Colodión húmido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Colodión Húmido»)
Comezando a preparar unha placa fotográfica de colodio.

O colodión húmido é un procedemento fotográfico creado no ano 1851 por Frederick Scott Archer que supuxo un grande avance no desenvolvemento da fotografía. O método supón a utilización do colodión,[1] unha especie de verniz que se aplica ás placas, sobre o cal se entende a emulsión química, así como unha placa de cristal transparente e puída que permite a obtención de imaxes nítidas en negativo ou, incluso, positivo.

Chámase colodión húmido porque a placa ha de permanecer húmida durante todo o procedemento de toma e revelado das imaxes. Isto supuña que os fotógrafos tiñan que levar consigo o laboratorio fotográfico a fin de preparar a placa antes da toma e proceder a revelala inmediatamente. Xeneralizouse así o uso de tendas de campaña e carromatos reconvertidos en laboratorios para os fotógrafos que traballaban no exterior.

Fotografía do teatro romano de Mérida antes da súa escavación, tomada por J. Laurent arredor do ano 1867. O negativo orixinal é de vidro colodión, no formato 27 x 36 centímetros. Consérvase na fototeca do IPCE, en Madrid.

Outro dos grandes inconvenientes deste método era o da fraxilidade das placas de cristal empregadas como soporte, que en multitude de ocasións acababan raiadas ou rotas.

Co emprego deste procedemento conseguiuse reducir o tempo de exposición a un máximo de trece segundos e un mínimo dun segundo, o cal provocou unha diminución dos custos. Outra das grandes vantaxes era a estabilidade da emulsión empregada.

A súa xeneralización motivou o abandono do emprego doutros procedementos como o daguerrotipo ou o calotipo, á vez que supuxo a popularización do acceso ó mercado de imaxes de famosos por parte das clases obreiras.

Na década de 1870 o seu uso acabou sendo desprazado pola aparición da instantánea fotográfica e o carrete fotográfico.

Na actualidade[editar | editar a fonte]

Greta Thunberg foi capturada por primeira vez co proceso de colodión de placas húmidas de prata sobre vidro. A placa chámase "Standing For Us All". Shane Balkowitsch tomou esta imaxe orixinal en Standing Rock o 8 de outubro de 2019.

Hoxe a técnica emprégase con fins artísticos e organízanse obradoiros.[2] Algúns personaxes actuais, como a activista Greta Thunberg, foron retratados con esta técnica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Dicionario; colodión". Real Academia Galega. Consultado o 2023-07-16. 
  2. "O espazo Dispara da Estrada organiza un obradoiro fotográfico de colodión húmido". EstudosAudiovisuais.org ; desonhos.net. Consultado o 2023-07-16. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]