Saltar ao contido

Cágado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Varios cullarapos.

Un cágado é a larva dos anfibios, especialmente dos anuros como ras e sapos, que despois dunha metamorfose convértese en anfibio adulto. Xeralmente son larvas acuáticas, aínda que tamén hai algunhas terrestres.

Sinonimia galega

[editar | editar a fonte]

Os cágados reciben tamén os seguintes nomes; cullarapo, cabezolo, cabezudo, cagote, cagulo, cullareto, culler ou relo.[1]

Descrición xeral

[editar | editar a fonte]
Metamorfose de Bufo bufo.
Cágado de ra de Haswell.
Cágado de ra de Haswell.
Ra xuvenil en transición entre cullarapo e ra adulta.
Ra xuvenil en transición entre cullarapo e ra adulta.

Os cágados xeralmente viven na auga, aínda que hai uns poucos semiterrestres (Indirana beddomii e Thoropa miliaris) e terrestres (Indirana semipalmata e Leptodactylus andreae).[2] Durante o estado de cágado a maioría dos anfibios respiran por branquias internas ou externas autónomas. As branquias externas quedan axiña internalizadas polo desenvolvemento do opérculo, ata quedar encerradas nun saco branquial que comunica co exterior só polo espiráculo. Xeralmente non teñen patas anteriores nin posteriores ata que se produce a transición a adulto, e tipicamente teñen grandes colas aplanadas coas cales nadan por ondulacións laterais, similares ás da maioría dos peixes.

Cágados de Rana temporaria en catividade comendo peixe.

A medida que o cágado madura, normalmente sofre unha metamorfose na que gradualmente lle crecen as patas (normalmente primeiro as posteriores) e despois (especialmente no caso das ras) absorben a súa cola por apoptose. Os pulmóns desenvólvense no momento en que se lle están formando as patas posteriores. Os cágados cando están ao final do seu desenvolvemento adoitan estar preto da superficie da auga, onde xa respiran aire. Durante as etapas finais da súa metamorfose externa, a boca do cágado cambia dunha boca pequena pechada na parte frontal da cabeza a unha boca grande coa mesma largura da cabeza. Os intestinos acúrtanse para acomodarse á súa nova dieta. A maioría dos cágados son herbívoros, e comen algas e plantas. Algunhas especies son omnívoras e comen detritos e ás veces cágados máis pequenos, e mesmo algunhas especies son caníbales se as condicións no seu medio son malas.

Os cágados varían considerablemente en tamaño, tanto durante o seu desenvolvemento coma entre especies. Por exemplo, nunha soa familia, Megophryidae, a súa lonxitude na última etapa do cágado varía entre 33 mm e 106 mm.[3] Os cágados de Pseudis paradoxa crecen ata 25 cm, que é o maior tamaño entre as ras.[4]

Os cágados propiamente ditos son os dos anuros. Os dos urodelos ou caudados denomínanse ás veces tamén cágados pero son bastante diferentes. Nacen sen patas, pero desenvólvense moi cedo e axiña se parecen aos adultos, agás por seren máis pequenos, menos pigmentados e polas branquias ramificadas que presentan aos lados da cabeza. Adoitan ser carnívoros, coma os adultos. Algunhas especies de caudados presentan adultos con dous fenotipos distintos, como é o caso do axolote (Ambistoma), en función das condicións ecolóxicas nas que vive. Un fenotipo particular é o individuo adulto neoténico de aspecto larval.

Cágado de Rana temporaria.

Orton en 1953 clasificou os cágados en catro tipos larvarios:[5]

  • Tipo I: Os labios non posúen dentículos nin picos queratinizados. Os espiráculos son dous. Aparecen na familia Pipidae, por exemplo.
  • Tipo II: As bocas son complexas, aínda que non posúen picos queratinizados. Un só espiráculo central. Pertencen á familia Microhylidae.
  • Tipo III: Bocas queratinizadas, dentículos e picos. Un espiráculo central. Aparecen en Archaeobatrachia.
  • Tipo IV: Bocas con dentículos e picos queratinizados. Espiráculo no lado esquerdo. Típicos de familias como Hylidae, Ranidae ou Bufonidae.

