Colapso do Rana Plaza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Colapso dun edificio en Savar en 2013»)
Fotografía do edificio Rana Plaza derrubado

O colapso do edificio coñecido como Rana Praza produciuse o 24 de abril de 2013 cando o bloque de oito pisos se derrubou en Savar, un distrito de Daca, capital de Bangladesh. Morreron 1134 persoas e outras 2437 resultaron feridas.[1] O edificio, que contiña fábricas de roupa, un banco e varias tendas, derrubouse durante a hora punta da mañá tras haberse ignorado as advertencias de que debía desaloxarse o edificio despois de haberse descuberto gretas o día anterior.[2][3][4]

Cronoloxía dos feitos[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O edificio, coñecido como Rana Praza, é propiedade dun dos dirixentes do partido gobernante Liga Awami, Sohel Ra[5] e aloxaba catro fábricas de roupa independentes que empregaban a unhas 5.000 persoas. Foi tamén sede dun gran número de tendas e dun banco. As fábricas producían pezas de vestir para marcas como Benetton, The Children's Place, DressBarn, Mango, Monsoon, Inditex e Primark, así como para empresas de distribución como El Corte Inglés.[6]

Aparición de gretas o día 23 e derrubamento o 24 de abril[editar | editar a fonte]

Vídeo da televisión de Bangladés do desaloxo após o derrubamento

A pesar de que se pediu o desaloxo do edificio despois de descubrir gretas de envergadura o 23 de abril de 2013, os donos das fábricas esixiron a moitos traballadores da confección que volvesen traballar ao día seguinte, declarando que o edificio era seguro.[7] Algúns traballadores dixeron que as gretas eran moi graves, tan graves que a aparición das mesmas foi noticia en varias canles de noticias locais.[8] O edificio derrubouse ao redor das 09:00 a. m., deixando só a planta baixa intacta.[9] Un bombeiro dixo que no edificio podería haber ao redor de 2.000 persoas cando se produciu o colapso, un dos sobreviventes indicou que poderían ser até 5.000 traballadores. Un residente do local describiu a escena coma se fose "un terremoto".[10]

Vítimas[editar | editar a fonte]

taboleiro con fotos de desaparecidos

Un dos sitios web da fábrica de roupa indica que máis da metade das vítimas foron mulleres, xunto cos seus fillos, que se atopaban nas instalacións de gardaría dentro do edificio.[11]

IndustriALL Global Union e a UNI Global Union logran un acordo para un plan de prevención[editar | editar a fonte]

Ante a magnitude do accidente e a presión dos sindicatos IndustriALL Global Union[12] e UNI Global Union, nunha poderosa alianza con importantes ONG, a Campaña Roupa Limpa e o Consorcio de Dereitos dos Traballadores, conseguiron importantes melloras para os traballadores en Bangladés.[13] Polo menos 24 empresas multinacionais asinaron un acordo que, sobre o papel, prevé inspeccións independentes. O gran número de mortes e accidentados fixo reaccionar a numerosas empresas que en anteriores ocasións mostráronse indiferentes.[14]

Empresas que asinaron o acordo de prevención[editar | editar a fonte]

As marcas que asinaron o acordo son as seguintes: H&M, Inditex, C&A, PVH, Tchibo, Tesco, Marks & Spencer, Primark, El Corte Inglés, jbc, Mango, Carrefour, KiK, Helly Hansen, G-Star, Aldi, New Look, Mothercare, Loblaws, Sainsbury’s, Benetton, N Brown Group, Stockmann, WE Europe, Esprit, Rewe, Next, Lidl, Hess Natur, Switcher, A&F.

