Cyperus eragrostis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cyperus eragrostis

O Cyperus eragrostis é unha especie de planta do xénero Cyperus orixinaria de América e naturalizada en Europa. Está considerada como planta invasora en Galicia e noutros moitos países.

Descrición[editar | editar a fonte]

Especie oriúnda da América tropical e subtropical, é unha herbácea perenne que medra de rizomas curtos e grosos. É un xunco verde de talos altos e erguidos, de 10 a 90 cm de altura, de sección trígona. Longa e delgada, con follas agudas de ata 1 cm que irradian dende a parte superior, algo coriaceas.

As súas flores encóntranse en espigas redondeadas de cor amarela verdos ou amarelenta, en número de 14 a 30. Inflorescencia en umbela con longas brácteas. A frutificación prodúcese no verán, sendo o froito en aquenio. Propágase tanto por semente como por rexeneración do rizoma.

Distribución[editar | editar a fonte]

Esta especie é orixinaria das rexións de clima tropical e subtropical de América. Naturalizada noutras partes de Norteamérica, Europa, Australia, Nova Zelandia e na Macaronesia, onde é unha planta invasora que se converteu nunha mala herba introducida.

Introdución e propagación en Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia o primeiro rexistro coñecido data de 1951[1] quizais introducida de forma accidental, probablemente como mala herba en cultivos. Encóntrase en ribeiras, na beira das estradas, gabias, prados e noutros hábitats húmidos. Propágase tanto por sementes como por rexeneración a partir do rizoma.

Cyperus eragrostis.

Etimoloxía e taxonomía[editar | editar a fonte]

O nome xenérico Cyperus deriva do grego antigo e significa "xunco", canto ó epíteto eragrostis alude a súa similitude co xénero Eragrostis.

Cyperus eragrostis foi descrita por Jean-Baptiste Lamarck e publicado na Tableau Encyclopédique et Methodique • Botanique 1: 146, no ano 1791.

Control das zonas invadidas[editar | editar a fonte]

Control mecánico[editar | editar a fonte]

O control mecánico por retirada manual é unha boa opción para eliminar poboacións de plantas do xénero Cyperus. A mellor maneira é arrancalas usando un pequeno sacho (de tres picos, por exemplo) co que penetrar uns 20 cm no terreo para arrancar tamén os rizomas. Nalgúns casos, como en Cyperus esculentus, esta tarefa vese dificultada pola existencia nos rizomas de bulbos ou tubérculos.

O control por arranque neste caso pode ser igualmente eficaz, pero vai levar máis tempo, pois hai que repetilo en varias ocasións. Para asegurar o éxito desta medida, e tras a primeira limpeza, as novas plántulas emerxentes deben ser retiradas antes de que desenvolvan cinco ou seis follas. Desta maneira evitarase a produción de novos tubérculos e ó tempo redúcense progresivamente as reservas dos antigos, xa que se ven forzados a usar repetidamente as súas enerxías no desenvolvemento dunha nova planta. Tras sucesivas retiradas, e como as reservas non se ven renovadas, o tubérculo extenuarase e a planta non rebrotará máis. Os tubérculos maduros poden agromar ata en dez ocasións.

Non é recomendable o uso de técnicas de arado para a súa eliminación, ó tratarse de plantas con tuberculo, xa que se favorece a dispersión destes órganos. No caso de C. esculentus esta técnica poderíase utilizar en áreas pequenas sempre que se leve a cabo antes de que a planta desenvolva cinco follas.

Control físico[editar | editar a fonte]

Outra estratexia válida para a eliminación destas invasoras é o recubrimento da zona cunha cuberta que evite o crecemento da planta. As típicas cubertas de polietileno plástico non son moi recomendables, xa que as afiadas follas destas especies son capaces de traspasalo. É máis recomendable utilizar teas de filamentos soldados de polipropileno, que ademais son permeables á auga e ó aire. Estas teas poden ser asemade recubertas con material orgánico no caso de que se pretenda repoboar a zona. Segundo estudos realizados na década de 1990, un mes despois da súa instalación non deixaron pasar nin un só gromo.

