Clínica (diagnóstico)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tomando a presión arterial.
Exame médico dun doente.

A clínica,[1] (do grego antigo κλινική klinikḗ, "clínico", e este de ϰλίνη klínē, "leito", "cama"), é a parte da medicina que ten por obxecto a aplicación dos coñecementos médicos ao coidado da persoa enferma.

Seguindo os pasos da semioloxía clínica, a ciencia e arte da medicina, é o proceso indagatorio orientado ao diagnóstico dunha situación patolóxica (enfermidade, síndrome, trastorno etc.), baseado na integración e interpretación dos síntomas e outros datos achegados pola anamnese (información de datos subxectivos: antecedentes familiares e persoais, signos e síntomas do problema de saúde, experiencias, recordos) durante a entrevista clínica co doente, os signos da exploración física e a axuda de exploracións complementarias de laboratorio e de probas de imaxe. Co diagnóstico da enfermidade páutase un tratamento.

Tradicionalmente, a clínica é o diagnóstico realizado ao pé da cama do enfermo a través do relato da súa sintomatoloxía e dos signos obtidos na exploración física.

O clínico é o médico que diagnostica e trata os seus doentes. A historia clínica é onde se recollen todos os datos clínicos.

Historia[editar | editar a fonte]

O concepto de clínica é moi antigo, sufrindo un proceso evolutivo que continuou ao longo da historia, recibindo un importante impulso no seu desenvolvemento inicial na Antigüidade clásica cos médicos gregos como Hipócrates no século V a.C., e despois na Idade Media e no Renacemento, fundamentalmente nos asilos ou hostarías, despois hospitais, para desposuídos, enfermos e anciáns abandonados, nos Países Baixos, en Francia e en Italia.

O referente histórico sobre movementos de creación de cátedras e institutos clínicos data dos séculos XVII e XVIII en toda Europa, onde a enfermidade preséntase ao observador de acordo con síntomas e signos. Os uns e os outros distínguense polo seu valor semántico, así como pola súa morfoloxía. Nesta etapa, a relación entre o clínico e o doente era directa, polo que as habilidades do explorador, a súa intelixencia, as súas destrezas motoras e sensitivas e uns poucos instrumentos, cos que se obtiñan os resultados finais para a elaboración do diagnóstico a carón do leito do doente.

Esta situación mantívose case inalterada até despois da segunda guerra mundial, cambio relacionado co rápido desenvolvemento tecnolóxico da segunda metade do século pasado. Este desenvolvemento tecnolóxico favoreceu unha maior sensibilidade e especificidade no diagnóstico, dando lugar ao descubrimento dun gran número de novas enfermidades, unicamente identificábeis grazas a equipos e probas de laboratorio sofisticados.

Método clínico[editar | editar a fonte]

O método clínico é o conxunto de pasos que se seguen para a elaboración do diagnóstico dunha enfermidade. Forma parte da construción do coñecemento médico que percorre a semioloxía clínica. Tamén podería dicirse que é o estudo profundo dun caso en particular; porén pode que se atenda a un grupo, familia etc. Á súa vez cómpre aclarar que hai outras ciencias que utilizan este método, que non é exclusivo da medicina.

Fases do proceso[editar | editar a fonte]

  • Pártese das molestias subxectivas comunicadas ao médico polo doente, é dicir, polos síntomas. O coñecemento dos síntomas permite ao médico iniciar un diagnóstico diferencial.
  • A continuación, o médico explorará ao paciente para encontrar as alteracións obxectivas ou signos que este sofre. Neste momento, o diagnóstico considerarase de presunción.
  • Para chegar ao diagnóstico clínico definitivo, ás veces, requírese realizar exploracións complementarias, como as que se realizan mediante exames de laboratorio, ou de diagnóstico pola imaxe (radiografías, ecografías, resonancias magnéticas) ou electrodiagnóstico (electrocardiogramas) etc.
  • O diagnóstico clínico pode ser parcial ou incompleto. Isto implica que o verdadeiro diagnóstico definitivo sexa o que se realice nun exame post mortem; este diagnóstico denomínase diagnóstico anatomopatolóxico (ou etiolóxico).

Unha vez diagnosticada a enfermidade, procederase ao seu prognóstico, tratamento e profilaxe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para clínica.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]