Empresas que non asinaron o acordo de prevención[editar | editar a fonte]

Fast Retailing é a empresa xaponesa que fabrica artigos de roupa e complementos para as firmas de moda Uniqlo e Theory. GAP e Wal-Mart tampouco asinaron o acordo común de prevención e indican que asumirán de forma unilateral a prevención de accidentes.[15][16]

Unha das sobreviventes do Rana Plaza

Causas da pobreza e de accidentes laborais en Bangladés[editar | editar a fonte]

Para Vicenç Navarro o problema maior que ten Bangladesh -segundo as estatísticas internacionais o país máis pobre do mundo xunto con Haití- non é a falta de recursos, senón o control sobre estes recursos. Navarro sinala que Bangladés non pode considerarse un país pobre, aínda que a inmensa maioría dos seus habitantes o sexa. O problema é que a oligarquía terratenente -o 16% dos propietarios de terra controlan o 60% de toda a terra-, produce alimentos que exportan aos países chamados desenvolvidos consolidando unha estrutura agrícola que provoca un número importante de poboación misérrima que acaba emigrando do medio rural ás cidades onde é explotada -en condicións económicas, laborais e de seguridade penosas- nas distintas manufacturas e industrias urbanas, entre elas a téxtil. O poder político responde unicamente aos intereses dos terratenentes rurais e os empresarios urbanos, sectores que producen segundo as demandas exteriores sen atender as necesidades da poboación de Bangladés.[17]

Segundo Navarro, a desgraza do Rana Praza, situado a 29 quilómetros de Daca, é un máis dos accidentes que se producen en Bangladés. Desde 2005 morreron máis de setecentos traballadores soamente provocados por incendios en fábricas, o último incendio produciuse na fábrica téxtil de Tazreen o 24 de novembro de 2012. O edificio Ra Praza é propiedade de Sohel Ra, un dos dirixentes do partido gobernante Liga Awami. Poucos días despois do colapso da fábrica, 20.000 traballadores de fábricas próximas á que se derrubou manifestáronse en protesta. Foron duramente reprimidos.[17]


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ya son más de mil los muertos por el derrumbe de Bangladés. El Rana Plaza se incendió y desplomó el pasado 24 de abril con 3.122 personas en su interior, Público, 10/5/2013
  2. Mullen, Jethro (24 de abril de 2013). "Bangladesh building collapse kills at least 80". CNN. Consultado o 24 de abril de 2013. 
  3. Bangladesh y la explotación de los trabajadores. Dossier, Jorge Yabkowski, Deborah Orr, Maha Rafi Atal, Vijay Prashad, Sin permiso, 6/6/2013
  4. "Desabamento em Bangladesh revela lado obscuro da indústria de roupas". BBC News Brasil (en portugués). 2013-04-29. Consultado o 2022-04-10. 
  5. "80 dead, 800 hurt in Savar high-rise collapse". bdnews24.com. 24 de abril de 2013. Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2013. Consultado o 24 de abril de 2013. 
  6. Sáenz de Ugarte, Iñigo (27 de abril de 2013). "La maldición de Bangladés empieza en las tiendas de Europa y EE. UU.". Consultado o 9 de maio de 2013. 
  7. Zain Al-Mahmood, Syed (24 de abril de 2013). "Bangladesh building collapse kills at least 76 garment workers". Consultado o 24 de abril de 2013. 
  8. Alam, Julhas (24 de abril de 2013). "At least 87 dead in Bangladesh building collapse". Consultado o 24 de abril de 2013. 
  9. "Bangladesh Dhaka building collapse leaves 80 dead". BBC News. 24 de abril de 2013. 
  10. "At least 100 killed and many more hurt in Bangladesh factory collapse". 24 de abril de 2013. Consultado o 24 de abril de 2013. 
  11. Nelson, Dean (24 de abril de 2013). "Bangladesh building collapse kills at least 82 in Dhaka". Consultado o 24 de abril de 2013. 
  12. ¡Lo logramos! – Avance mundial al firmar las marcas de minoristas el Acuerdo sobre seguridad de las fábricas en Bangladés, IndustriALL global union, 16/5/2013 (en castelán)
  13. Bangladesh: Mango y El Corte Inglés, Juan Hernández Zubizarreta, naiz, 16/5/2013
  14. Inditex, El Corte Inglés y Mango apuestan ahora por la seguridad en Bangladés, Infolibre, 16/5/2013
  15. Uniqlo esquiva el pacto por la seguridad en Bangladés, InfoLibre, 28/5/2013
  16. "Advertencia de los inversores: los compradores de riesgo se apartan ante la actitud de GAP respecto al acuerdo sobre seguridad de Bangladés". IndustriAll Global Unión. 21-5-2013. 
  17. 17,0 17,1 Lo que no se dice de Bangladés, Vicenç Navarro, Público, 23 de maio de 2013]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]