Chalcides chalcides

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Chalcides chalcides ás veces chamado esgonzo tridáctilo italiano, é unha especie de lagarto escíncido que se encontra en Italia e parte do Norte de África. Anteriormente, dentro desta denominación incluíase como subespecie (Chalcides chalcides striatus)[2], o esgonzo común, que vive en Galicia, pero hoxe en día este ten categoría de especie (Chalcides striatus). A especie Chalcides chalcides é común nalgunhas localizacións en zonas solleiras con densa vexetación (xeralmente plantas herbáceas de ata 40 cm de altura) pero tamén aparece en áreas máis áridas. Mide en total uns 48 cm contando o rabo, o cal comprendería máis da metade da lonxitude. O seu corpo é longo e con aspecto de serpe, de cor xeralmente entre castaño e oliva e pode ter bandas escuras no dorso. As súas patas están moi reducidas e teñen só tres dedos. Estes esgonzos son activos durante o día e comen principalmente insectos. As femias desta especie paren as crías, xa que son ovovivíparas.

Descrición[editar | editar a fonte]

Nun exame superficial parece unha serpe, pero ten pequenas patas e pálpebras como corresponde a un lagarto. As patas teñen tres dedos, e o dedo medio da pata traseira é máis longo que os outros dous, o que serve para distinguilo do esgonzo común (Chalcides striatus), que ten os tres dedos do mesmo tamaño. Outras especies de esgonzos teñen cinco dedos. Ten unha cabeza pequena e un groso pescozo e crece ata os 48 cm, máis da metade dos cales corresponde ao rabo. Hai tres variantes de cor, xa que algúns animais teñen unha coloración lisa gris prateada ; outros teñen de catro a seis liñas lonxitudinais estreitas ao longo de todo o corpo, e outros teñen esas mesmas liñas pero ademais unha banda lateral lonxitudinal clara.[3]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Este esgonzo viven en case toda Italia, onde é común ao sur do río Po, e a súa área de distribución inclúe tamén as illas de Sardeña, Sicilia, Elba, e tamén está presente no Norte de África, sobre todo en Tunicia. O seu hábitat típico son as zonas solleiras e húmidas con densa vexetación baixa como marismas, beiras de regatos, pantanos, pendentes con plantas herbáceaas e setos. En zonas altas pode habitar en zonas máis áridas con mato baixo e pendentes degradadas. O seu rango altitudinal vai desde o nivel do mar aos 1.270 m.[3]

Status[editar | editar a fonte]

Este esgonzo é común nos hábitats axeitados para el na maioría da súa área de distribución. Está ameazado pola urbanización e a degradación do seu hábitat polo desenvolvemento do litoral, pero é tolerante a certo grao de modificación do hábitat. A IUCN considera o seu status como "pouco preocupante" porque, aínda que a poboación está probablemente diminuíndo, non o está facendo a gran velocidade e aínda abunda.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Jose Antonio Mateo Miras, Marc Cheylan, M. Saïd Nouira, Ulrich Joger, Paulo Sá-Sousa, Valentin Pérez-Mellado, Iñigo Martínez-Solano, Roberto Sindaco, Antonio Romano (2009). "Chalcides chalcides". IUCN Red List of Threatened Species. Version 2013.2. International Union for Conservation of Nature. Retrieved 2014-01-06.
  2. Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxinas 352. ISBN 84-7507-722-6.
  3. 3,0 3,1 Arnold, E. Nicholas; Ovenden, Denys W. (2002). Field Guide: Reptiles & Amphibians of Britain & Europe. Collins & Co. p. 189. ISBN 9780002199643.