O conflito de Chipre é un conflito en curso motivado pola invasión militar e a posterior ocupación turca (dende 1974) do terzo norte da illa, unha situación descrita e detallada en numerosas resolucións das Nacións Unidas.[1][2][3] Malia que a República de Chipre é recoñecida como o único e lexítimo estado, soberano sobre toda a illa, o norte está gobernado de facto pola administración autodeclarada da República Turca do Norte de Chipre que é defendida polas Forzas Armadas de Turquía.
Nun comezo, coa anexión da illa polo Imperio Británico dende o Imperio Otomán, o "conflito de Chipre" foi identificado como unha disputa entre a poboación de Chipre e a Coroa Británica e a loita dos chipriotas pola súa autodeterminación. Porén, a disputa converteuse, baixo a administración británica, nun conflito étnico entre os turcos e os gregos insulares.[4] As implicacións internacionais da disputa superaron as fronteiras da illa de Chipre e incluíron ós poderes baixo o Acordo de Londres e Zúric (Turquía, Grecia e o Reino Unido), as Nacións Unidas e a Unión Europea, e (non oficialmente) os Estados Unidos.[5]
Como resultado de que as dúas comunidades e os países involucrados se comprometeron a atopar unha solución pacífica para a disputa, as Nacións Unidas manteñen unha zona de amortecemento (a "Liña Verde") para evitar calquera tensión ou hostilidade intercomunal. Esta zona separa as áreas do sur da República de Chipre (predominantemente habitada por gregochipriotas), das áreas do norte (onde os turcochipriotas e os colonos turcos son agora maioría). Nos últimos anos produciuse un achegamento das relacións entre ámbalas dúas comunidades, e as negociacións para a reunificación recomezaron no 2014.[9]
↑U.N. Security Council resolution 541 (1983) that deplores the declaration of “independence” by the Turkish-Cypriot authorities as secessionist and declares it legally invalid.
↑U.N. Security Council resolution 550 (1984) condemning the “TRNC” recognition by Turkey.
Anastasiou, Harry (2008). Syracuse, New York: Syracuse University Press, ed. The Broken Olive Branch: Nationalism, Ethnic Conflict and the Quest for Peace in Cyprus: The Impasse of Ethnonationalism. ISBN0-8156-3196-0.