Conversa Wikipedia:Votacións/Nova redacción

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O obxectivo de que teña creado esta páxina é para mellorar a actual e deixar claros e sen lugar a equívocos os prazos para as votacións. --Toliño Fala aquí comigo 09:34, 30 marzo 2010 (UTC)

O que non entendo é por que se limita a discusión a estes tipos de votacións, creo que as de Destacados (fotos, artigos etc) son o bastante conflitivas como para que sexa preciso ter todo moi clariño e moi definidiño. E non estou falando só de número de votos necesarios ou de prazos de votación, falo xa da mesma redacción das normas da votación, para deixar puntada sen fío. Xoacas(góstache o pemento?) 13:29, 7 abril 2010 (UTC)

Pódense discutir, claro, como calquera outra política vixente actualmente na Galipedia. Simplemente, como puxen ao comezo da sección "Conversa sobre os prazos", deixei á parte aqueles prazos e número de votos que xa foran aprobados en votación hai tempo na ligazón que fornecín tamén co meu texto. --Toliño Fala aquí comigo 13:42, 7 abril 2010 (UTC)

Conversa sobre os prazos[editar a fonte]

Actualmente, só está aprobado en votación (Wikipedia:Votacións/Prazos, porcentaxes e votos mínimos para as votacións) o seguinte:

  • Destacados da Portada: prazo: 15 días; mínimo: 5 votos a favor; % a favor: 2/3 (66%)

A elección/suspensión de administradores ten os prazos contemplados na páxina da política (tamén aprobada):

  • Elección: prazo: 15 días; mínimo: sen definir; % a favor: 3/4 (75%)
  • Revogación: prazo: 15 días; mínimo: sen definir; % a favor: maioría simple

Cómpre definir ben o resto. --Toliño Fala aquí comigo 09:34, 30 marzo 2010 (UTC)

  • Eu empezaría por trocar o "prazo x días" por "prazo x días mínimo", xa sabemos que nunca se pechan as votacións ao termo do prazo, tampouco é preciso facelo, o prazo está para garantir que a votación está aberta un tempo suficiente para asegurar a participación. --Xoacas(góstache o pemento?) 11:15, 30 marzo 2010 (UTC)
Aquí non concordo de todo. As votacións que levan o marcador {{Wikipedia/Votación}} teñen prazos pechados que non admiten prórrogas: van de tal día a estoutro día. Fóra deses días, os votos exercidos non son válidos. --Toliño Fala aquí comigo 11:27, 30 marzo 2010 (UTC)

Paréseme ben, pero entón creo que sería bon modificar lixeiramente o marcador de peche, que debería ser algo semellante a isto:

{{Wikipedia/Votación pechada|resumo=Título breve que describa a votación.|inicio=data de inicio|fin=data de fin|votos emitidos en prazo=vvv|si=xxx|non=yyy|neutro=zzz|conclusión=aprobado/rexeitado/outro}}

É dicir, expresar clariño e transparente o número de votos sobre o que se computa (que mal soa esa palabra), e que son os que entran entre esta data e estoutra. --Xoacas(góstache o pemento?) 11:34, 30 marzo 2010 (UTC)

O que se pode facer entón, é incluír non ese parámetro ("votos emitidos en prazo"), senón un do tipo "votos totais" e xa está. Os que non entraron en prazo son riscados como de costume, indicando o motivo de por que se riscan. Creo que con iso abonda. --Toliño Fala aquí comigo 11:37, 30 marzo 2010 (UTC)

Pois ben, é unha solución, incluámola como norma. Mentres todo quede expresado parecerame ben, o que creo é que hai que procurar evitar liortas como as que se poden atopar en calquera páxina de votacións, do tipo "ese non se conta", "aquel non entrou", "o outro busca a desintegración da patria", etc. --Xoacas(góstache o pemento?) 11:41, 30 marzo 2010 (UTC)

Un par de detalles: actualmente a votación dos bots é de 7 días mínimos, e non 7 días exactos. Por outra banda falta listar as votacións de artigo de calidade, que si que foi votado: 30 días, 5 votos mínimos a favor, e 75%.
Por outra banda estou de acordo coa primeira opinión de Xoacas, e iso xa o expresara na votación dos prazos que se fixera hai un tempo: non me gustan os prazos fixos, porque non temos a actividade ou a atención para cumprilos día a día, ou iso demostrouse historicamente. Os prazos fixos habería que deixalos tan só para as votacións relativas á administración, ás políticas e ós artigos de calidade. O resto debería ter un mínimo de días (15 penso que debe se-lo mínimo en tódolos casos, incluídos bots), e sería laboura do administrador valorar cando pechar unha votación (cousa que xa estamos facendo agora, pechando cando semella que a actividade na votación finalizou). Así os administradores sacámonos a prsión de ter que estar tódolos días pendentes de se hai cousas por pechar ou non, as votacións son máis participativas, e damos solución a un tema histórico na wikipedia, amoldando a política á actuación que se fai decote, e non a actuación á política, naturalizando o funcionamento da wiki. Así pois, creo que esta discusión aberta pode ser útil para repensar os prazos e mudar os actuais, votando a páxina final. --Alberte Si, dígame? 12:31, 30 marzo 2010 (UTC)
  • De acordo co da duración "mínima", que converte en norma o que se fai na práctica. Pedro --Lameiro (conversa) 14:30, 30 marzo 2010 (UTC)
  • De acordo a 100 por 100 do dito por Alberte Elvira (conversa comigo) 01:13, 13 de abril de 2010 (UTC)

  • Entón, en resumo (o que se falou ata aquí): deixar os prazos para as votacións de políticas, administradores e artigos de calidade. O resto terían unha duración mínima de 15 días. Por outra banda, incluír un parámetro co cómputo total de votos en {{Wikipedia/Votación}}. --Toliño Fala aquí comigo 12:48, 30 marzo 2010 (UTC)

Estou de acordo co que resume Toliño e xa dixeron outros. --Atobar (conversa comigo) 19:58, 30 marzo 2010 (UTC)

