Dereito á educación
O dereito á educación é un dereito humano recoñecido e enténdese como o dereito a unha educación primaria gratuíta obrigatoria para todo cidadán, unha obriga a desenvolver unha educación secundaria accesible para todos os nenos, como tamén un acceso equitativo á educación superior, e unha responsabilidade de prover educación básica aos individuos que non completaron a educación primaria. Adicionalmente a estas previsións sobre acceso á educación abarca tamén a obriga de eliminar a discriminación en todos os niveis do sistema educativo, fixar estándares mínimos e mellorar a calidade.[1]
Tratados internacionais
[editar | editar a fonte]Este dereito está contido en numerosos tratados internacionais de dereitos humanos pero a súa formulación máis extensa atópase no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais das Nacións Unidas, ratificado por case todos os países do mundo. O Pacto no seu artigo 13 recoñece o dereito de toda persoa á educación.
Contido do artigo 13 do Pacto
- Os Estados conveñen en que a educación debe orientarse cara ao pleno desenvolvemento da personalidade humana e do sentido da súa obra cara a dignidade, e debe fortalecer o respecto polos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.
- Conveñen así mesmo en que a educación debe capacitar a todas as persoas para participar efectivamente nunha sociedade libre, favorecer a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e entre todos os grupos raciais, étnicos ou relixiosos, e promover as actividades das Nacións Unidas en prol do mantemento da paz.
- O ensino primario debe ser obrigatorio e accesible a todos gratuitamente.
- O ensino secundario, nas súas diferentes formas, incluso o ensino secundario técnico e profesional, debe ser xeneralizado e facerse accesible a todos, por cantos medios sexan apropiados, e en particular pola aplicación progresiva do ensino gratuíto.
- O ensino superior debe facerse igualmente accesible a todos, sobre a base da capacidade de cada un, por cantos medios sexan apropiados, e en particular pola aplicación progresiva do ensino gratuíto.
- Debe fomentarse ou intensificarse, na medida do posible, a educación fundamental para aquelas persoas que non recibiran ou non remataran o ciclo completo de instrución primaria.
- Debe proseguir activamente o desenvolvemento do sistema escolar en todos os ciclos do ensino, implantar un sistema adecuado de bolsas, e mellorar continuamente as condicións materiais do corpo.[2]
Etapas de expansión e recoñecemento do dereito
[editar | editar a fonte]O dereito á educación é un dereito humano que ten como finalidade establecer unha educación primaria para todos os nenos e nenas, desenvolver unha educación secundaria accesible progresivamente a todos os nenos e nenas e o acceso á educación superior en función dos méritos. Este dereito impón ao Estado a obriga de dar unha educación básica ás persoas que non reciban a educación primaria. Ademais do acceso, o dereito a unha educación implica a obriga de eliminar a discriminación a todos os niveis do sistema educativo para establecer estándares mínimos e mellorar a calidade.
Katarina Tomasevski explicou que a aplicación do dereito á educación é un proceso continuo que pasa ordinariamente por catro fases:
- Recoñecemento da educación como dereito,
- Segregación de certas categorías: mulleres, indíxenas etc.
- Paso da segregación á asimilación pola vía da integración,
- Adaptación á diversidade.[3]
Características esenciais do dereito á educación
[editar | editar a fonte]A primeira Relatora Especial da Organización das Nacións Unidas sobre o dereito á educación, fala de catro dimensións deste dereito. O esquema de 4-A (en inglés Available, Accesible, Acceptable, Adaptable) brinda un marco conceptual para fixar as obrigas dos gobernos sobre o dereito á educación: xerar educación dispoñible, accesible, aceptable, e adaptable figura igualmente na Observación xeral número 3 do Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas.[4]
O marco conceptual brinda non só un conxunto de indicadores claves para a xestión da educación, senón tamén un esquema de vixilancia no marco do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas.
- Dispoñibilidade: Debe haber escolas ou institucións educativas que cubran a totalidade da poboación.Os Estados deben garantir a provisión de suficientes infraestruturas educativas (institucións e programas) para todas as persoas. Estas deben estar equipadas con todos os materiais e as instalacións necesarias para funcionar adecuadamente no contexto específico, tales como edificios, equipos didácticos e materiais, persoal capacitado e adecuadamente remunerado, protección ante elementos naturais, instalacións sanitarias para ambos os sexos e auga potable.[5]
- Aceptabilidade: Os programas de estudo teñen que ser adecuados culturalmente e de boa calidade, aceptables polos titulares do dereito: alumnos e pais.
- Adaptabilidade: Isto significa que os programas deben adecuarse aos cambios da sociedade.
- Accesibilidade: Non se pode prohibir o acceso á educación xa sexa por cor de pel, relixión ou por razóns culturais
Aplicación
[editar | editar a fonte]As leis internacionais non se manifestan respecto da educación pre-primaria, e polo xeral os documentos legais omiten esta fase.[6] A pesar de que os nenos son considerados os principais beneficiarios do dereito á educación, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos declara que todos teñen dereito a recibir educación.[6]
O dereito á educación divídese en tres áreas:
- Educación primaria: Debe ser obrigatoria e gratuíta para calquera neno sen importar a súa nacionalidade, xénero, lugar de nacemento, relixión, cor de pel ou calquera outro tipo de discriminación.
- Educación secundaria: Debe estar dispoñible e ser accesible.
- Educación superior: (nivel terciario, universitario). Debe proverse de acordo ás capacidades, é dicir, calquera que alcance os niveis académicos necesarios debe poder acceder a unha educación superior.
Tanto a educación secundaria como a superior, deben facerse accesibles "por todos os medios posibles, particularmente mediante a inclusión progresiva da educación libre".[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A Human Rights-Based Approach to Education for All (PDF). UNESCO e UNICEF. 2007. p. 7.
- ↑ "ACNUDH | Pacto Internacional de Derechos Económicos, Sociales y Culturales". Consultado o 6 de abril de 2020.
- ↑ K. Tomasevski, Informe á Comisión de Dereitos Humanos, 2010
- ↑ "Observación general Nº 3: La índole de las obligaciones de los Estados Partes" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2020. Consultado o 6 de abril de 2020.
- ↑ "El derecho a la educación". Red-DESC (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2018.
- ↑ 6,0 6,1 Beiter, Klaus Dieter (2005). The Protection of the Right to Education by International Law. Martinus Nijhoff Publishers. pp. 19–20. ISBN 9004147047.
- ↑ "Article 13 (2) (a) to (c), International Covenant on Economic, Social and Cultural Rights". www.ohchr.org. Consultado o 2022-03-03.