Moedas de Kalākaua

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

1 dólar (akahi dala) [1]
A/: Cabeza cara á dereita de Kalākaua I. Data no exergo.

Lenda: KALAKAUA I KING OF HAWAII.

R/: escudo de armas de Hawai, brasonado sobre manto de armiño. Valor facial partido a ambos os lados.

Lenda: UA MAU KE EA O KA AINA I KA PONO / 1 D / AKAHI DALA

As moedas de Kalākaua son unha serie de moedas de prata do Reino de Hawai e datadas en 1883, emitidas a nome do rei Kalākaua co fin impulsar o orgullo do pobo hawaiano ao dotar o reino da súa propia moeda.

Foron cuñadas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos na súa Ceca de San Francisco, cos valores dun dólar, medio dólar, un cuarto de dólar e 10 centavos, e os seus deseños son obra de Charles E. Barber, gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos.

A partir da Lei de 1880 que autorizaba a emisión de moeda, o rei Kalākaua amosou o seu interese e os responsables do Goberno viron un xeito de saír dun aperto financeiro conseguindo que se emitisen moedas a cambio de bonos gobernamentais. O empresario Claus Spreckels estaba disposto a facer os acordos necesarios cos Estados Unidos a cambio dos beneficios da produción das moedas, e contratou coa US Mint a cuñaxe de moedas por valor de 1.000.000 de dólares. Nun principio, prevírase cuñar unha peza de 12½ centavos ou ⅛ de dólar e mesmo chegaron a producirse algúns espécimes a modo de proba, mais esta posibilidade rexeitouse, nun esforzo por lograr a uniformidade entre os sistemas estadounidense e hawaiano, e finalmente substituíuse por unha moeda de dez centavos. As moedas cuñáronse en San Francisco en 1883 e 1884, aínda que todas levan a data inmobilizada de 1883.

As Kalākaua foron recibidas con hostilidade pola comunidade empresarial de Honolulu, que temía a inflación nunha época de recesión. Logo dalgunhas manobras legais, o Goberno accedeu a utilizar máis da metade das moedas como garantía do papel moeda, o que continuou ata que comezou a mellora da situación económica en 1885. Despois diso, as moedas foron aceptadas con máis entusiasmo na circulación e permaneceron no fluxo comercial das illas ata a súa retirada en 1903, logo da anexión do territorio de Hawai polos Estados Unidos.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Emisión privada de 12½ centavos, da plantación Wailuku (1871).[3]
Artigo principal: Dólar hawaiano.

Antes da chegada do capitán Cook en 1770, os hawaianos non utilizaban moedas e a súa economía agrícola baseábase no troco. As primeiras relacións entre os hawaianos e os exploradores tamén se baseaban no troco,[4] e ás veces utilizábanse tamén cravos, doas e pequenos anacos de ferro como moeda,[5] mais cando comezou un comercio exterior máis sistemático, a principios do século XIX, chegaron ao arquipélago procedentes de moitos países como pagamento polas exportacións. A chegada dos misioneiros, así como as plantacións e outras actividades comerciais que se sucederon axiña, deron lugar ás primeiras moedas xeradas polas illas: fichas e vales privados utilizados para pagar aos traballadores debido á escaseza crónica de moeda miúda. Os lazos comerciais e as conexións culturais cos Estados Unidos levaron á comunidade empresarial hawaiana a utilizar como unidade de conta o dólar estadounidense, que se converteu na base do comercio, e o Goberno real hawaiano publicaba periodicamente táboas co valor das moedas non estadounidenses en relación co dólar. Isto era necesario porque esas moedas, traídas ás illas polo comercio exterior, circulaban como medio de cambio xunto coas pezas de prata e ouro estadounidenses.[4]

O rei de Hawai Kalākaua.[6]

En 1847, o rei Kamehameha III emitira xa unha moeda de bronce co valor facial dun centavo, probablemente cuñada por unha empresa de Nova Inglaterra, aínda que non fora moi popular entre os comerciantes, que preferían non negociar con cantidades tan pequenas. A tiraxe daquela primeira emisión gobernamental fora de 100.000 exemplares,[7] aínda que se estima que só chegaron a entrar na circulación arredor de 12.000 pezas. O fracaso fixo que daquela o Goberno reconsiderase os seus plans de emitir tamén moedas doutros valores faciais.[8]

