Cidade planificada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista xeral de Brasilia exemplo de cidade planificada

Denomínase cidade planificada, cidade planeada ou cidade de nova planta a unha cidade creada dende a nada, en terreo previamente non urbanizado ou moi escasamente poboado, cun propósito determinado, e de acordo cuns plans urbanísticos globais. O seu desenvolvemento depende por tanto dunha decisión administrativa, e non do movemento natural da poboación. En moitas ocasións, a creación de cidades de nova planta prodúcense durante un proceso de colonización dunha nova zona de territorio; tamén adoitan crearse cidades deste tipo cando se tenta crear un novo centro económico, caso por exemplo de Glenrothes, en Escocia, ou político. Así, un gran número de capitais do mundo son cidades planificadas: Washington D.C. (Estados Unidos), Canberra (Australia), Brasilia (Brasil), Nova Deli (India), Abuja (Nixeria) ou Islamabad (Paquistán) por exemplo.