Dereito á educación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nenos nepalís lendo.

O dereito á educación é un dereito humano recoñecido e enténdese como o dereito a unha educación primaria gratuíta obrigatoria para todo cidadán, unha obriga a desenvolver unha educación secundaria accesible para todos os nenos, como tamén un acceso equitativo á educación superior, e unha responsabilidade de prover educación básica aos individuos que non completaron a educación primaria. Adicionalmente a estas previsións sobre acceso á educación abarca tamén a obriga de eliminar a discriminación en todos os niveis do sistema educativo, fixar estándares mínimos e mellorar a calidade.[1]

Tratados internacionais[editar | editar a fonte]

Este dereito está contido en numerosos tratados internacionais de dereitos humanos pero a súa formulación máis extensa atópase no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais das Nacións Unidas, ratificado por case todos os países do mundo. O Pacto no seu artigo 13 recoñece o dereito de toda persoa á educación.

Contido do artigo 13 do Pacto

Selo de Romanía co artigo 32 da Constitución de Romanía que detalla o Dereito á Educación.
  • Os Estados conveñen en que a educación debe orientarse cara ao pleno desenvolvemento da personalidade humana e do sentido da súa obra cara a dignidade, e debe fortalecer o respecto polos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.
  • Conveñen así mesmo en que a educación debe capacitar a todas as persoas para participar efectivamente nunha sociedade libre, favorecer a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e entre todos os grupos raciais, étnicos ou relixiosos, e promover as actividades das Nacións Unidas en prol do mantemento da paz.
  • O ensino primario debe ser obrigatorio e accesible a todos gratuitamente.
  • O ensino secundario, nas súas diferentes formas, incluso o ensino secundario técnico e profesional, debe ser xeneralizado e facerse accesible a todos, por cantos medios sexan apropiados, e en particular pola aplicación progresiva do ensino gratuíto.
  • O ensino superior debe facerse igualmente accesible a todos, sobre a base da capacidade de cada un, por cantos medios sexan apropiados, e en particular pola aplicación progresiva do ensino gratuíto.
  • Debe fomentarse ou intensificarse, na medida do posible, a educación fundamental para aquelas persoas que non recibiran ou non remataran o ciclo completo de instrución primaria.
  • Debe proseguir activamente o desenvolvemento do sistema escolar en todos os ciclos do ensino, implantar un sistema adecuado de bolsas, e mellorar continuamente as condicións materiais do corpo.[2]

Etapas de expansión e recoñecemento do dereito[editar | editar a fonte]

O dereito á educación é un dereito humano que ten como finalidade establecer unha educación primaria para todos os nenos e nenas, desenvolver unha educación secundaria accesible progresivamente a todos os nenos e nenas e o acceso á educación superior en función dos méritos. Este dereito impón ao Estado a obriga de dar unha educación básica ás persoas que non reciban a educación primaria. Ademais do acceso, o dereito a unha educación implica a obriga de eliminar a discriminación a todos os niveis do sistema educativo para establecer estándares mínimos e mellorar a calidade.

Katarina Tomasevski explicou que a aplicación do dereito á educación é un proceso continuo que pasa ordinariamente por catro fases:

  1. Recoñecemento da educación como dereito,
  2. Segregación de certas categorías: mulleres, indíxenas etc.
  3. Paso da segregación á asimilación pola vía da integración,
  4. Adaptación á diversidade.[3]

Características esenciais do dereito á educación[editar | editar a fonte]

A primeira Relatora Especial da Organización das Nacións Unidas sobre o dereito á educación, fala de catro dimensións deste dereito. O esquema de 4-A (en inglés Available, Accesible, Acceptable, Adaptable) brinda un marco conceptual para fixar as obrigas dos gobernos sobre o dereito á educación: xerar educación dispoñible, accesible, aceptable, e adaptable figura igualmente na Observación xeral número 3 do Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas.[4]

O marco conceptual brinda non só un conxunto de indicadores claves para a xestión da educación, senón tamén un esquema de vixilancia no marco do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas.

  • Dispoñibilidade: Debe haber escolas ou institucións educativas que cubran a totalidade da poboación.Os Estados deben garantir a provisión de suficientes infraestruturas educativas (institucións e programas) para todas as persoas. Estas deben estar equipadas con todos os materiais e as instalacións necesarias para funcionar adecuadamente no contexto específico, tales como edificios, equipos didácticos e materiais, persoal capacitado e adecuadamente remunerado, protección ante elementos naturais, instalacións sanitarias para ambos os sexos e auga potable.[5]
  • Aceptabilidade: Os programas de estudo teñen que ser adecuados culturalmente e de boa calidade, aceptables polos titulares do dereito: alumnos e pais.
  • Adaptabilidade: Isto significa que os programas deben adecuarse aos cambios da sociedade.
  • Accesibilidade: Non se pode prohibir o acceso á educación xa sexa por cor de pel, relixión ou por razóns culturais

Aplicación[editar | editar a fonte]

Aprendendo xeografía nunha escola Montessori.

As leis internacionais non se manifestan respecto da educación pre-primaria, e polo xeral os documentos legais omiten esta fase.[6] A pesar de que os nenos son considerados os principais beneficiarios do dereito á educación, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos declara que todos teñen dereito a recibir educación.[6]

O dereito á educación divídese en tres áreas:

  • Educación primaria: Debe ser obrigatoria e gratuíta para calquera neno sen importar a súa nacionalidade, xénero, lugar de nacemento, relixión, cor de pel ou calquera outro tipo de discriminación.
  • Educación secundaria: Debe estar dispoñible e ser accesible.
  • Educación superior: (nivel terciario, universitario). Debe proverse de acordo ás capacidades, é dicir, calquera que alcance os niveis académicos necesarios debe poder acceder a unha educación superior.

Tanto a educación secundaria como a superior, deben facerse accesibles "por todos os medios posibles, particularmente mediante a inclusión progresiva da educación libre".[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A Human Rights-Based Approach to Education for All (PDF). UNESCO e UNICEF. 2007. p. 7. 
  2. "ACNUDH | Pacto Internacional de Derechos Económicos, Sociales y Culturales". Consultado o 6 de abril de 2020. 
  3. K. Tomasevski, Informe á Comisión de Dereitos Humanos, 2010
  4. "Observación general Nº 3: La índole de las obligaciones de los Estados Partes" (en castelán). Consultado o 6 de abril de 2020. 
  5. "El derecho a la educación". Red-DESC (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2018. 
  6. 6,0 6,1 Beiter, Klaus Dieter (2005). The Protection of the Right to Education by International Law. Martinus Nijhoff Publishers. pp. 19–20. ISBN 9004147047. 
  7. "Article 13 (2) (a) to (c), International Covenant on Economic, Social and Cultural Rights". www.ohchr.org. Consultado o 2022-03-03. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]