Consello Regulador do Mexillón de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Consello Regulador do Mexillón de Galicia
editar datos en Wikidata ]
O selo azul do Marine Stewardship Council, etiqueta acadada polo Mexillón de Galicia.

O Consello Regulador do Mexillón de Galicia é un organismo que ten como obxectivo o fomento da calidade do mexillón galego.

Ten a súa sede na Avenida da Mariña, 25-1º de Vilagarcía de Arousa.

Historia[editar | editar a fonte]

O Consello Regulador do Mexillón de Galicia iniciou as súas actividades en 1994, aínda que os traballos previos á súa constitución comezaron en 1989. Unha das primeiras iniciativas do Consello Regulador foi a solicitude, baixo os termos da normativa autonómica, do recoñecemento "Produto Galego de Calidade" para o mexillón de Galicia. Por entón, esta normativa aplicábase unicamente aos produtos agroalimentarios da terra, de forma que o mexillón converteuse no primeiro produto do mar en obter esa mención. Con posterioridade, a Unión Europea estableceu un marco comunitario unificado para as Denominacións de Orixe e outras figuras de calidade vinculadas a un lugar xeográfico determinado, obrigando aos países membros a eliminar ou reconverter todo tipo de marcas, denominacións e normativas que fixeran mención á orixe como factor determinante da calidade dos produtos. O nome Mexillón de Galicia foi pioneiro na súa solicitude e converteuse no primeiro produto do mar en Europa en obter o distintivo de calidade Denominación de Orixe Protexida (DOP). No ano 2007 quedaba inscrita no rexistro da Unión Europea a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e actualmente é a única DOP para un produto do mar en España. Desde entón, o Consello Regulador foi adquirindo unhas funcións perfectamente definidas e foi perfeccionando os seus sistemas de control de calidade. Paralelamente, a marca "Mexillón de Galicia" foi aumentando a súa notoriedade e prestixio entre produtores, comercializadores e consumidores.[1]

Desde a súa creación en 1994 o Consello do Mexillón de Galicia traballou pola implantación dunha denominación de orixe protexida (DOP) para o Mexillón de Galicia, que a Unión Europea recoñeceu en 2007 como a primeira da súa categoría aplicada a un produto do mar. «A denominación certificou a calidade e a orixe do mexillón galego; dende o principio traballamos tamén na sostenibilidade, pero faltábanos a súa certificación; ese momento chega agora», indicou Francisco Alcalde, o presidente do Consello, un organismo baixo o que se amparan 2 090 bateas, ao redor de dous terzos das que existen nas rías galegas, e 55 empresas que, en 2018, colocaron no mercado 54 millóns de kg de mexillón acreditado. Un ano leva traballando o Consello no proceso que acaba de iniciarse e que concluirá nunos doce meses: a consecución do "selo azul" do Marine Stewardship Council (MSC), a principal etiqueta internacional de xestión ambiental para produtos mariños.[2]

A sede do Consello en Vilagarcía foi o escenario no que Mexillón de Galicia anunciou o arranque dunha avaliación que medirá o estado das poboacións do noso mexillón, Mytilus galloprovincialis, o impacto do seu cultivo no ecosistema e a eficacia da súa xestión. Laura Rodríguez, a directora de MSC para España e Portugal, explicou que todo iso se desenvolve a través de 29 indicadores que puntúan examinadores independentes. Neste caso, Bureau Veritas. A partir de aí, as empresas que desexen sumarse á certificación deberán someterse a un proceso similar, pero centrado na cadea de custodia. Se a nota é positiva, o mexillón galego con denominación poderá comercializarse co seu selo azul.[2]

Funcións[editar | editar a fonte]

A finalidade principal do Consello Regulador é fomentar a calidade do mexillón, tanto nas actividades de cultivo, como na elaboración, transformación e distribución, para poder ofrecerlle ao consumidor un produto acorde coas súas expectativas e esixencias. O control da orixe e da calidade do produto comeza coa realización de auditorías nas bateas. Así mesmo, o Consello Regulador dispón de unidades de control en todos os peiraos autorizados para a descarga de mexillón. O persoal técnico de control e certificación está equipado con medios de transmisión telemática de datos e supervisa cada unha das descargas de mexillón que se realizan neses peiraos. Tamén é función do Consello auditar a cadea de custodia nas empresas de elaboración e transformación de mexillón e facer inspeccións aleatorias de produto no mercado. Os controis establecidos son a base de todo o sistema de certificación de produto, que é un proceso dinámico e permanente, de xeito que cando os resultados son favorábeis e garanten a calidade e a orixe do mexillón, prodúcese a certificación conforme a norma de calidade ISO-17065. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia ten subcontratada parte das tarefas de control e certificación á entidade independente externa Bureau Veritas.[3]

Organigrama[editar | editar a fonte]

O máximo órgano de xestión do Consello Regulador do Mexillón de Galicia é o pleno, composto por representantes dos produtores e comercializadores de mexillón, así como por vocais da Administración autonómica. As actividades de control da Denominación de Orixe Protexida canalízanse a través dunha estrutura independente, encabezada por un Comité de Certificación.[4]

Bioloxía do mexillón[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Mexillón.

Gastronomía: receitas[editar | editar a fonte]

  • Arroz caldoso de mexillón de Galicia e wakame
  • Arroz de mexillón de Galicia
  • Chupito de consomé de mar e mexillón de Galicia
  • Crema de champiñóns con mexillón de Galicia
  • Mexillón de Galicia ao albariño con alga nori e ovas de salmón
  • Mexillón de Galicia con cremoso de pataca

Toas estas receitas, e oito máis, poden verse aquí.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]