En 1883, a maioría das moedas das illas eran estadounidenses, por mor da estreita integración económica entre o arquipélago e o continente. As leis de Hawai reflectían esta situación, xa que se admitían as moedas de ouro dos Estados Unidos e considerábanse moedas de curso legal por unha cantidade ilimitada, en tanto que as moedas de prata estadounidenses tiñan curso legal ata a suma de 50 dólares.[9]

En 1879, o reino emitiu tamén os seus primeiros billetes, que tecnicamente eran certificados de depósito, coa posibilidade de os trocar por moedas de prata e con valores faciais que ían desde os 10 ata os 500 dólares.[10]

Naquela época, en Hawai, as moedas de ouro tiñan un sobreprezo sobre o seu valor nominal se se compraban con prata; só o ouro podía utilizarse para certas transaccións, como o pagamento de dereitos alfandegueiros. A prata importárase moito no reino na década de 1870, malia os esforzos do Goberno por frear o fluxo con impostos, e por iso o ouro era alí máis caro en relación coa prata que nos Estados Unidos, onde había máis estabilidade monetaria. Calquera grande afluencia de prata á circulación, como a das moedas de Kalākaua, significaba que a prata en mans da poboación podía chegar a valer menos en relación ao ouro. En 1883, Hawai estaba en recesión, debido en parte á caída dos prezos do azucre pola sobreprodución.[11]

Preparación[editar | editar a fonte]

Walter Murray Gibson, primeiro ministro de Hawai (1882-1887) baixo o reinado de Kalakaua.[12]

O responsable de finanzas do Goberno hawaiano, Walter M. Gibson, apoiado polo ministro do Interior, Samuel G. Wilder, impulsou unha nova lei monetaria na lexislatura de 1880,[13] que lle permitía ao reino adquirir ouro e prata para cuñar novas moedas hawaianas. O Goberno esperaba mellorar a moral dos nativos hawaianos coa emisión das súas propias moedas, xa que o seu número e a súa influencia diminuíran nas últimas décadas.[9]

O rei comezou a amosar tamén interese pola aparición da súa imaxe nas moedas a partir da xira internacional que levou a cabo en 1881. Durante aquela viaxe, o propietario dunha empresa mineira de níquel de Nova Caledonia púxose en contacto con el coa esperanza de utilizar o metal na cuñaxe de moedas hawaianas, e tras o regreso do monarca a Honolulu chegaron a enviárselle mostras para unha peza de níquel 5 centavos, aínda que finalmente non se chegou a producir para a súa circulación e a súa tiraxe en proba limitouse a 200 exemplares.[14]

Non se tomou ningunha nova medida ata 1882, cando o rei nomeou a Gibson para dirixir o Goberno. Gibson seguiu adiante coa idea da emisión de moeda gobernamental, que debía ter a efixie do monarca no anverso e o escudo de Hawai e o lema nacional Ua Mau ke Ea o ka ʻĀina i ka Pono ("A vida da Terra perpetúase con rectitude") no reverso.[15] A lei de 1880 especificaba que as moedas de prata debían expresar os valores dun dólar, cincuenta centavos, vinte e cinco centavos, e doce centavos e medio.[16][17] A cantidade de doce centavos e medio —tamén coñecida como bit e equivalente a un real colonial español)— era adoito o pagamento diario dun xornaleiro.[18]

A Lei Nacional de Préstamos prevía dous millóns de dólares en bonos, pero debido á súa escasa solvencia, o reino non puidera vendelos. O primeiro ministro Gibson tivo a idea de combinar as dúas leis nomeando o empresario Claus Spreckels, amigo íntimo do rei, como axente do Goberno para contratar coa Casa da Moeda dos Estados Unidos a cuñaxe de moedas, e que Spreckels cobrase en bonos do Goberno. En marzo de 1883, o consello de ministros autorizou que o ministro de Finanzas, John Mākini Kapena, realizase o acordo con Spreckels, quen recibiu pola súa vez a autorización formal para desempeñar esa función en maio. H. A. P. Carter, enviado hawaiano en Washington, actuou como intermediario entre os hawaianos e o Goberno estadounidense, e escribiu ao ministro Kapena en xuño que as autoridades estadounidenses consideraban peculiar o acordo da axencia, xa que un xeito máis habitual de proceder tería sido que o Goberno hawaiano contratase directamente e pagase as moedas en efectivo.[16]