Pois non sei se me estarei poñendo moi tiquismiquis. A cuestión pra min non é o tempo, que na duración dos prazos dáme igual allos que bugallos, a cuestión é que si para escoller un artigo de calidade hai un prazo de 30 días e logo resulta que se pecha cando pasaron 31, eu podo impugnar a votación; en resumo, un prazo fixo pode ser fonte de moitos conflitos. O que eu propoño é que ese "maior ou igual que" se lle engada ao prazo de calquera tipo de votación, sexa cal sexa ese prazo. --Xoacas(góstache o pemento?) 19:09, 30 marzo 2010 (UTC)

Non, a ver. Eu entendo que o prazo é para emitir os votos dentro del. Aínda que o peche da votación se realice (por esquecemento ou polo que sexa), por exemplo, dous días despois do remate estipulado, non pasa nada. O que quedan invalidados son os votos que non entrasen nese prazo. Entendes? --Toliño Fala aquí comigo 09:42, 31 marzo 2010 (UTC)

Eu entender entendo, pero ese é outro tema. Creo que sería bo empezar a concretar por escrito como se vai formular a norma que vai rexer as votacións, hai cousas que só se ven cando están en letra. Outra cousa: estou supoñendo que estamos discutindo sobre como deberían ser as votacións, calquera tipo de votación, todas as votacións, ou é que hai algunha excepción? Xoacas(góstache o pemento?) 12:18, 31 marzo 2010 (UTC)

Paréceme que non entendo todo o que dis (será que aínda non volvín das vacacións...). Que é o que "queres ver en letra"? Acerca dos tipos de votación, cómpre distinguir entre aquelas que hai no apartado "Tipos" da páxina. --Toliño Fala aquí comigo 12:43, 5 abril 2010 (UTC)

Votacións para borrar[editar a fonte]

Actualmente:
  • Duración mínima: 10 días de votación.
  • Votos: un mínimo de 5 votos a favor, supoñendo estes o 66,6% (2/3) ou máis do cómputo entre votos favorables e negativos.
  • A ver, o principal problema que vexo nestas votacións de borrado é que non ten sentido o número de votos, xa que pode darse o caso do 50% (rara vez, xa o sei, pero é posible). Que se faría neste caso? Ninguén alleo (por dicilo dalgún xeito) podería valorar se os votos Symbol delete vote.svg Borrar coas súas argumentacións contan máis ca os Symbol keep vote.svg Manter, tamén argumentados. --Toliño Fala aquí comigo 13:11, 7 abril 2010 (UTC)
    • Xa está, os dous terzos fanse en base aos que están a favor do borrado (votos Symbol delete vote.svg Borrar), se hai un 50% entre os votos Symbol delete vote.svg Borrar e Symbol keep vote.svg Manter, a resolución (deste xeito) sería manter o artigo ou imaxe, é dicir, rexeitar a proposta de borrado. Opinións? --Toliño Fala aquí comigo 10:00, 11 de abril de 2010 (UTC)
    • Eu prefiro usar "positivos" e "negativos". Tamén penso que quedaría máis claro expresalo como "número total de votos, entre positivos e negativos". Xoacas(non che sinto?) 22:24, 11 de abril de 2010 (UTC)
Cumpriría tamén definir o mínimo de 5 votos favorables como no resto. --Toliño Fala aquí comigo 16:36, 13 de abril de 2010 (UTC)
Pois si. Xoacas(non che sinto?) 22:06, 13 de abril de 2010 (UTC)

Aprobación de bots[editar a fonte]

Actualmente:
  • Duración mínima: 7 días de votación.
  • Votos: un mínimo de 3 votos a favor, supoñendo estes o 75% (3/4) ou máis do cómputo entre votos favorables e negativos.
  • O problema das aprobacións de bots é que semellan esquecidas moitas veces. Claro que non se pode votar nelas á lixeira, cómpre facer algunha comprobación de uso en historiais ou contadores de edicións globais para ver as súas contribucións, problemas que puido dar/causar e algún outro aspecto. Está de sobra comprobado que os 7 días de votación son poucos. Non ocorre o mesmo co número mínimo de 3 votos a favor: ás veces transcorridos 20 días só hai un voto ou mesmo ningún. --Toliño Fala aquí comigo 13:11, 7 abril 2010 (UTC)

Políticas[editar a fonte]

Actualmente:
  • Duración fixa: 30 días de votación.
  • Votos: un mínimo de 5 votos a favor, supoñendo estes o 75% (3/4) ou máis do cómputo entre votos favorables e negativos.
  • Neste caso, non atopo problema ningún a primeira vista. Parécenme razoables os 30 días e o 75%. --Toliño Fala aquí comigo 13:11, 7 abril 2010 (UTC)

Duracións fixas e mínimas[editar a fonte]

Veño de facer unha distinción entre votacións con duración fixa e aquelas que teñen unha mínima. Cómpre redactar o texto aclaratorio para a sección "Prazos". Con isto axudaríase a alixeirar o labor administrativo naquelas votacións que non son tan periódicas e que quedan máis esquecidas en termos de prazo. --Toliño Fala aquí comigo 16:52, 13 de abril de 2010 (UTC)

Deixeiche por aí arriba unha pregunta sobre esa distinción entre prazos mínimos e fixos. Outra cousa que se me ocorre: do mesmo xeito que se especifica quen pode votar, sería bo aclarar quen pode convocar unha votación e quen pode pechala. Dígoo por deixar todo atado e ben atado. Xoacas(non che sinto?) 23:01, 13 de abril de 2010 (UTC)

Sobre o múmero de votos[editar a fonte]

Eu opino que se debe expresar expresamente (sei que é redundante, pero tamén é claro) cal é o número de votos total sobre o cal se fará o cálculo da porcentaxe mínima esixida para aprobar a votación. Ao meu entender, os votos neutros son a expresión dunha abstención, o cómputo débese facer sobre a suma dos votos negativos e positivos. --Xoacas(góstache o pemento?) 11:24, 30 marzo 2010 (UTC)

