Consorcio Audiovisual de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Consorio Audiovisual de Galicia foi unha entidade pública ao servizo ao sector audiovisual galego para que este poida desenvolver os seus obxectivos co máximo rigor, así como para impulsar a súa integración competitiva no sector audiovisual nacional e internacional. A Xunta de Galicia disolveuno en febreiro de 2012, traspasando a súa xestión á Axencia Galega das Industrias Culturais.[1]

Orixe[editar | editar a fonte]

O Consorcio tivo a súa orixe na Lei 6/1999, do 1 de setembro, do Audiovisual de Galicia, que prevé no seu artigo 9 que, para a potenciación institucional das accións tendentes ao desenvolvemento do sector audiovisual de Galicia, as administracións e entidades interesadas han convir a constitución do Consorcio Audiovisual de Galicia.

Así, o 16 de outubro de 2001, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e da Consellería de Economía e Facenda, a Compañía de Radiotelevisión de Galicia e as 4 Deputacións Provinciais galegas acordaron a constitución do mesmo.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 17 de outubro de 2002, aprobou o Decreto 294/2002 (DOG nº 208, do 28 de outubro), polo que se constitúe e se regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia e, finalmente, o 21 de novembro de 2002 levouse a cabo a sesión constitutiva do citado Consorcio, entidade de dereito público de carácter interadministrativo, con patrimonio e personalidade xurídica propia e co fin primordial de contribuír ao desenvolvemento e á consolidación do sector audiovisual en Galicia.

Posteriormente, o Consello da Xunta, na súa reunión do 2 de marzo de 2006, aprobou o Decreto 38/2006 (DOG nº 49, do 10 de marzo), polo que se modifica o Decreto 294/2002. Finalmente, a Secretaría Xeral de Comunicación, o 15 de xuño de 2006, resolveu dar publicidade á modificación dos estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia, publicados no DOG nº 128, do 4 de xullo.

Obxectivos[editar | editar a fonte]

O obxectivo do Consorcio Audiovisual de Galicia é a potenciación institucional das accións tendentes ao desenvolvemento do sector audiovisual de Galicia.

Son finalidades específicas do Consorcio:

  1. Desenvolver e fomentar a produción e a industria cinematográfica e audiovisual galega.
  2. Promover e potenciar a actividade profesional e a creación de emprego no sector audiovisual.
  3. Impulsar a produción propia e a coprodución, así como a súa distribución por calquera dos sistemas e das canles de difusión audiovisual, favorecendo o desenvolvemento do sector audiovisual galego.
  4. Promover a investigación, a formación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector audiovisual.
  5. Promover o emprego do idioma galego mediante o seu uso nos medios audiovisuais, especialmente apoiando o seu emprego nas salas de exhibición e promovendo a asistencia a elas.
  6. Divulgar as obras audiovisuais galegas no propio territorio, no Estado español, en Portugal, na Unión Europea e en todos os territorios onde existan comunidades galegas.
  7. Promover un mellor coñecemento da historia, da arte, da literatura, da música e, en xeral, da realidade social e cultural galega a través das producións cinematográficas e audiovisuais.

Notas[editar | editar a fonte]