Día de Navarra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Día de Navarra celébrase o día 3 de decembro, festividade de San Francisco Xabier, segundo a Lei Foral 18/1985, do 27 de setembro, aprobada polo Parlamento de Navarra, dispoñendo que o Goberno de Navarra adopte as medidas necesarias para a celebración anual da devandita festividade e organice os actos pertinentes. Dende 1984, entre outros actos, faise entrega o 3 de decembro da Medalla de Ouro de Navarra nun acto institucional solemne.

Historia[editar | editar a fonte]

A celebración desa data é moito máis antiga; a Deputación do Reino de Navarra adoptou como patrón a San Francisco Xabier pouco despois da súa canonización e xurouno solemnemente o 2 de agosto de 1622; as Cortes de Navarra ratificaron o xuramento en 1624 e dispuxeron que a Deputación acudise todos os anos a celebrar unha misa solemne á igrexa da Compañía de Xesús en Pamplona. En 1657 o Papa Alexandre VII declarou como copatróns de Navarra a San Fermín e a San Francisco Xabier e declarou ambas as dúas festas como de precepto. A partir de 1767 como consecuencia da expulsión dos xesuítas a celebración tiña lugar na Parroquia de San Sadurniño de Pamplona. A Deputación Foral de Navarra constituída en 1836 acordou seguir con esa celebración, aínda que a fins do século XIX trasladouse ao último domingo de novembro. A partir de 1916 volveu celebrarse o propio día 3 de decembro; como festa oficial deixou de celebrarse durante a II República, aínda que a Deputación volveu celebrala dende 1935. En 1946 trasládase a misa oficial á Catedral de Pamplona, e en 1979 á Basílica do Castelo de Javier.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]