  • Nisto estou de acordo. --Toliño Fala aquí comigo 11:26, 30 marzo 2010 (UTC)
  • Eu tamén estou de acordo, contabilizaranse as porcentaxes sobre os votos positivos e negativos. Iso si, nos resumos da votación indicarase o número de neutros, aínda que non se contabilicen para a porcentaxe. --Alberte Si, dígame? 12:34, 30 marzo 2010 (UTC)
  • De acordo con non contabilizar votos neutros (aínda que teñan un matiz diferente da abstención). Pero unha observación: nas páxinas de propostas para destacados na portada dicimos que se esixe un mínimo de 5 votos a favor, cousa que non se está tendo en conta nesta nova redacción (ó principio só se di: "mínimo: 5 votos"). Pedro --Lameiro (conversa) 14:30, 30 marzo 2010 (UTC)
Perdón erro meu ao transcribir o que había noutras páxinas. Corríxoo decontado. Sempre estás ao loro para estas cousas, Lameiro! --Toliño Fala aquí comigo 14:33, 30 marzo 2010 (UTC)
Tamén de acordo con que os neutros non computen na suma total. --Atobar (conversa comigo) 19:59, 30 marzo 2010 (UTC)

Recapitulando[editar a fonte]

Segundo entendo eu, o falado ata agora non difire moito do que sempre houbo. Sospeito que os posibles conflitos arredor das votacións naceron máis polas diverxencias na interpretación das normas escritas que pola súa inexistencia. Iso non semella difícil, tendo en conta que a expresión destas normas é moi sobria e pouco elaborada. Por iso creo tamén hai que facer un esforzo por atopar unha formulación desas normas que sexa clara, concisa, eficaz e incontrovertible.

Isto é o que se aprobou ata o de agora, salvo erro ou omisión:

  • Normas de carácter xeral:
    • Poden votar usuarios autoconfirmados, que teñan feito mínimo de 150 contribucións válidas nos artigos e unha antigüidade mínima de 60 días naturais, a contar desde a primeira edición e antes do día de inicio da votación.
    • Os votos positivos expresan que o usuario que o emite está de acordo coa proposta sometida a votación, e son expresados por medio do signo Symbol support vote.svg Concordo ou Symbol delete vote.svg Borrar, segundo proceda; en reciprocidade, os votos negativos expresan que o usuario que o emite non está de acordo coa proposta sometida a votación, e son expresados por medio do signo Symbol oppose vote.svg Discordo ou Symbol keep vote.svg Manter, segundo proceda. Os votos neutros equivalen a todos os efectos a unha abstención, e son expresados por medio do signo Symbol neutral vote.svg Neutro. Todos os votos estarán asinados.
    • Cada usuario é libre de incluír a continuación do seu voto un comentario que o xustifique/argumente/motive. Todo usuario, mesmo aqueles que non participan na votación, son libres de incluír ao final da listaxe de votos un comentario, que sinalarán co signo Symbol comment vote.svg Comentario.
    • Aos efectos de contabilización de votos teranse en conta os votos positivos e os negativos. Os votos neutros emitidos serán rexistrados pero non contabilizados.
    • Establécese para cada tipo de votación un prazo, un número mínimo de votos recabados e unha proporción mínima de votos necesaria para resolver a votación.
    • As votacións serán pechadas unha vez rematado o seu prazo, sen data estipulada. Os votos emitidos fóra do prazo da votación serán rexistrados pero non contabilizados.
    • Toda votación pecharase incluíndo nela un marcador que exprese resumidamente o contido da votación, as datas de inicio e fin, o número de votos positivos, negativos e neutros emitidos, o número de votos emitidos fóra de prazo e a resolución da votación (positiva ou negativa).
  • Votacións para a elección de artigo destacado e artigo destacado sobre Galicia:
    • Duración da votación: 30 días naturais, incluíndo os de apertura e peche.
    • Número mínimo de votos: 5.
    • Proporción mínima de votos para resolver: os 2/3 do número total de votos, entre positivos e negativos.
  • Votacións para a elección de imaxe da semana:
    • Duración da votación: 15 días naturais, incluíndo os de apertura e peche.
    • Número mínimo de votos: 5.
    • Proporción mínima de votos para resolver: os 2/3 do número total de votos, entre positivos e negativos.
  • Votacións para o borrado de imaxes e artigos:
    • Duración da votación: 10 días naturais, incluíndo os de apertura e peche.
    • Número mínimo de votos: 5.
    • Proporción mínima de votos para resolver: os 2/3 do número total de votos, entre positivos e negativos.
  • Votacións para a aprobación de políticas:
    • Duración da votación: 30 días naturais, incluíndo os de apertura e peche.
    • Número mínimo de votos: 5.
    • Proporción mínima de votos para resolver: os 3/4 do número total de votos, entre positivos e negativos.
  • Votacións para a concesión de dereitos de administrador:
    • Duración da votación: 15 días naturais, incluíndo os de apertura e peche.
    • Número mínimo de votos: 5.
    • Proporción mínima de votos para resolver: os 3/4 do número total de votos, entre positivos e negativos.
    • As votacións para revogación de dereitos de administrador non esixirán un número mínimo de votos e resolveranse por maioría simple.
  • Votacións para a aprobación de bots:
    • Duración da votación: 7 días naturais, incluíndo os de apertura e peche.
    • Número mínimo de votos: 3.
    • Proporción mínima de votos para resolver: os 3/4 do número total de votos, entre positivos e negativos.

Non sei se me esquezo algo. Creo que esta é unha boa base para comezar a pensar unha formulación/redacción definitiva. Xoacas(góstache o pemento?) 20:05, 10 de abril de 2010 (UTC)

Sobre a recapitulación[editar a fonte]

Paréceme boa a recapitulación que fixeches, de feito, vou incluír algúns aspectos deixados de lado por min na nova redacción (quizais por seren obvios, pero que ao final semellan non o ser tanto) que ti deixaches aquí plasmados, Xoacas. Non obstante, hai dous detalles que son incorrectos.

  1. As votacións a destacados da Portada (artigo destacado, sobre Galicia e imaxe da semana) teñen unha duración de 15 días, non 30. Os que si necesitan unha votación de 30 días son os artigos de calidade (destes aínda non hai ningún).
  2. O número mínimo de votos sempre se refire aos positivos e nunca os que son en contra (isto non o aclaras).