¼ dólar (hapaha) [19]
A/: Cabeza cara á dereita de Kalākaua I. Data no exergo.

Lenda: KALAKAUA I KING OF HAWAII.

R/: escudo de armas de Hawai. Valor facial partido a ambos os lados.

Lenda: UA MAU KE EA O KA AINA I KA PONO / ¼ D / HAPAHA

Spreckels mantiña correspondencia coas autoridades estadounidenses. En xaneiro de 1883, o director da Casa da Moeda dos EEUU, Horatio C. Burchard, escribíralle para lle explicar as leis baixo as cales a US Mint podía cuñar moedas por encarga de gobernos estranxeiros, e tamén lle comentou que, aínda que as moedas podían cuñarse na Ceca de San Francisco, os cuños para a súa produción terían que prepararse na Ceca de Filadelfia. Burchard pediulle esbozos a Spreckels, quen lle proporcionou un anverso co retrato do rei de cara completa, que lle foi presentado ao gravador xefe Charles E. Barber en Filadelfia. Barber rexeitouno por consideralo pouco práctico para a súa cuñaxe; recomendou que o rei aparecese de perfil e, posteriormente, envióuselle unha fotografía adecuada para que a utilizase na preparación dos modelos das moedas propostas. Logo de recibir a encarga de Spreckels como axente, o director en funcións da Casa da Moeda, Robert E. Preston, escribiu sinalando que a autorización prevía pezas de 12½ centavos, pero que a lei hawaiana exixira moedas idénticas en tamaño, peso e lei ás estadounidenses, e que non existía ningunha cuñada pola Casa da Moeda dos EEUU con ese valor facial. Preguntou entón se no canto delas se aceptarían pezas de dez centavos, aínda que non houbo unha resposta inmediata, e Barber rematou os seus deseños preliminares, incluído o da moeda de 12½ centavos ou ⅛ de dólar.[20]

Barber rematou as matrices das catro moedas en setembro de 1883, e o daquela superintendente da Ceca de Filadelfia, A. Loudon Snowden, fixo cuñar dúas series e envioullas a Preston en Washington. Snowden eloxiou a beleza das moedas e alegrouse de que Barber exixira menos relevo que o necesario nas moedas estadounidenses de valor similar, xa que isto significaba que as moedas serían máis doadas de cuñar para a Casa da Moeda. Preston envioulle as moedas a Spreckels, en San Francisco, e autorizou a Filadelfia a fabricar series adicionais, tanto para o seu gabinete de cuñaxe como para a oficina do director en Washington. Barber recibiu instrucións de facer cinco xogos de cuños para a cuñaxe de cada moeda, que se enviarían á Ceca de San Francisco, con instrucións de que non comezase a cuñaxe en tanto que non se chegase a un contrato definitivo con Spreckels, e de que os cuños permanecesen en propiedade do Goberno hawaiano, para seren entregados cando se pedisen.[21]

Reverso da moeda de ½ dólar (hapalua).[22]

