Saltar ao contido

Deglutinación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En lingüística histórica, a deglutinación é unha mudanza no aspecto fónico dunha palabra resultante dun corte non etimolóxico debido, na maioría das veces, á fusión ou confusión da vogal inicial co artigo definido.

Exemplos en galego inclúen bispo < obispo, reloxo < (h)orologio e botica < apot(h)eca.

Deglutinación na toponimia

[editar | editar a fonte]

A deglutinación é un trazo moi característico da evolución da toponimia galega, presente en numerosas formas actuais con artigo procedente dun A ou O que orixinariamente formaba parte da palabra que hoxe anteceden. Por exemplo:

A Baña < Avania

A Grela < Agrela (agra pequena)

O Grove < Ogrobe < Ocobre

O Incio < Onitio

Porto do Son < Porto de+o Son < Porto Doçon.

No proceso de estandarización dos topónimos oficiais galegos, a Comisión de Toponimia da Xunta optou por respectar a deglutinación se está consolidada na fala e a escrita. De seguir un criterio etimolóxico, os lugares anteriores denominaríanse Avaña, Agrela, Ogrobe, Oíncio e Porto Dozón.

Preto da metade dos topónimos galegos presentan artigo, mais non todos son resultado da deglutinación da vogal inicial[1]. Nos máis dos casos consisten nun substantivo procedente do léxico común (A Cañiza, A Laxe, A Pastoriza, A Veiga, O Carballiño, O Seixo). Este é tamén o caso, con distintos graos de certeza, doutros topónimos con significado léxico menos aparente: A Fonsagrada (fonte sagrada), A Laracha (leira ancha)[2], O Vicedo (lugar no que abundan as vezas)[3] ou O Valadouro (val do ouro).

  1. Boullón Agrelo, Ana María (2011). "O artigo na toponimia galega: aspectos da estandarización". Revista Galega de Filoloxía (12): 11–35. ISSN 1576-2661. 
  2. "Topónimos galegos con artigo". La Voz de Galicia (en castelán). 2001-03-01. Consultado o 2020-04-11. 
  3. González, Xosé (2014-02-07). "toponimia do concello do Vicedo: Apuntes sobre a toponimia do concello do Vicedo". toponimia do concello do Vicedo. Consultado o 2020-04-11.