Diocese apostólica armenia dos Estados Unidos Occidentais

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaDiocese apostólica armenia dos Estados Unidos Occidentais

Localización
Xeografía
Parte de

Páxina webwdacna.com Editar o valor em Wikidata

A diocese dos Estados Unidos Occidentais é unha diocese da Igrexa Apostólica Armenia creada en 1927, baixo a autoridade da Santa Sé de Etchmiadzin. O seu primado actual é o arcebispo Hovnan Derderian.

Territorio[editar | editar a fonte]

A diocese ten xurisdición sobre todos os fieis apostólicos armenios dos Estados Unidos Occidentais, incluíndo os estados de Hawai e Alasca. O seu territorio está dividido en 44 parroquias, co maior número delas no estado de California.[1]

A sé episcopal está na cidade de Burbank (California) onde está a catedral de San León.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes e diocese de América[editar | editar a fonte]

Na segunda metade do século XIX moitos armenios emigraron aos Estados Unidos de América para realizar estudos superiores, e moitos deles quedaron no país. Esta inmigración aos Estados Unidos aumentou cos masacres que sufriron os armenios a comezos do século XX, no xenocidio armenio. En América, os armenios establecéronse principalmente na costa leste e en California.

Ao non ter templos propios, estes inmigrantes acudían principalmente a servizos protestantes, polo que se comezou a traballar para levar sacerdotes armenios aos Estados Unidos. En 1888 o patriarca de Constantinopla enviou ao primeiro sacerdote (Hovsep Sarajian, posteriormente bispo) ao leste do país, a Worcester, Massachusetts, e en 1891 foi consagrada a primeira igrexa armenia.

Inicialmente unha misión do patriarcado de Constantinopla, a sé foi elevada a diocese polo catholicos de Todos os Armenios Bautista I nunha encíclica do 2 de xullo de 1898, como "diocese de América", con sé en Massachusetts.

A diocese dos Estados Unidos Occidentais[editar | editar a fonte]

California era un centro de poboación armenia no outro extremo do país. A primeira igrexa armenia no Oeste foi consagrada en outubro de 1900 polo xa bispo Hovsep Sarajian.

O 28 de novembro de 1927 o catholicos Xurxo V aceptou a creación da "diocese de California"; o seu primeiro primado foi o bispo Karekin Khachadourian. No seu episcopado comezou a publicación do xornal oficial da diocese, Paros, en armenio e inglés.

Na década de 1950 varias parroquias pediron pasar a estar baixo xurisdición da Santa Sé de Cilicia no canto da de Etchmiadzin. En 1956 o catholicos de Cilicia Zareh I aceptou estender a súa autoridade sobre ditas parroquias, e en 1958 creou a prelatura de América do Norte; a día de hoxe as xurisdicións baixo Cilicia e Etchmiadzin seguen a estar separadas.

Inicialmente con sé en Fresno, mudou a súa localización aos Ánxeles e, posteriormente, a Burbank. Isto foi resultado dos esforzos do primado Vatche Hovsepian por asegurar as sedes das institucións diocesanas.

Episcopoloxio[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dato da páxina web oficial da diocese. Western Diocese of the Armenian Church. "Parishes of the Western Diocese" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2014. Consultado o 30 de agosto de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]