Copia por contacto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplo de folla de contactos en branco e negro.

A copia por contacto é un procedemento fotográfico que permite obter copias a partir dunha película fotográfica do mesmo tamaño sobre papel, chamándose á resultado folla de contactos.[1] Normalmente obtense a partir de negativos pero tamén poderían obterse a partir de diapositivas co que o resultado sería un negativo.

Desenvolvemento histórico[editar | editar a fonte]

Foto por Paolo Monti, 1975.

O procedemento empregábase dun xeito habitual nos primeiros tempos da fotografía para obter as copias a partir das placas fotográficas nas cámaras de gran formato. Co desenvolvemento das cámaras fotográficas de 35 mm. fíxose necesario por unha banda seleccionar os negativos entre os múltiples que realizaba o fotógrafo e doutra banda observalos con detalle para planificar o proceso de positivado que se ía realizar.

O procedemento consistía en colocar sobre o papel fotográfico os negativos ordenados de xeito que cadrasen as súas emulsións fotográficas e darlle unha breve exposición con luz branca, finalmente revelábase o papel. Ó dispor as tiras de negativos dunha certa curvatura utilizábase un dispositivo axeitado ou simplemente un cristal trasparente que co seu peso puña en contacto directo a ambas emulsións.

Trala aparición da fotografía en cor continuouse utilizando este procedemento como un medio para a clasificación das fotografías, aínda que normalmente as follas de contactos obtíñanse por procedementos automáticos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Enciclopedia completa de la fotografía. Hermann Blume ediciones. ISBN 84-7214-276-0.