Canto ó control cultural; distintas especies invasoras de Cyperus non medran ben á sombra, se existe a posibilidade de repoboar unha área con especies de porte superior a C. eragrostis, poderase reducir o nivel de invasión deixando a zona ocupada pola devandita planta en sombra.

Control químico[editar | editar a fonte]

O control químico destas plantas non resulta especialmente efectivo. Herbicidas non selectivos aplicados en postemerxencia, como glifosato ou acedo pelargónico, teñen unha eficacia moi relativa. Algo máis efectivos móstranse os halsulfuron e o metano arsonato monosódico (MSMA), aínda que non están rexistrados en España. Para que estes herbicidas sexan efectivos, deben ser aplicados antes de que a planta bote cinco follas. Tamén se pode obter certo grao de control con tratamentos de preemerxencia, usando herbicidas con dichlobenil (Casoron G) ou metolacloro (Dual Gold), aínda que este último está rexistrado só para usos agrícolas.

Control biolóxico[editar | editar a fonte]

O xénero Cyperus inclúe algunhas das malas herbas máis problemáticas do planeta. Por isto e por ser un grave problema nos cultivos de arroz, son moitos os intentos que se levaron a cabo para atopar controladores biolóxicos.

Nos Estados Unidos, a partir da década de 1990 estase a desenvolver un micoherbicida (Dr. Biosedge) contra Cyperus esculentus empregando o fungo (Puccinia canaliculata). Porén, en Holanda, tests preliminares indicaron que quizais este fungo non sexa o suficientemente específico.

Outro axente testado é o fungo patóxeno Dactylaria higginsii, recentemente descuberto no sueste dos Estados Unidos, e que ocorre de forma natural en Cyperus rotundus. Polo momento non se ten constancia de que se realizasen probas con C. eragrostis, pero tendo en conta o espectro de infección que ten no xénero Cyperus, é moi probable que tamén sexa efectivo contra esta especie. Os efectos deste axente comezan a manifestarse catro días despois da súa aplicación en forma de pequenos puntos mouros nas follas. Estes puntos medrarán de xeito progresivo ata necrosar parcialmente a maioría das follas. En estudos de invernadoiro observouse que aplicacións de 106 conidio/ml reducen ata nun 75% o número de plántulas e o peso dos tubérculos. En estudos de campo, con 3 aplicacións de 106 conidio/ml conseguiuse un 90% de control. Tamén hai que destacar que este fungo é moi específico, xa que non se observou que infectase outras especies adxacentes.

Por último, outra técnica con que se experimentou para o control de Cyperus é a alelopatía. Preparados acuosos con extractos das partes subterráneas de Ophiopogon japonicus (a concentracións de 1, 2, 4 e 8%) reduciron de xeito significativo a xerminación e o crecemento de Cyperus difformis.

Inflorescencia do Cyperus eragrostis.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

  • Chlorocyperus eragrostis (Lam.) Rikli
  • Cyperus declinatus Moench
  • Cyperus declinatus var. limbatus Druce
  • Cyperus gracilis Buchanan
  • Cyperus lutescens Phil.
  • Cyperus luzulae Hochst. ex Steud.
  • Cyperus monandrus Roth
  • Cyperus ochrocephalus Steud.
  • Cyperus prionotropis Steud.
  • Cyperus serrulatus S.Watson
  • Cyperus vegetus Willd.
  • Cyperus vegetus var. compactus Desv.
  • Cyperus vegetus var. limbata C.B.Clarke
  • Cyperus vegetus var. obtusangulus Kuntze
  • Cyperus vegetus var. triangularis Boeckeler
  • Cyperus vegetus var. trigonus Kuntze

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]