Cocólito
Chámase cocólito a cada unha das placas de carbonato cálcico formadas polos cocolitóforos (algas unicelulares, como Emiliania huxleyi) que se dispoñen arredor da célula formando un recubrimento denominado cocosfera. Os cocólitos de algas antigas fosilizaron moi ben.
Formación e composición
[editar | editar a fonte]Os cocólitos fórmanse dentro da célula en vesículas derivadas do aparato de Golgi. Cando o cocólito se termina de formar estas vesículas fusiónanse coa superficie celular e o cocólito é exocitado e incorporado á cocosfera. Despois da morte do organismo, os cocólitos son dispersados ao romperen as cocosferas, pero algunhas especies despréndense continuamente deles en vida. Afúndense pola columna de auga ata chegaren ao fondo, onde orixinan unha parte importante dos sedimentos do mar profundo (dependendo da profundidade das augas). Thomas Huxley foi a primeira persoa que observou estes cocólitos en sedimentos mariños modernos e déulles o nome que hoxe teñen nunha publicación de 1858. Os cocólitos están compostos de carbonato cálcico en forma do mineral calcita e son os principais constituíntes dos depósitos de creta como os dos cantís brancos de Dover no Canal da Mancha (depositados no Cretáceo), nos cales foron descritos primeiramente por Henry Clifton Sorby en 1861.
Tipos
[editar | editar a fonte]Hai dous tipos principais de cocólitos: heterococólitos e holococólitos. Os heterococólitos están formados por unha disposición radial de unidades cristalinas de formas elaboradas. Os holococólitos están formados por diminutos (duns 0,1 micrómetros) cristais de calcita romboédricos, colocados en disposicións continuas. Orixinalmente pensábase que os dous tipos de cocólitos eran producidos por diferntes familias de cocolitóforos. Porén, hoxe sábese por un conxunto de observacións de mostras de campo e cultivos de laboratorio que os dous tipos de cocólitos son producidos por unha mesma especie, pero en diferentes fases do ciclo vital. Os heterococólitos prodúcense na fase diploide do ciclo vital e os holococólitos na fase haploide.
Forma
[editar | editar a fonte]Os cocólitos clasifícanse pola súa forma. Formas comúns son:[1][2]
- Caliptrólito – con forma de cesta con aberturas preto da base.
- Caneólito – con forma de disco ou cunca.
- Ceratólito – con forma de ferradura ou fúrcula (clavícula das aves).
- Cribrílito – discoidal, con numerosas perforacións na área central.
- Cirtólito – con forma de disco convexo, ás veces cun proceso central que se proxecta.
- Discólito – elipsoidal cun bordo elevado; nalgúns casos o bordo alto forma unha estrutura con forma de copa ou xerro.
- Helicólito – un placólito cunha marxe espiral.
- Lopadólito – con forma de copa ou cesta cun bordo alto, que se abre distalmente.
- Pentálito – con forma pentagonal composto de cristais de catro ou cinco caras.
- Placólito – bordo composto de dúas placas unha enriba da outra.
- Prismatólito – poligonal, pode ter perforacións
- Rabdólito – unha soa placa cun proceso central con forma de maza.
- Escafólito – romboédrico, con liñas paralelas no centro.
Función
[editar | editar a fonte]Aínda que os cocólitos son estruturas moi elaboradas que se foman como un produto complexo dos procesos celulares, as súas funcións non están moi claras. Entre as hipóteses avanzadas están a defensa contra organismos do zooplancto que as comen ou contra a infección por bacterias ou virus; o mantemento da flotación; a liberación de dióxido de carbono para a fotosíntese; para filtrar os nocivos raios ultravioleta light; ou para que as especies que viven a grandes profundidades concentren a luz que necesitan para a súa fotosíntese.
Rexistro fósil
[editar | editar a fonte]Como os cocólitos están formados de calcita baixa en magnesio, que é a forma máis estable de carbonato cálcico, fosilizan doadamente. Encóntranse en sedimentos xunto con outros microfósiles similares con incertas afinidades con eles (os nanólitos) desde o Triásico superior aos tempos actuais. Os cocólitos e fósiles relacionados denomínanse nanofósiles calcarios ou nanoplancto calcario. Ás veces fosilizan cocosferas completas, pero o habitual son os fósiles de cocólitos separados.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Amos Winter; William G. Siesser (2006). Coccolithophores. Cambridge University Press. pp. 54–58. ISBN 978-0-521-03169-1.
- ↑ Carmelo R Tomas (2012). Marine Phytoplankton: A Guide to Naked Flagellates and Coccolithophorids. Academic Press. pp. 161–165. ISBN 978-0-323-13827-7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cocólito |
- The EHUX website Arquivado 24 de setembro de 2018 en Wayback Machine. - sitio dedicado a Emiliania huxleyi, que contén ensaios con floracións, función dos cocólcitos etc.
- Sitio da International Nannoplankton Association - inclúe unha guía ilustrada da terminoloxía usada cos cocólitos e varias galerías de imaxes.
- Nannotax - guía ilustrada da taxonomía de cocolitóforos e outros nanofósiles.
- Cocco Express - Coccolithophorids Expressed Sequence Tags (EST) & Microarray Database
- Posibles funcións dos cocólitos