De todos os xeitos, suponse (e así está por escrito na nova redacción), que as aprobacións fanse en base a que se acade a porcentaxe de votos positivos, porque se hai 5 votos a favor e 5 en contra, é dicir, o 50%, cal sería a resolución? Eu entendo que se rexeita a proposta. Non? --Toliño Fala aquí comigo 09:55, 11 de abril de 2010 (UTC)

Sobre a corrección no prazo, corrixe o que sexa mester, moitas cousas non as tiña eu moi claras. Sobre o número de votos mínimo: é o necesario para que a votación prospere, de non alcanzarse a votación rexéitase. O mesmo para a proporción mínima. É certo que hai que aclarar que ese número mínimo é de votos positivos, porque pode darse o caso de 4 votos positivos e 1 negativo (total: 5 votos, un 80% deles positivos), que non da para aprobar unha votación. En calquera caso son dous requisitos simultáneos, téñense que dar os dous ao mesmo tempo, de non ser así a votación non prospera. Xoacas(non che sinto?) 22:20, 11 de abril de 2010 (UTC)

Sobre isto que dis, mira a ver se quedou claro neste parágrafo, paréceme que está algo embarullado. Dálle as voltas que che pareza á redacción para que quede clara. --Toliño Fala aquí comigo 13:11, 12 de abril de 2010 (UTC)
  • Eu deixaríao máis simple: "Para aprobar unha votación os votos positivos deberán cumprir ao mesmo tempo dous requisitos: alcanzar un certo número mínimo de votos e unha certa porcentaxe mínima sobre o total de votos positivos e negativos. Este número mínimo e esta porcentaxe mínima dependen do tipo de votación do que se trate". E a continuación, no cadriño correspondente a cada tipo de votación, exprésase cal debe ser ese número mínimo e esa porcentaxe mínima. A redacción definitiva déixocha a ti, máis que nada porque esta é a túa páxina de usuario. Xoacas(non che sinto?) 14:51, 12 de abril de 2010 (UTC)
Un par de ideas que me veñen á cabeza sobre este tema: 1, teño especial interese en que se aclare ben clariño se existe a obriga de razoar/motivar/argumentar os votos negativos (se puidésemos chegar a saber se algunha vez existiu esa obriga xa sería para nota). 2, idem sobre a posibilidade de cambiar o voto e en que condicións/prazos/sentido. 3, establecer un prazo de espera antes de volver someter a mesma proposta a votación. Xoacas(non che sinto?) 22:31, 11 de abril de 2010 (UTC)
Sobre 1: Non é obrigatorio, pero si recomendable (na sección "Votos", 2ª liña do 1º parágrafo: Cómpre lembrar que, aínda que non sexa obrigatorio, sempre é bo argumentar os votos, tanto a favor como en contra, para fundamentar a postura.). Sobre 2: Os votos pódense cambiar en calquera momento sen problema ningún. Sobre 3: Non me consta nada sobre iso, que eu lembre. --Toliño Fala aquí comigo 13:11, 12 de abril de 2010 (UTC)
Sobre 1: eu prescindiría aquí de recomendacións, trátase aquí de dicir o que hai que facer e o que non se pode facer, e como e cando. Os consellos sobre como levarse ben cos demais usuarios é mellor metelos en outro lugar. Dígoo porque en base a esas recomendacións ten habido liortas (eu fun protagonista involuntario, e as condenadas recomendacións sobráronme moito, así que non quero volver a pasar por iso). Se algo é obrigatorio, mellor dicilo claro, se non o é mellor non dicir nada. Sobre 2: se os votos se poden cambiar haberá que deixalo expresado claramente, eu estiven buscando pero non encontrei nada sobre iso. Sobre 3: se son se pon unha limitación neste sentido nada me impide someter de novo a votación calquera proposta miña que acabe de ser rexeitada en votación; dispoñer que haberá que esperar un prazo de 3 meses (é un exemplo) é unha garantía de que os resultados das votacións non son tomados a broma. Engado un punto 4: Non atopei nada que aclare en que caso hai que someter a votación cousas como o borrado de imaxes ou de artigos (isto veume á cabeza a conto deste tema hoxe mesmo); isto remediaríase cunha frase alusiva ao comezo do apartado correspondente, tipo "os borrados de imaxe (exemplo) deberán ser sometidos sempre a votación" ou "os borrados de imaxe deben ser sometidos a votación só naqueles casos en que bla, bla, bla" Atopado aquí. Xoacas(non che sinto?) 14:39, 12 de abril de 2010 (UTC)
1.: non vexo o mal que pode carrexar esta recomendación; é unha recomendación, máis nada, ninguén pode esixir a argumentación a outra persoa e xa está (podedes facerme cambiar de opinión?). 2.: xa incluín os cambios de voto, con e sen o marcador Symbol wait alternative.svg Agardar (aquí). 3.: tes razón nisto, vou ver de o poñer nalgures. púxeno así, pero paréceme que é un pouco incompleto. --Toliño Fala aquí comigo 16:32, 12 de abril de 2010 (UTC)
Chico, estás a facer un traballo caralludo, mágoa que non participe máis xente. Sobre 3: non está incompleto, ten unha claridade cristalina, o que non sei é se non será demasiado 6 meses. Sobre 1: poder si que se pode, de feito xa pasou; ti mira isto, se non o viches xa, e logo a ver se segues pensando igual. Xoacas(non che sinto?) 17:00, 12 de abril de 2010 (UTC)
  • Ben, baixei a 3 meses o prazo. De novo co 1, bótolle unha ollada e xa verei. De todos os xeitos, non te amoles (aínda non lin nada) se digo que quizais non sexas o máis obxectivo (non só ti) neste aspecto ao te teres visto nunha lea sobre iso. Por outra banda, grazas por todas as observacións que fas e a ver se rematamos esta política, que ironicamente ten que se someter a votación ;P. --Toliño Fala aquí comigo 17:57, 12 de abril de 2010 (UTC)
A verdade é que non sei que dicir. Estou confuso. A conversa xa a lera no seu momento, aínda que non interviñese. Por unha banda sigo crendo que non pode facer mal ningún unha non argumentación dun voto negativo, moitas veces non se fai cos positivos e ninguén semella alarmarse. Pola outra banda quedo con esta frase de Alberte: "[...] débese argumenta-los votos en contra, xa que ademais do propoñente tamén está o autor da imaxe, que se pode sentir doído por un voto en contra sen xustificar. Un voto en contra é algo bastante duro, [...]". A política de ignorar todas as regras vénseme tamén ao maxín. A liña que hai entre a calma e a tempestade é demasiado delgada por estes lares e xa se cruzou en varias ocasións. E foi produtivo? Poida que si. Dos erros apréndese. Pero é que ás veces algunhas cousas véxoas tan ridículas que non paga a pena facerlles caso. Coido que estou divagando de máis e non é bo. Polo de agora quedo como estaba, as recomendacións entran dentro do «ignórea». --Toliño Fala aquí comigo 16:18, 13 de abril de 2010 (UTC)
Sobre a política de ignorar todas as regras, creo que aquí (na Galipedia) se está facendo un abuso do seu uso, algo así como o comodín que permite a todo o mundo facer calquera cousa, cando en realidade debería ser a portela de escape que nos permita saír de embrollas. Mellor é ter regras ben feitiñas que ter que recorrer a ignoralas. Sobre ese tema no que me vin envolto eu vexo as cosas así: xa hai un precedente, en calquera momento outra persoa pode basearse nel para esixir que se volvan a interpretar as regras do mesmo xeito (é dicir, que se considere obrigatorio argumentar os votos negativos), e así vai seguir sendo mentres ninguén cambie as regras. Como ti dis, eu non son o máis obxectivo nisto, pero agora deste tema estámonos ocupando ti e máis eu (ti máis ca min, claro), por iso déixocho a ti para que decidas que facer. En todo caso nada disto é grave, sempre queda a sacrosanta vontade popular que, finalmente, haberá de votar para aprobar todo isto. Deixando leas aparte, creo que a cousa está xa o bastante afinada como para que se poda considerar un texto definitivo, a non ser por un par de detalles nimios. A idea agora é propoñer a súa aprobación como política oficial da Galipedia? Xoacas(non che sinto?) 21:53, 13 de abril de 2010 (UTC)

