Cicno (fillo de Ares)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Detalle dunha ánfora na que se representa o combate entre Heracles (segundo pola esquerda, e tras el, Atenea) e Cicno (segundo pola dereita, apoiado por Ares). No centro, Zeus (cerámica de figuras negras atopada en Rodas, c. 550 – 530 a. C.

Entre os diferentes personaxes mitolóxicos que levan o nome de Cicno, o máis afamado [1] foi o fillo de Ares e de Pelopia, filla de Pelias. Para Pseudo-Apolodoro era fillo de Ares e de Pirene [2].

Cando Heracles se dirixía ó Xardín das Hespérides para cumprir o último traballo que lle ordenara o seu primo Euristeo, foi detido por Cicno ó seu paso por Macedonia. Era este Cicno un home extremadamente violento, pois mataba os viaxeiros e cortáballes a cabeza para construír cos cranios un santuario en honor do seu pai, especialmente ós peregrinos que ían camiño de Delfos, motivo polo que se alporizou Apolo, titular nese momento do oráculo e fundador do santuario do lugar [3]. Por este motivo, Apolo fixo a Cicno obxectivo de Heracles.

Cicno retou a Heracles a un combate singular, como adoitaba facer cos estranxeiros, pero Heracles matouno sen problemas. Ares converteuno na constelación de Cygnus e, para vingar a súa morte, atacou a Heracles; este lanzoulle a súa xavelina, pero foi desviada por Atenea e Ares só resultou ferido, na coxa, tralo cal refuxiouse no Olimpo. O combate de Heracles fronte a Cicno e Ares foi descrito con detemento por Hesíodo en Escudo (57-481).

Na narración de Pseudo-Apolodoro foi o propio Zeus quen separou a Ares e Heracles lanzando un raio entre ámbolos dous.

Heracles, no seu camiñar, chegou ó río Equedoro e alí Cicno, fillo de Ares e de Pirene, desafiouno a un combate singular. Ares defendía a Cicno e presidía a contenda, pero un raio que foi caer en medio de ambos rematou co combate".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 5, 11)
[Hércules] "matou a Cicno, hijo de Marte, derrotándole en un combate con armas. Como Marte acudira alí e quería combater contra el, ó lado do fillo, Xúpiter lanzou un raio entre eles e así separounos".
(Higino: Fábulas 31, 3)
"Este [Heracles] tamén matou a Cicno, magnífico Aretíada. Atopouno no recinto do frechador Apolo, a el e ó seu pai Ares, insaciable de guerra, resplandecente co brillo das súas armas".
(Hesíodo: Escudo 57-61)

Máis adiante, e xa cumpridos os doce traballos de Heracles e liberado da súa escravitude, Pseudo-Apolodoro narra un novo encontro con outro Cicno, a quen tamén mata.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O heroe máis célebre que leva o nome de Cicno é o fillo de Ares e de Pelopia" (Grimal, s. v. Cicno 3.
  2. Biblioteca mitológica II, 5, 11.
  3. En definitiva, o destinatario dos regalos que levaran os peregrinos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: "Escudo", en Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • HIGINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].