoyes.[7]
Yoyes na cultura popular
[editar | editar a fonte]Na actualidade Yoyes continúa sendo unha icona dos medios, considerándose a súa morte un punto de inflexión na sociedade vasca e en ETA, no momento no que diversos sectores de devandita organización estaban a reformularse o futuro da súa actividade, logrando ETA acabar co goteo de reinsercións.[3][8][9][10][11]
Foi definida como unha muller «moi admirada» e «comprometida, con clarividencia política» e tamén pola «súa condición de muller» nunha organización liderada maioritariamente por homes.[12]
No capítulo 319 (episodio 9 da tempada 18) da serie televisiva Cuéntame cómo pasó, emitido o 9 de marzo de 2017, cóntase a historia dunha exmembro ficticia da banda terrorista ETA, Koro Zabaleta, interpretada por Itziar Ituño, que é asasinada polos seus antigos compañeiros ao considerala unha traidora: a historia garda certos paralelismos coa de Dolores González Katarain.
Filmografía
[editar | editar a fonte]- Documental Yoyes do programa "Documentos TV" de TVE.
- Na película biográfica Yoyes dirixida na súa "opera prima" pola directora navarra Helena Taberna en 1999, Ana Torrent interpreta o papel de Dolores González.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "«Yoyes fue víctima de ETA y de sí misma»". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2016. Consultado o 23 de novembro de 2016.
- ↑ "Edición del viernes, 30 noviembre 1973, página 7 - Hemeroteca - Lavanguardia.es".
- ↑ 3,0 3,1 "O asasinato que marcou unha inflexión". Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2009. Consultado o 23 de novembro de 2016.
- ↑ "O 'mito Yoyes' sobrevive a ETA". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2009. Consultado o 23 de novembro de 2016.
- ↑ ETA aproveitou esta situación para chantaxear o ex membro e obrigalo a colaborar nun atentado nese mesmo edificio.
- ↑ Iñaki Aldekoa: "Un exército non pode permitirse o luxo da traizón dos seus militantes e moito menos dos seus xenerais". Iñaki Esnaola: "Yoyes non era Santa Tareixiña do neno Xesús". Ambos posteriormente abandonaron ETA.
- ↑ "'Kubati' no podrá salir mañana de prisión, como estaba previsto, al aplicarle la Audiencia Nacional la 'doctrina Parot'". Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2016. Consultado o 23 de novembro de 2016.
- ↑ "As pantasmas de Pertur e Yoyes axexan a Aralar". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 23 de novembro de 2016.
- ↑ Bono cre que Otegi ten o «complexo Yoyes»[Ligazón morta]
- ↑ "Bono cree que Otegi tiene "el complejo Yoyes", porque sabe que si habla "con más firmeza, lo matarán"". www.europapress.es. 1 de setembro de 2008.
- ↑ Txelis busca o perdón de Yoyes
- ↑ «Por atreverse a discrepar»
- ↑ A actriz Ana Torrent dá vida a unha Yoyes comprometida e humana
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: País Vasco |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pedro Ibarra Güell.- "Yoyes: ética e política". (Mentres tanto, ISSN 0210-8259, Nº. 29, 1987)
- Diario persoal publicado pola familia en 1987 "Yoyes desde a súa xanela", 'www.yoyes.eu'.