Saltar ao contido

Dólar hawaiano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplar dun dólar hawaiano de prata de 1883 co busto do rei Kalākaua

O dólar ou dala foi a moeda de Hawai entre 1847 e 1898. Era igual ao dólar dos Estados Unidos e foi dividido a 100 céntimos ou keneta. Só se realizaron emisións esporádicas, que circularon en paralelo á moeda dos Estados Unidos.[1][2]

Kamehameha III

[editar | editar a fonte]

A primeira emisión oficial do Reino de Hawai foi en 1847. Tratábase dun céntimo de cobre que amosaba o retrato do rei Kamehameha III no seu anverso. Esta moeda resultou ser impopular por mor da mesquiña calidade do retrato do rei. Malia haber quen sostén que a denominación era incorrecta (hapa haneri en vez de hapa haneli), a ortografía hapa haneri foi correcta ata a fin o século XIX.[3] A ortografía haneri ("cen" ou "cento" en hawaiano) aparece en todos os billetes de 100 e de 500 dólares en circulación entre 1879 e 1900.[4][5][6]

Kalākaua I

[editar | editar a fonte]
Moeda de Kalākaua de 10 centavos de dólar ou umi keneta de 1883
Artigo principal: Moedas de Kalākaua.

En 1883, o circulante oficial de prata do Reino de Hawai estivo constituído polas denominacións dun dime ou 10 centavos (umi keneta en hawaiano), un cuarto de dólar (hapaha), medio dólar (hapalua) e un dólar (akahi dala). A Casa da Moeda dos Estados Unidos cuñou, na ceca de Filadelfia, 26 presentacións de proba que contiñan o umi keneta (10 centavos), hapaha (cuarto), hapalua (medio) e akahi dala (un dólar). Tamén se fabricaron 20 exemplares de proba coa denominación de oito dólares (hapawalu). As moedas de prata emitidas para a circulación no Reino de Hawai fabricáronse na Casa da Moeda de San Francisco, deseñadas polo seu gravador Charles Edward Barber.[7]

As moedas de Hawai continuaron a circular durante varios anos logo da anexión aos Estados Unidos, en 1898, ata que en 1903 unha acta do Congreso desmonetizou as emisións Hawaianas. A maioría das moedas foron retiradas e fundidas, aínda que se conservaron algunhas pezas, moitas veces convertidas en pezas de xoiaría. Segundo as estimacións, o número máximo de exemplares de cada moeda que se conservou é o seguinte:[7]

  • Umi keneta (10 centavos): 249.921 pezas.
  • Hapaha (cuarto de dólar): 242.600 pezas.
  • Hapalua (medio dólar): 87.700 pezas.
  • Akahi dala (un dólar): 46.300 pezas.
Billete de 20 dólares da República de Hawai, emitidos en 1895.

En 1879, o Departamento de Finanzas emitiu os primeiros billetes de Hawai, que viñan sendo certificados de depósito de moeda de prata por valor de 10, 20, 50 e 100 dólares. Con todo, emitíronse moi pequenas cantidades destes billetes, e a maioría do diñeiro de papel circulante pertencía ás emisións dos Estados Unidos.[8] A partir de 1884 só se admitiron moedas de ouro estadounidenses para cantidades por riba dos 10 dólares.[9]

En 1897, a República de Hawai emitiu certificados de depósito de moeda de prata con valores de 5, 10, 20, 50 e 100 dólares. En 1899 emitíronse billetes coas mesmas denominacións apoiados por depósitos de ouro. Tódolos billetes hawaianos, especialmente os certificados de ouro, son hoxe extremadamente raros.

  1. Emisións en moeda: Krause, Chester L.; Clifford Mishler (1991). Standard Catalog of World Coins: 1801-1991 (18th ed.). Krause Publications. ISBN 0873411501
  2. Emisións en billete: Pick, Albert (1994). Standard Catalog of World Paper Money: General Issues. Krause Publications. ISBN 0-87341-207-9
  3. "Hawaii’s Coinage 1847-1883 - CoinSite". coinsite.com. Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2013. Consultado o 2015-09-05. 
  4. "Image: HwiP.4p100DollarsND1879.jpg". numismondo.com. Arquivado dende o orixinal o 26 de setembro de 2011. Consultado o 2015-09-05. 
  5. "Image: HwiP.5p500DollarsND1879.jpg". numismondo.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2012. Consultado o 2015-09-05. 
  6. "Image: HwiP.UNL15100Dollars1895SerC.jpg". numismondo.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2012. Consultado o 2015-09-05. 
  7. 7,0 7,1 "10 cents", "1/8 dollar", "1/4 dollar", "1/2 dollar", "1 dollar". Numista.
  8. "The Morgan Report, p. 758". morganreport.org. Consultado o 2015-09-05. 
  9. "The Morgan Report, p. 416". morganreport.org. Consultado o 2015-09-05. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]