Cultura de masas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A cultura de masas é un produto da sociedade de consumo no mundo occidental. A principios do século XX a cultura, a vida privada, o pensamento, etc. empezaron a ser fabricados a escala masiva e vendidos no mercado.

Concepto e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

A cultura de masas consegue fabricar a grande escala, con técnicas e procedementos industriais ideas, soños e ilusións, estilos persoais, e ata unha vida privada en gran parte produto dunha técnica, subordinada a unha rendibilidade, e á tensión permanente entre a creatividade e a estandarización; apta para poder ser asimilada polo cidadán de clase media.

A cultura de masas é o desenvolvemento dun novo modelo no que se reforzan as diferenzas e as desigualdades con estratexias e instrumentos mercadolóxicos cada vez máis elaborados. A ciencia e o coñecemento póñense ó servizo da produción duns valores e símbolos estereotipados.

Os tres alicerces fundamentais desta cultura son: unha cultura comercial, unha sociedade de consumo e unha institución publicitaria.

Principios[editar | editar a fonte]

A cultura de masas ten uns principios interrelacionados xurdidos da escisión entre produción e consumo:

  • Centralización do poder en todos niveis (económico, político, etc.)
  • Uniformación dos produtos para consumidores similares.
  • Sincronización con novas técnicas como a liña de montaxe e a produción en serie.
  • Maximización da produtividade: máxima produción a un menor custo e nun menor tempo.
  • Concentración poboacional, produto da urbanización da sociedade.

Xorde así o concepto de industria cultural, o cine e a radio non necesitan xa darse como arte, autodefínense como industrias.