Que quere dicir "Cabe diferenciar entre aquelas votacións con prazo fixo, nas que nunca se poden exceder as datas de inicio e fin, e aqueloutras con duración mínima, isto é, que se poderán pechar en calquera momento a partir de que transcorra ese período de tempo mínimo". Pensei que estaba xa consensuado que as votacións serían pechadas tras a data de fin, pero sen que teña que facerse ningún día concreto, e que só se terán en conta os votos emitidos dentro do prazo. Non se está contradicindo? Xoacas(non che sinto?) 22:00, 13 de abril de 2010 (UTC)

As votacións de bots, por exemplo, teñen un prazo dun mínimo de 7 días, o que quere dicir que non pode ser menor a eses 7 días, pero si que o prazo pode ser maior. Cando se considera que pasou o tempo suficiente e a votación está finiquitada entón é cando o administrador a pecha. --Alberte Si, dígame? 22:41, 13 de abril de 2010 (UTC)

Sobre as votacións[editar a fonte]

Hai tempo que non paso pola Galipedia e hai tempo que prefiro non participar en discusións pero cando entrei hoxe no wiki chamoume a atención este fío polo rápido que se esquecen as cousas. O obxecto das normas sobre votacións é garantir a limpeza das votacións e impedir manipulacións neses procedementos, e en consecuencia servir para mellorar a calidade do wiki. Cando se fala de mudar as devanditas regras ten que ser para aumentar as garantías e para contemplar todas aquelas situacións que van surxindo e que poden condicionar eses procesos. Naturalmente non se pode recoller todos os casos, nin sequera se detallan sempre por completo todos e cada un dos puntos, mesmo poden existir temas que precisen dunha mellora na redacción e outros puntos de uso común que as veces non aparezan expresamente na norma. Por outra banda cómpre lembrar que os wikipedistas non somos "lexisladores" e se podemos facer algo dun xeito sinxelo mellor.

Un dos aspectos que lin arriba xira arredor da xustificación dos votos, en particular dos votos negativos. Como moitos dos que levamos tempo aquí sabemos as votacións na Wikipedia non son plebiscitos nin meras recollidas de votos, son procedementos para tomar decisións para chegar a un acordo (eses procedementos amais deben adecuarse a unha serie de principios fundadores). Posto que non son meras recollidas de votos, os votos deben argumentarse, en particular o refirido aos negativos (en canto aos votos positivos temos seguido a norma que en ocasións a xustificación podía obviarse interpretando que quen votaba positivamente estaba asumindo a argumento de quen facía unha proposta -isto pode matizarse segundo os casos- por exemplo cunha imaxe, nos borrados a cuestión é algo diferente). Iso non é unha recomendación é un requirimento para os votos negativos, polo menos ata agora existía tal requerimento. Eliminar tal requisito dalgún xeito supón degradar ou diminuír as garantías. É un requerimento preciso por moitas razóns, unha delas é porque recolle procedementos que veñen de vello de moitos wikis, por exemplo todo o refirido ás imaxes está inspirado en Commons. Por outra banda é unha garantía para evitar votos sen fundamento, baseados nun funcionamento tipo rede social onde cuestións persoais ou relacionados con gustos ou fobias afecten as decisións da comunidade. É un xeito de establecer barreiras fronte a xeitos de proceder pouco beneficiosos para o ben colectivo.