Rexistro fósil

[editar | editar a fonte]

Malia teren un corpo mol e careceren de partes duras mineralizadas, atopáronse cágados fósiles (duns 10 cm de longo) dos estratos do Mioceno superior.[6] Foran preservados en biofilmes bacterianos, e as súas estruturas máis robustas (a mandíbula e os ósos) preserváronse como películas de carbono.[7] Nos fósiles do Mioceno de Libros, Teruel, España, preservouse unha caixa cranial en carbonato de calcio, e o cordón nervioso en fosfato de calcio de cágados. Outras partes do corpo dos cágados preserváronse como restos orgánicos e biofilmes bacterianos, con detrito sedimentario nos seus estómagos.[6] Restos de cágados con branquias externas tamén se coñecen de varios grupos dos primitivos anfibios labirintodontos.

Usos humanos

[editar | editar a fonte]

Algúns cágados serven de alimento nalgúns países. Os cágados de ras Megophryidae Oreolalax rhodostigmatus son especialmente grandes, de máis de 10 cm de lonxitude,[3] e cómense na China.[8] Na India, cómense os cágados de Clinotarsus curtipes,[9] e no Perú os cágados de Telmatobius mayoloi entre outros utilízanse como alimentos e medicinas.[10]

A pesar do seu nome, os fideos "de cágados" da cociña coreana son un prato vexetariano.[11]

Mitoloxía e historia

[editar | editar a fonte]

Segundo James George Scott na orixe dos mitos do pobo wa da China e Myanmar, o primeiro wa orixinouse a partir de dous antepasados femias Ya Htawm e Ya Htai que pasaron a súa primeira fase como cágados (rairoh) nun lago chamado Nawng Hkaeo.[12]

No Antigo Exipto os seus numerais xeroglíficos representaban un cágado para indicar un valor de 100.000.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cágado. Consultado o 14 de febreiro de 2017.
  2. Zug, G. R.; Vitt, L. J.; Caldwell, J. P. (2001). Herpetology: An Introductory Biology of Amphibians and Reptiles. Academic Press. p. 430. ISBN 978-0-12-782622-6. 
  3. 3,0 3,1 Li, Cheng; Xian-Guang Guo, Yue-Zhao Wang (2011). "Tadpole types of Chinese megophryid frogs (Anura: Megophryidae) and implications for larval evolution". Current Zoology 57 (1): 93–100. 
  4. Crump, Martha L. (2009). "Amphibian diversity and life history" (PDF). Amphibian Ecology and Conservation. A Handbook of Techniques: 3–19. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xullo de 2011. Consultado o 03 de xaneiro de 2015. 
  5. Robert Cyril Stebbins. A Natural History of Amphibians. Google books. Páxinas 190-191. [1]
  6. 6,0 6,1 McNamara, M. E.; Orr, P. J.; Kearns, S. L.; Alcalá, L.; Anadón, P.; Peñalver-Mollá, E. (2009). "Exceptionally preserved tadpoles from the Miocene of Libros, Spain: ecomorphological reconstruction and the impact of ontogeny upon taphonomy". Lethaia 43 (3): 290–306. doi:10.1111/j.1502-3931.2009.00192.x. 
  7. McNamara, M. E.; Orr, P. J.; Kearns, S. L.; Alcalá, L.; Anadón, P.; Peñalver-Mollá, E. (2006). "Taphonomy of exceptionally preserved tadpoles from the Miocene Libros fauna, Spain: Ontogeny, ecology and mass mortality". The Palaeontological Association 50th Annual Meeting. The Palaeontological Association. [2] Arquivado 27 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
  8. Fei Liang, Wu Guanfu (2004). "Oreolalax rhodostigmatus". IUCN Red List of Threatened Species. Version 2013.1. International Union for Conservation of Nature. Retrieved 22 October 2013. [3]
  9. Biju, S.D.; Dutta, Sushil and Inger, Robert (2004). "Clinotarsus curtipes". IUCN Red List of Threatened Species. Version 2013.2. International Union for Conservation of Nature. Retrieved 4 May 2014. [4]
  10. Javier Icochea, Edgar Lehr (2004). "Telmatobius mayoloi". IUCN Red List of Threatened Species. Version 2013.1. International Union for Conservation of Nature. Retrieved 23 October 2013. [5]
  11. Rita Brogan (2011). "Nooooooodles! (Korean Style)". The Foodiesan Blog. Arquivado dende o orixinal o 02 de novembro de 2013. Consultado o 23 October 2013. 
  12. Scott, James George, Sir. 1935. The Wa or Lawa: Head-Hunters. In Burma and Beyond. p. 292

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • McDiarmid, Roy W.; Altig, Ronald, ed. (1999). Tadpoles: the Biology of Anuran Larvae. Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0226557634. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]