O contrato formal estaba datado o 29 de outubro, asinado por Spreckels como axente de Hawai e polo superintendente da Ceca de San Francisco, E. F. Burton. Dispuña 1.000.000 dólares en moedas, das cales 500.000 dólares en moedas dun dólar, 300.000 en medios dólares, 125.000 en cuartos de dólar e 75.000 en moedas de 10 centavos. O Goberno hawaiano fixo o cambio de pezas de 12½ centavos (⅛ de dólar) a moedas de 10 centavos porque estaba a negociar unha convención monetaria cos Estados Unidos e quería que as súas moedas se axustasen ás estadounidenses, aínda que esta convención nunca chegou a entrar en vigor. A mediados de novembro, a Casa da Moeda xa fora informada do cambio e Spreckels enviou a confirmación e o visto e prace para fabricar os cuños das moedas de 10 centavos, no entendemento de que cumpriría unha autorización revisada de Honolulu antes de que puidese comezar a produción destas moedas. Esta autorización recibiuse en decembro, cando o pedido do reino xa estaba en produción, pois comezara cunha tiraxe de medios dólares en novembro. Barber non terminou de traballar nas matrices para a moeda de 10 centavos ata xaneiro de 1884, e os cuños non se enviaron a San Francisco ata febreiro, aínda que estaban datados en 1883. Logo de recibidos os cuños para a moeda de 10 centavos, Burton enviou os xa innecesarios correspondentes á peza de 12½ centavos á oficina do director en Washington.[23]

Spreckels subministrou a prata para as moedas, cun custo duns 850.000 dólares. Pagou 17.500 dólares á Casa da Moeda por cuñar as moedas, 2.500 dólares polos deseños e 250 dólares polos cuños. Un cambio final reduciu o valor total das moedas de dez centavos a 25.000 dólares (250.000 moedas) e aumentou o valor das de medio dólar a 350.000 dólares (700.000 moedas).[24]

Deseño[editar | editar a fonte]

10 centavos (keneta) [25]
A/: Cabeza cara á dereita de Kalākaua I. Data no exergo.

Lenda: KALAKAUA I KING OF HAWAII.

R/: valor facial no centro, con coroa real arriba e rodeado por coroa vexetal.

Lenda: UA MAU KE EA O KA AINA I KA PONO / ONE DIME / UMI KENETA

Anverso[editar | editar a fonte]

Ambas as faces de cada moeda foron deseñadas por Charles E. Barber.[26] Os anversos amosan en todos os casos a cabeza espida de Kalākaua ollando cara á dereita, rodeada por unha lenda en inglés co seu nome e o seu título: KALAKAUA I KING OF HAWAII. A data aparece no exergo, baixo o pescozo do monarca. W. T. R. Marvin, nun artigo de 1883 para o American Journal of Numismatics, dicía que os que viran as moedas lle comentaran que "o perfil da cabeza do rei tiña unha comparación favorable co de moitos gobernantes de países moito máis importantes".[27] Ernest Andrade, que fixo a crónica da controversia causada polas moedas, escribiu que levaban un perfil de Kalākaua "certamente atractivo".[28]

Reversos[editar | editar a fonte]

O dólar, o medio dólar e o cuarto de dólar levan as armas reais, expostas con maior detalle no dólar, onde o escudo se amosa brasonado sobre un manto, probablemente de armiño. Marvin suxeriu o famoso manto de plumas que levaba Kamehameha o Grande como unha elección máis acaída que a pel para levar as armas.[29]

Debaixo do escudo da moeda dun dólar está suspendida a estrela da Orde de Kamehameha, e encima está a coroa real.[30] Arredor da moeda inscribiuse o lema de Hawai, unhas palabras pronunciadas por Kamehameha III en 1843 logo dunha época de angustia: UA MAU KE EA O KA AINA I KA PONO ("A vida da Terra perpetúase con rectitude") .[29] A ambos os lados repártese a indicación do valor facial: 1 D ("1 dólar"), e debaixo a súa tradución en hawaiano, AKAHI DALA. Dala convertérase no termo hawaiano para dólar en tempos dos misioneiros, cando as palabras cambiaron para axustarse ao pequeno alfabeto hawaiano. O dólar adoptou tamén a forma dala en moitas outras partes de Asia e do Pacífico.[31]

Os reversos das moedas de medio dólar e dun cuarto de dólar amosan tamén as armas do país, mais sen o manto nin a orde, rodeadas polo lema, coa indicación do valor facial coa súa abreviatura en inglés e coa correspondente versión en hawaiano: HAPALUA para o medio dólar e HAPAHA para o cuarto de dólar.[27][32]

