Constantino Horta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Constantino Horta, retrato en Vida Gallega, 1911.

Constantino Horta Pardo, nado en Pontedeume o 21 de maio de 1860 e finado na Habana o 20 de xuño de 1923, foi un escritor galeguista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De procedencia humilde emigrou na adolescencia á Habana, conseguindo estudar, ó tempo que traballaba, na Escola de Comercio desa cidade e obtendo unha praza de profesor nela despois de graduarse, tamén dirixiu no Centro Gallego de La Habana o ensino de comercio e de adultos (1884-1896) e o "Boletín del Profesorado Cubano" desde 1893. Logo de rematar os estudos de dereito estableceuse como avogado pero firme no seu amor ó país mantivo unha asesoría xurídica gratuíta no Centro Gallego. Foi un dos fundadores do semanario La Tierra Gallega.

En 1894 fundou a Biblioteca Comercial Hispano-Americana de Ciencias Comerciales, na cal publicou libros de texto da súa autoría con destino ás escolas de comercio de varios países latinoamericanos que as adoptaron como texto oficial e un par dos seus tratados traducíronse ó inglés.

Regreso a España[editar | editar a fonte]

En 1898, despois da derrota española polos Estados Unidos, repatriouse a España, establecéndose en Barcelona, aínda que seguiu a visitar e mesmo residir en América para promocionar os seus libros. En 1904 volveu establecerse na Habana, traballando de profesor no Colexio Mercantil do Centro Gallego. Propagandista do ideal galeguista, publicou artigos no periódico Nova Galicia de Buenos Aires e, sobre todo, no Galicia da Habana, tomando a súa dirección o propio Horta de 1906 a 1908. Nesta etapa o xornal apoiou claramente a idea do establecemento dunha Solidaridad Gallega, a exemplo da constituída en Cataluña.

Constantino Horta foi o socio 57 da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, constituída en 1905. Asemade participou na constitución do Comité Redencionista da Habana en 1909, pouco despois transformado en Unión Redencionista Gallega, que pretendía eliminar os foros que tanto prexudicaban ó campesiñado galego. Horta foi brevemente o seu presidente, en xaneiro de 1911. Pero a partir desas datas as preocupacións de Constantino Horta centréronse en demostrar a galeguidade de Cristovo Colón, decaendo na súa actividade pública galeguista. Horta nunca chegou a asumir o xiro nacionalista que as Irmandades da Fala deron ó galeguismo.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Tratado Completo de Aritmética Comercial Universal
  • Tratado Universal de Teneduría de Libros
  • Tratado Universal de Documentos Comerciales, Industriales y Administrativos
  • Tratado de Correpondencia Comercial Universal Cuatrilingüe
  • Doctrina Galicianista (1905)
  • La verdadera cuna de Cristóbal Colón (1911 en Nova York)