De Havilland Sea Venom

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
de Havilland Sea Venom
Tipocazabombardeiro
Fabricantede Havilland Aircraft Company
SNCASE
Primeiro voo15 de abril de 1951
Retirado1970
Principais usuariosRoyal Navy
Armada de Francia
Real Armada de Australia

O de Havilland Sea Venom foi un reactor embarcado británico de posguerra desevolvido a partir do de Havilland Venom. Serviu coa Fleet Air Arm da Royal Navy e coa Real Armada de Australia. A Armada de Francia operou o Aquilon, desenvolvido a partir do Sea Venom FAW.20 e fabricado baixo licenza por SNCASE (Sud-Est).

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O Sea Venom era a versión navalizada do caza nocturno bipraza Venom NF.2, e foi usado como un interceptor todotempo pola Fleet Air Arm (FAA). As modificacións necesarias para ser usado nos portaavións da Royal Navy incluían ás pregables, un gancho de cola e un tren de aterraxe reforzado. O dosel da cabina modificouse para permitir a exección debaixo da auga. O primeiro prototipo realizou o seu voo de estrea en 1951, e comezou as probas en cuberta ese mesmo ano. Fabricáronse dous prototipos máis. Os primeiros Sea Venom de produción recibiron a designación FAW.20 (Fighter, All-Weather). Estaba impulsado por un único motor turborreactor de Havilland Ghost 103 e o seu armamento era o mesmo que o da versión da RAF. A segunte variante foi a FAW.21, que incluía as modificacións introducidas nos Venom NF.2A e NF.3. Entre estas modificacións estaban o motor Ghost 104 e un radar estadounidense. A derradeira variante da Royal Navy foi a FAW.22 impulsada polo motor Ghost 105. Fabricáronse un total de 39 aeronaves deste tipo en 1957-58. Posteriormente algúns deles equipáronse co mísil aire-aire de Havilland Firestreak.

Sete FAW.21 foron modificados en 1958 para tarefas de contramedidas electrónicas (ECM), substituíndo o canón con equipo ECM. Estes convertéronse no ECM.21. O 831 Naval Air Squadron, o único escuadrón e equipalos, estaba baseado en terra, en RAF Watton, dende 1963 e desapareceu en 1966. Os FAW.22 convertidos coñecéronse como ECM.22.

Considerouse un proxecto de Sea Venom modernizado, o DH.116 con ás en frecha e un radar actualizado, pero o proxecto cancelouse xa que a Royal Navy cría que calquera substituto precisaba dous motores. O de Havilland Sea Vixen substituíu finalmente ao Sea Venom.

Historial operacional[editar | editar a fonte]

Royal Navy[editar | editar a fonte]

En 1956 os Sea Venom, xunto cos Venom da RAF, combateron na guerra de Suez que comezou o 31 de outubro. Estes eran dos escuadróns navais 809, 891, 892, 893, 894 e 895[1] baseados no portaavións lixeiro HMS Albion e no portaavións HMS Eagle. A invasión anglo-francesa, chamada Operación Musketeer, tivo lugar en resposta á nacionalización do canal de Suez por parte do líder exipcio, Gamal Abdel Nasser. A guerra no aire comezou o 31 de outubro de 1956 marcando o comezo da guerra. Os Sea Venom realizaron moitas saídas, bombardeando distintos obxectivos en Exipto.

Os Sea Venom tamén operaron durante os conflitos en Oriente Medio.

En 1959 o Sea Venom comezou a ser substituído no servizo da Royal Navy polo de Havilland Sea Vixen, un avión que tamén tiña a distintiva dobre cola. O Sea Venom sería retirado da primeira liña de servizo pouco despois. O tipo continuou voando en usidades de segunda liña da FAA ata ser retirado definitivamente en 1970.

Servizo con outros países[editar | editar a fonte]

39 Sea Venom FAW.53 operaron coa Real Armada de Australia (RAN), substutuíndo ao Hawker Sea Fury. O Sea Venom entrou en servizo en 1956 e, durante o seu tempo coa RAN, operou dende o portaavións HMAS Melbourne. Os avións retiráronse da primeira liña de servizo en 1967, substituídos polo estadounidense McDonnell Douglas A-4G Skyhawk.

Dende 1957 ata 1961 os Aquilon da Armada de Francia realizaron operacións contra a insurxencia en Alxeria.[2] Os Aquilon retiráronse do servizo no ano 1965.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. British Naval Aircraft Since 1912, Owen Thetford 1962, Putnam & Co. Ltd., p.96
  2. Oliver, David (1987). British combat aircraft in action since 1945. London: Ian Allan. ISBN 071101678X. OCLC 17354945.