A peza de ⅛ de dólar, coñecida hoxe só por uns poucos espécimes cuñados como proba, leva no seu reverso a indicación do seu valor facial no centro en lingua hawaiana, HAPAWALU, coa coroa real arriba e unha coroa vexetal aos lados, todo iso rodeado polo lema nacional e, no exergo, o valor facial en inglés: EIGHTH DOL. ("un oitavo de dólar").[33] Este mesmo deseño foi adaptado para a moeda de 10 centavos, que a substituíu, aínda que co valor facial en inglés (ONE DIME) no centro e na súa forma hawaiana (UMI KENETA) no exergo.[27][32]

Distribución e controversia[editar | editar a fonte]

O empresario Sanford Ballard Dole opúñase á emisión de moedas de Kalākaua (foto ca. 1902).[34]

O primeiro cargamento de moedas, pola suma de 130.000 dólares en moedas de medio dólar, chegou por barco o 9 de decembro de 1883.[35] Hawai seguía en recesión económica e varios membros da comunidade empresarial, entre eles Sanford B. Dole, opuxéronse á emisión alegando que tanta prata inflaría a moeda, e acudiron aos tribunais para impedir que o Goberno entregase bonos de Spreckels a cambio doutra cousa que non fose moeda de ouro, como exixía a lei.[36] O Goberno opúxose á acción, que se presentou ante o Tribunal Supremo das illas, alegando que as moedas de prata eran equivalentes ao ouro. O presidente do Tribunal Supremo, A. F. Judd, concedeu unha medida xudicial cautelar temporal contra o Goberno, dándolles aos demandantes de Dole o que querían, ao considerar que as moedas non eran equivalentes ao ouro e que as leis de cuñaxe e préstamo foran violadas. No entanto, na apelación ante o pleno do tribunal, Judd foi revogado, xa que o tribunal considerou que Dole e os seus socios deberían ter solicitado medidas cautelares xudiciais. Pero cando o fixeron, a petición foi denegada. Mentres tanto, nunha reunión presidida polo rei, o consello privado declarara de curso legal a nova cuñaxe e, logo de se resolver o contencioso, o goberno pagou medio millón de dólares en moedas cunha cantidade similar de bonos.[37]

Spreckels e os seus socios William G. Irwin e F. F. Low constituíron o Spreckels & Company Bank en Hawai en 1884, co propósito específico de facer circular as moedas de prata.[38] A primeira moeda de prata hawaiana de cuxo uso se ten constancia, unha de medio dólar, atopouse entre os recibos do Honolulu Music Hall o 10 de xaneiro de 1884; colocouse nun colgante e entregóuselle á actriz principal. A nova moeda entrou en circulación xeral o 14 de xaneiro, con exemplares dispoñibles no Tesouro de Hawai e no novo banco de Spreckels en Honolulu. Houbo unha demanda considerable e as moedas —todas recibidas en xuño de 1884— desprazaron os cuartos de dólar e os medios dólares estadounidenses en circulación, algo que se interpretou —dependendo da posición política— como que eran aceptadas ou como que a Lei de Gresham —o diñeiro malo expulsa o bo— estaba a funcionar.[39] O Tesouro hawaiano ficara case sen efectivo antes de recibir as moedas, e estas entraron no comercio á medida que o Goberno pagaba bens e servizos, aumentando a oferta monetaria e arriscándose á inflación.[40] Aos seis meses da súa emisión, as moedas cotizaban fronte á moeda estadounidense cun desconto do 2,5 por cento[41].

O empresario e axente do Goberno hawaiano, encargado das negociacións coa Casa da Moeda dos Estados Unidos para a cuñaxe das moedas de Kalākaua .[42]

Dole e os seus aliados na lexislatura utilizaron a emisión de moedas como medio para atacar o Goberno, acusando a Gibson e a outros de desobedecer as leis e exixindo información sobre os beneficios de Spreckels, que segundo o Goberno eran de arredor do tres por cento, logo de calcular os custos, como o transporte e o seguro.[43] A consecuencia política da cuñaxe de moedas foi o cambio cara ao partido Kuokoa (independente) nas eleccións de 1884 para a seguinte lexislatura. A Lei da Moeda de 1884, aprobada logo das eleccións, restrinxía a aceptación de moedas de prata como pagamento de débedas inferiores a 10 dólares e limitaba o cambio de prata por ouro no Tesouro a 150.000 dólares ao mes.[44]