Moitos dos procedementos que se seguiron ata agora están inspirados no que citei arriba e na reflexión colectiva sobre aquilo que pode ser beneficioso para os editores e os lectores da enciclopedia. Cando se falou por primeira vez de establecer prazos xa se sinalaron algúns dos problemas, no dos destacados xa se vía que o prazo non podía funcionar, porque no canto de ser un tempo fixo debía ser un intervalo, evidentemente noutros casos como a administración ou as políticas o prazo tiña que ser fixo. O bo xuízo de administradores e colaboradoress permitiu xestionar os destacados tendo en conta esa eiva. (O número de 5 votos mínimo nos destacados permite que a súa elección no se basee en relacións de mera afinidade, en cambio para o borrado de páxinas e imaxes tíñase por norma un mínimo de 3 votos para que non se produciría un bloqueo nas decisións, en políticas e en administradores non se chegou a poñer un número mínimo pero sendo a elección de administradores un punto fundamental sería preferible un amplo consenso e sería bo ter polo menos 10 votos como garantía de independencia do wiki; en canto aos bots se se fai algunha modificación tería sentido asumir o proposto por Xabier Cid nalgunha ocasión na Taberna).

O fundamental de todo o procedemento de votación é o porqué das cousas, polo tanto non importa tanto a redacción de cada punto como saber porque o facemos. Por exemplo, hai un punto nas votacións que dí un mínimo de 150 edición válidas en artigos, por unha banda iso implica que as edicións deben ser en artigos e non noutros espazos de nomes (por exemplo iso evita que alguén facendo un uso espurio das mensaxes de benvida poida inchar o seu número de edicións), tamén dí edicións válidas iso quero dicir que por exemplo alguén que faga edicións que se revertan lexitimamente non pode contar esas edicións nas 150. Evidententemente aínda así pode haber persoas que fagan edicións fraudulentas e hai outras cuestións a considerar.

Como editor deste proxecto espero que as regras das que aquí se falan garantan que non se caia nos problemas doutros wikis cercanos máis parecidos a unha gran rede social de conversa, e como lector espero que se consulto dentro de dous anos esta Wikipedia poida confiar no que aquí se publica independentemente de quen sexan os editores que leven nese momento o peso do proxecto. Por iso me gustaría, e quizais por iso me deu por falar, que o que aquí se decida vaia nunha liña deses principios Wikipedia dos que tanto temos falado noutras ocasións, traballando neses pequenos detalles que permiten que se constrúa un proxecto en común con persoas moi diferentes (algo que nos wikis semella que sempre estar a piques de estragarse) e menos na de "lexislación normativa", un proxecto que se manteña vivo e que siga vixente aínda que pase o tempo. Na miña opinión precisamente non xustificar os votos negativos é unha decisión que pode crear máis problemas dos que teoricamente poida eliminar.

Por último, quixera desculparme de antemán se non continúo coa conversa e aproveito tamén a ocasión para facelo se deixei algunha conversa a medias. Un cordial saúdo. --Prevertgl 22:05, 13 de abril de 2010 (UTC)

  • Estou en contra da obriga de xustifica-los votos, sexan a favor ou en contra. Quen queira argumentar, que o faga cando queira (e ata podo entender que se recomende facelo), pero pido a mesma liberdade para quen prefira non argumentar nada. Debo rexeitar frontalmente a teoría de Prevert de que "Eliminar tal requisito dalgún xeito supón degradar ou diminuír as garantías. ... Por outra banda é unha garantía para evitar votos sen fundamento". De ningunha forma: as garantías, se as hai, as amizades/enemizades, o que queirades, serán as mesmas con ou sen argumentos. Houbo votacións en tódolos sentidos sen explicacións (eu mesmo, moitas veces) e sen que ninguén reclamase nin dubidadase nada. Noutros casos houbo protestas e mesmo anulacións de votos. ¿Incongruencias? Non somos perfectos nin falta que fai. No futuro, con estas normas que estamos parindo, pode que se volvan producir pero creo que van moi ben na liña de previr eses problemas, no que sexan previsibles claro. No resto do texto elaborado ata agora estou basicamente de acordo. Pedro --Lameiro (conversa) 22:23, 13 de abril de 2010 (UTC)
A min realmente dame o mesmo que haxa que xustificar ou que non haxa que xustificar, o que eu quero é que todo estea claro. Se hai que esixir que se argumente o voto, esixámolo, pero sexamos conscientes de que entón todo voto negativo sen argumentar é un voto nulo e non se pode ter en conta ao facer o reconto. Estou de acordo con Prevert en que é preferible non ter necesidade de normas, pero as normas deixan de ser necesarias cando todos temos na cabeza a mesma idea de que Galipedia queremos, algo que non é doado, se é que é posible. Deixar o bo funcionamento de todo este trebello en mans dunha desexada concordia entre os usuarios é converter as decisións, calquera decisión, en xoguete do criterio de quen teña a responsabilidade e que, á súa vez, é xoguete das súas simpatías, afinidades, emocións e neuroses.
A parte mala das normas é que limitan o que podo e o que non podo facer, a parte boa é que me permiten prever o que van facer e o que non van facer os demais, e esixilo tamén. Iso é unha gran virtude, tendo en conta que o medio que empregamos non favorece nada a comunicación. Eu non podo traballar a gusto sabendo que o día menos esperado pode interpretarse calquera dos meus actos como un ataque ao máis sagrado. Mergullándome nos arquivos da Galipedia teño visto eternas discusións sobre temas semellantes a este entre usuarios xa extintos, algúns deles marcharían porque encontraron proxectos mellores, pero outros seguramente porque non foron quen de sentirse como na súa casa. O panorama que se debuxa con estes pinceis non é fermoso: unha enciclopedia que sobrevive alén das vidas de aqueles que lle dan a vida.
Xoacas(non che sinto?) 22:54, 13 de abril de 2010 (UTC)
  • Simplemente gustaríame facer un apuntamento rápido a Prevert. Na Galipedia, nunca houbo a obriga de argumentar os votos. De feito, aínda que a actual páxina Wikipedia:Votacións non o cita, nas seccións co proceso de creación das propostas nas páxinas de votación de artigos destacados, para borrar..., hai unha caixa cun texto que di textualmente: "Por favor trate de argumentar a súa postura engadindo algunhas palabras que fundamenten o seu acordo ou desacordo coa proposta, en particular cando se opoña." (o texto orixinal está en Modelo:ModelosVotacions). Sobre outras cousas, os 3 votos mínimos para os borrados non os atopo (por escrito). Terei que repasar de novo algunhas partes da conversa para ver se non esquezo nada. --Toliño Fala aquí comigo 13:38, 14 de abril de 2010 (UTC)
  • HombreDHojalata di: Perdón polo atraso e parabéns ós que estiveches traballado o tema:

Espero que a miña intervención aporte algo:

- Nó estupendo "Recapitulando" que fixo Xoacas, como xa dixo Toliño, hai un erro, as "Votacións para a elección de artigo destacado e artigo destacado sobre Galicia" han ter unha duración de 15 días, e non 30. Penso que debería riscarse para non levar a confusión a ninguén que o lea.