Esperábase que as novas moedas de prata chegasen ao Tesouro a cambio de ouro, pero o Goberno negouse a aplicar a lei ata que foi obrigado polo Tribunal Supremo. Para evitar un pánico financeiro, os bancos e as empresas privadas principais acordaron cambiar ouro polas novas moedas de prata, nas que había pouca confianza pública. Mais en febreiro de 1885, ante a negativa do Goberno a pagar o ouro —do que o Tesouro estaba case desprovisto—, as empresas privadas suspenderon este acordo. Seguiron as negociacións, e o Goberno accedeu con reticencias a incautarse de máis de 550.000 dólares das moedas nunha conta especial para garantir os billetes daquela en circulación. Aínda que isto deixou o Goberno con pouca liquidez, a maior confianza nas súas finanzas permitiulle obter préstamos a curto prazo. A mediados de 1885, os prezos do azucre subían e a prosperidade volvía ao arquipélago. Aumentaron as cantidades de ouro que chegaban ás illas, equilibrando a prata que xa había e estabilizando a situación monetaria. As moedas de Kalākaua fixéronse máis aceptables e, en 1888, a maior parte da prata estranxeira non estadounidense fora trocada por elas.[45]

As moedas de Kalākaua permaneceron en circulación durante os turbulentos anos da década de 1890 en Hawai, cando caeu a monarquía e a efémera república terminou en 1898, coa anexión aos Estados Unidos. Malia a insistencia dos intereses locais, non foi ata 1903 cando o Congreso actuou, ordenando que as moedas de prata hawaianas se trocasen antes do 1 de xaneiro de 1904 ou perderían a súa condición de moeda de curso legal. En 1907, trocáranse moedas por valor duns 814.000 dólares, do millón de dólares emitido orixinalmente;[43] cambiáronse por prata estadounidense e fundíronse na Ceca de San Francisco.[46]

Reutilización e coleccionismo[editar | editar a fonte]

Tres réplicas modernas do dólar de Kalākaua xunto a unha orixinal, montada nun pratiño de prata.

Das moedas que non se trocaron, é probable que algunhas se perdesen nos incendios que devastaron o barrio chinés de Honolulu en 1887 e en 1900. Os membros desa comunidade adoitaban desconfiar dos bancos e agochaban obxectos de valor nas súas casas. Algunha das restantes utilizáronse tamén no negocio da xoiaría,[47] que absorbeu pezas por valor de varios milleiros de dólares nos últimos meses en que as moedas seguiron a ser de curso legal.[48]

Nos anos posteriores á concesión do status territorial a Hawai en 1900, moitos procuraron recordos do reino desaparecido e vendeuse unha gran variedade de artigos coas moedas en forma de xoias, pins, chaveiros, reloxos de peto, botóns, fibelas, etc. Tamén se fabricaron con estas moedas obxectos decorativos e de enxoval, como culleres, pratos e argolas para panos de mesa.[49]

No comercio do coleccionismo numismático tamén é común a aparición de moedas de Kalākaua. O libro A Guide Book of United States Coins, de Richard S. Yeoman, na súa edición de 2018, sitúa o cuarto de dólar como a moeda hawaiana menos cara, oscilando entre os 50 e os 375 dólares para as pezas cuñadas para a circulación e en función do seu estado de conservación. Os escasísimos exemplares cuñados como proba acadan prezos moi superiores, sinaladamente a moeda dun oitavo de dólar ou 12½ centavos (hapawalu), da que un exemplar chegou a 43.125 dólares nunha poxa en 2011.[26][50]

As moedas de Kalākaua foron tamén reproducidas, e os seus deseños reutilizados para medallas de emisión privada. Os cuños orixinais das moedas foron cancelados e áchanse nos Arquivos Estatais de Hawai.[51]

Tiraxes[editar | editar a fonte]