- En canto as Votacións para a concesión de dereitos de administrador, no recapitulando di "As votacións para revogación de dereitos de administrador non esixirán un número mínimo de votos", e no borrador que está a facer Toliño non fala de votos mínimos, nin para eleccións, nin para revogacións. Penso que non pode ser así. Pódese revogar a un administrador coa intervención dun solo editor (cun so voto)?!

- Falando de "Calquera usuario pode cambiar o sentido do seu voto en calquera momento" estou en desacordo, penso que habería que engadir "sempre dentro do prazo da votación", incluso aínda que a votación, polo motivo que sea, non se peche dentro de prazo, non se debería permitir mudar o voto despois da data de finalización que se especificou ó comezo. Xa se deron casos de usuarios que entraban en cólera porque non se pechaba unha votación ó seu tempo, pretendían anular votos, e, deseguido, mudaban o sentido do seu (fora de prazo).

- A afirmación xeral "as votacións rexeitadas nunha primeira volta, non poderán someterse a unha segunda valoración ata transcorridos 6 meses da finalización da votación anterior", penso que non vale, habería que especificar tipo por tipo. Non é o mesmo volver propoñer un artigo para destacado, que volver a propoñer a revogación dun administrador. Ocorréseme (é so un exemplo) que non é imposible que un administrador, a raíz dun conflito con algún ou algúns usuarios, tolee e comece a vandalizar. Que facemos entón, se non pasaron 6 meses da votación anterior?

- O de xustificar os votos, discordo en que sexa obrigatorio. Lin todos os argumentos que se deron e penso que xustificar o voto non serve para impedir vinganzas, nin serve para impedir amiguismos, nin serve para impedir que alguén se sinta ofendido. Pódese facer un voto vingativo argumentando. Podo votar en contra da elección dunha imaxe, motivo? Porqué me parece feísima, xa está argumentado. Quen vai vir logo a valorar se o meu argumento é válido ou non? Habería que abrir outra votación sobre a validez do meu voto! En canto a que alguén se sinta ofendido porque a súa imaxe sexa rexeitada... esa persoa non ten cabida no ámbito das wikis. Todas funcionan igual, podo escribir un artigo de 15 folios e pode vir alguén por detrás e poñelo patas para arriba, non me teño que ofender.

Non pensemos que somos mas listos que ninguén, nin dos das "wikipedias próximas" nin dos das "wikipedias afastadas", sexa o que sexa iso. En centos delas millóns de usuarios votan, e na maioría dos casos sen ningún argumento. Suponse que os argumentos de peso están na exposición da votación. Se eu digo "concordo" ou "discordo" a secas, esta claro que concordo ou discordo co argumento da introdución da votación.

- Indicar, por último, por se alguén non se decatou, que desenrolar Wikipedia:Votacións implicará, obrigatoriamente, actualizar tódalas políticas relacionadas, por exemplo Wikipedia:Elección de administradores. E iso vai levar un traballiño.

Saúdos, e de novo felicitacións ós que estades a romper os cornos no tallo este. --. HombreDHojalata.conversa 16:35, 14 de abril de 2010 (UTC)

En resposta a HombreDHojalata dicir que:
  1. Para a revogación dos dereitos de administrador cómpre que haxa un mínimo de 3 usuarios a favor da creación desa proposta (polo que aínda non habería votación). Está recollido na política concreta: Para pedir que se considere a revogación de privilexios, tres usuarios débeno solicitar en Wikipedia:Votacións á administración.
  2. O do cambio do voto dentro do prazo entra dentro das cousas obvias que dou por supostas e que nunca está de máis aclarar. (Feito! Feito! Aquí está! --Toliño Fala aquí comigo 16:31, 15 de abril de 2010 (UTC).)
  3. En resposta ao exemplo do administrador que dá en tolear (e sen entrar noutro caso que se puidera dar), non é necesaria a votación: ese tipo de actuación indebida entraría dentro do bloqueo do usuario e a retirada inmediata dos privilexios de administrador. Ah, por certo, o período é de 3 meses, non medio ano (si, sei que o puxera eu así ao principio).
...E aínda quedan máis fíos por coser, imos avanzando aos poucos. Grazas a todos polas opinións. --Toliño Fala aquí comigo 17:47, 14 de abril de 2010 (UTC)
  • Que conste que sigo a conversa, pero vexo que a cousa vai indo e non teño moito que dicir que non digades xa outros. Unha soa cousa: a argumentación non debe de ser unha obriga (no entanto, vexo ben que se manteña a recomendación de argumentar os votos negativos). --Atobar (conversa comigo) 18:03, 14 de abril de 2010 (UTC)

Estiven revisando todo o carrete e paréceme ben, en xeral. Pero por fiar fino:

  • Deberíase procurar empregar sempre o mesmo termo para referirse á mesma cousa (prazo/duración, por exemplo)
  • Creo que queda máis claro así: "o peche da votación deberá realizarse, como moi axiña, ao día seguinte ao marcado como de remate da votación. Calquera voto emitido despois da data de fin da votación será invalidado decontado riscándoo etc..."
  • "Cabe diferenciar entre aquelas votacións con prazo fixo, nas que nunca se poden exceder as datas de inicio e fin, e aqueloutras con duración mínima, isto é, que se poderán pechar en calquera momento a partir de que transcorra ese período de tempo mínimo". Isto contradí o que se falou nesta mesma páxina de conversa, no apartado de Conversa sobre os prazos: "De acordo co da duración "mínima", que converte en norma o que se fai na práctica", co que só se mostrou parcialmente en desacordo Alberte: "Os prazos fixos habería que deixalos tan só para as votacións relativas á administración, ás políticas e ós artigos de calidade". Entendo que as votacións relativas á administración e ás políticas haxa que tratalas con especial rigor, pero non vexo que as votacións de artigos de calidade sexan cualitativamente diferentes das de imaxes da semana., por exemplo, que non teñen prazo fixo. En calquera caso non está de máis aclarar que a dilatación dunha votación alén do seu prazo fixo non lle resta validez ao seu resultado. Evitaranos desgustos esta precaución.
  • A redacción do apartado Valoración dos resultados é problemática. Ven dicir que a porcentaxe se calcula sobre a porcentaxe, e claro, non pode ser. Creo que quedaría máis clara se fose algo así: "Ao remate do prazo estipulado, cómpre levar a cabo o escrutinio. A votación resólvese sobre dous parámetros: 1. O número mínimo de votos favorables. 2. A fracción mínima de votos a favor da proposta sobre o total de positivos e negativos. Estes valores porcentuais dependen do tipo de votación. Deste modo, aquelas propostas que non cumpran as condicións son declinadas. Por exemplo, a resolución dun 50% entre votos a favor e en contra ou catro a favor e tan só un en contra faise co rexeitamento da proposta sometida a votación.".
  • No apartado Exposición dos resultados di "Xxx, yyy e zzz débense substituír polos valores dos votos a favor, en contra e neutros, respectivamente". O alfabeto galego non ten a letra y, así que o anterior debería quedar así: "Vvv, xxx e zzz débense substituír polos valores etc...", ou escoller outras letras (a, b e c?). sei que non é importantísimo, pero é incoherente.

Xoacas(non che sinto?) 21:06, 15 de abril de 2010 (UTC)

A edición que realicei levaba tan só partes do comentado aquí enriba por Xoacas:
  1. Coido que nunca está de máis non empregar sempre os mesmos vocábulos e prazo e duración pódense considerar perfectamente sinónimos.
  2. Symbol support vote.svg Concordo neste punto; canto máis claro estea, mellor.
  3. Sei que son miope, pero non vexo a contradición da que falas por ningures. En realidade, non é que non a vexa, é que non entendo a que te refires con contradición.
  4. De acordo ao cento por cento; de novo, canto máis sinxelo, máis claro queda.
  5. As incógnitas x, y e mais z son as empregadas habitualmente, mesmo nos libros en galego manteñen estas letras. De todos os xeitos, non teño problema en facer o troco por a, b e c.
E xa! --Toliño Fala aquí comigo 17:47, 16 de abril de 2010 (UTC)

Pois mira, imos deixar de marear o tema, todo o que se podía dicir xa se dixo, eu creo que o traballo xa está rematado. Fixeches un traballo encomiable, foi un pracer cooperar contigo. Agora que decida o pobo se lle gusta ou non. Xoacas(non che sinto?) 21:35, 16 de abril de 2010 (UTC)

Á votación[editar a fonte]

Pois como vexo que despois duns días de reflexión ninguén achegou nada máis, e antes de que quede o asunto esquecido, vou crear a votación para ver se aprobamos o novo texto. Grazas a todos os que destes a vosa opinión. --Toliño Fala aquí comigo 15:28, 29 de abril de 2010 (UTC)

Opinión[editar a fonte]

Volvemos a caer en crear normas que actualmente non estamos a respectar por non seren adecuadas á realidade (ou ó mellor non dei a debida lectura):
-¿Como que 15 días para o destacado na portada se se pechan as votacións (as de imaxe da semana) normalmente 30 ou 45 días (por non dicir 60) despois da proposta? ¿Trátase de, con esta votación, perpetuar o imperpetuable ou o que o mesmo: que logo nos vexamos obrigados a non cumprir as normas? ¿Non sería mellor dicir que a partir de 15 días calquera administrador -sexa cal sexa o resultado- pode pechar a votación e que, agás que a votación sexa pechada, o prazo máximo é de 60 días? ¿Ou é que non cremos no bo quefacer dos administradores? ¿Por que non deixar estes asuntos ó seu criterio e non inmiscuírnos?
-¿Que quere dicir "cómputo entre votos favorables e negativos" (¿onde quedan os neutros?). Non está claro.
-¿E por que poñer agora o 75% cando antes era o 66%?. O 75% implica que unha imaxe con 7 votos a favor e tres en contra non saia elixida. Vaites, se ten 7 votos a favor, dado a realidade en que vivimos, creo que é merecente de ser elixida a pesar de ter tres votos en contra. Se ten 6 votos a favor e tres en contra, tampouco será elixida e antes si o era. ¿Non estaremos enchendo unha quiniela máis ca que creando normas? ¿Témonos parado a pensar en concreto o que supoñen os datos que propomos ou imos votar? ¿Para que votar unhas normas máis restritivas das que xa temos?. Evidentemente, estou en desacordo co 75%. Ese 75% obedece a que agora se interpreta que o 25% teñen que ser votos negativos e non neutros, pero antes podía non haber neutros e a porcentaxe era o 66%. Creo que chega cun 66% de votos positivos. Creo que é máis ca suficientemente democrático, aínda que o resto sexan negativos.
-O do número mínimo de votos, ata o de agora presente, considéroo unha aberración. Se unha imaxe ten un só voto e é a favor, a imaxe é aprobada. Para non ser aprobada que a xente se molle e vote. Xa está ben de que todo o mundo se refuxie nas normas. Ampliade os prazos a 60 días para que todo o mundo vote e ninguén quede fóra de prazo. Permitide pechar antes as votacións ós administradores se hai necesidade de facelo. Eu véxoo fácil.
Son só opinións--Iesmgb2 23:43, 6 de maio de 2010 (UTC)

A miña proposta, tras o dito, é que un destacado da portada só teña que ter o 66% de votos a favor, independentemente do número de votos. Propoño ademais 60 días para a votación, se ben calquera administrador pode pechar despois de pasados 15 días a votación sen ter que dar, sexa cal sexa o resultado, motivo ningún--Iesmgb2 00:23, 7 de maio de 2010 (UTC)