Valor facial Tiraxe Refundidas Cantidade final
[32]
Ordinaria Probas
10 centavos [25] 250.000 26 79 249.947
⅛ dólar [33] 0 20 0 20
¼ dólar [19] 500.000 26 257.400 243.626
½ dólar [22] 700.000 26 612.245 87.781
1 dólar [1] 500.000 26 453.652 46.374

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "1 Dollar - Kalākaua I". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 Moitas delas foron refundidas; véxase táboa ao final do artigo
  3. "12½ Cents - Wailuku Plantation". Numista.com
  4. 4,0 4,1 Medcalf, D.; Russell, R (1991) [1978]. Páxina 4.
  5. Billam-Walker, D. (1940). Páxina 14.
  6. "King Kalakaua". Library of the Congress.
  7. "1 Cent - Kamehameha III". Numista.com
  8. Medcalf, D.; Russell, R (1991) [1978]. Páxina 37.
  9. 9,0 9,1 Andrade, E. (1977). Páxinas 97-98.
  10. Medcalf, D.; Russell, R (1991) [1978]. Páxina 15.
  11. Andrade, E. (1977). Páxinas 99-100.
  12. Gavan, D. (1984). Holy Man: Father Damien of Molokai. University of Hawaii Press. Page 114
  13. Medcalf, D.; Russell, R (1991) [1978]. Páxina 5.
  14. "5 Cents - Kalākaua I". Numista.com
  15. Andrade, E. (1977). Páxinas 97-99.
  16. 16,0 16,1 Adler, J. (1960-a-). Páxinas 132-133.
  17. Andrade, E. (1977). Páxina 39.
  18. Billam-Walker, D. (1940). Páxina 16.
  19. 19,0 19,1 "¼ Dollar - Kalākaua I". Numista.com
  20. Adler, J. (1960-a-). Páxina 134.
  21. Adler, J. (1960-a-). Páxinass 134-135.
  22. 22,0 22,1 "½ Dollar - Kalākaua I". Numista.com
  23. Adler, J. (1960-a-). Páxina 135.
  24. Adler, J. (1960-a-). Páxinas 134-136.
  25. 25,0 25,1 "1 Dime - Kalākaua I". Numista.com
  26. 26,0 26,1 Yeoman, R. S. (2017). Páxina 424.
  27. 27,0 27,1 27,2 Marvin, W. T. R. (1883). Páxina 41.
  28. Andrade, E. (1977). Páxina 99.
  29. 29,0 29,1 Marvin, W. T. R. (1883). Páxina 42.
  30. Arndt, J. P. G. (1918). Páxina 109.
  31. Medcalf, D.; Russell, R (1991) [1978]. Páxinas 7, 41.
  32. 32,0 32,1 32,2 Medcalf, D.; Russell, R (1991) [1978]. Páxinas 40-41.
  33. 33,0 33,1 "⅛ Dollar - Kalākaua I". Numista.com
  34. "Sanford B. Dole, head-and-shoulder-portrait". Library of the Congress.
  35. Adler, J. (1960-a-). Páxina 137.
  36. Andrade, E. (1977). Páxina 100.
  37. Adler, J. (1960-a-). Páxinas 137-138.
  38. Kuykendall, R. S. (1967). Páxina 82.
  39. Adler, J. (1960-b-). Páxinas 258-259.
  40. Andrade, E. (1977). Páxina 101.
  41. Billam-Walker, D. (1940). Páxina 22.
  42. Kuykendall, R. S. (1967). Páxina 63.
  43. 43,0 43,1 Adler, J. (1960-b-). Páxinas 261-261.
  44. Andrade, E. (1977). Páxina 103.
  45. Andrade, E. (1977). Páxinas 105-107.
  46. Andrade, E. (1977). Páxinas 107.
  47. Medcalf, D.; Russell, R (1991) [1978]. Páxinas 42-43.
  48. Adler, J. (1960-b-). Páxinas 261-261.
  49. Medcalf, D.; Russell, R (1991) [1978]. Páxina 43.
  50. Von Buol, P. (2011).
  51. Medcalf, D.; Russell, R (1991) [1978]. Páxinas 39, 42, 116, 118.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]