Centre Català

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Centre Català
Dirixentes e organización
LíderValentí Almirall
Historia
Fundación1858
Disolución1888
Posicións políticas
IdeoloxíaCatalanismo

O Centre Català foi unha entidade catalanista fundada en Barcelona en xuño de 1882,[1] a partir das ideas surxidas do Primeiro Congreso Catalanista, para defender os intereses materiais e morais de Cataluña e para acadar a unión de tódolos cataláns.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A cerimonia de apertura tivo lugar no Teatro Romea en Barcelona o 17 de xuño de 1882. Escolleuse como presidente a Frederic Soler (escritor que adoitaba asinar como Serafí Pitarra), e como vicepresidente a Valentí Almirall,[1] que era, en realidade, a alma e o líder principal. Tamén participou na fundación Manuel de Lasarte i Rodríguez-Cardoso. O seu lema era Cataluña i avant! (traducido como Cataluña e adiante!)[1] e pretendía ser unha plataforma unitaria e ampla que agrupara a tódolos catalanistas, tanto carlistas como federalistas. Nesta primeira etapa, apolítica, intentaron atraer aos compoñentes de La Renaixença e nos estatutos prohibíase debater de temas políticos e relixiosos.[2]

En abril de 1883, presentou un programa de sete puntos, entre os que destacan:

  • O recoñecemento do catalán como lingua oficial española.
  • Mantemento e reforma do dereito civil catalán.
  • Creación dun Tribunal Supremo catalán.
  • Establecemento dunha administración catalá.
  • Promoción do proteccionismo económico.
  • Fortalecemento do carácter mercantil de Cataluña.

Valentí Almirall procurou que mudara a actitude política inicial e conseguiu que o Centre organizara o Segundo Congreso Catalanista (xuño de 1883), e pretendeu que se debatera. Porén, os enfrontamentos entre os partidarios de Almirall e os de Pi i Margall impediron a súa aprobación,[3] pero si se chegou a condenar a participación de cataláns en partidos de obediencia estatal.

O 19 de xaneiro de 1884, converteuse en partido político, propoñendo o fomento do asociativismo comarcal catalán e artellar unha ampla fronte reivindicativa catalá que tentou se presentar nas eleccións en 1886. En 1885, integráronse os conservadores carlistas Eusebi Güell i Bacigalupo e Ferrán Alsina, procedentes do Centre Escolar Catalanista, feito que debilitará o liderado de Almirall. O momento máis relevante do Centre será, cando en 1885 exercitou o dereito de presentación, recoñecido na constitución, e foi Almirall o redactor e quen presente, perante o rei Afonso XIII, o Memorial de Greuges (Memorial de agravios).[4]

Porén, non se puido manter durante moito tempo a unión de grupos tan heteroxéneos e nas eleccións ao consello de administración do Centre Català en xuño de 1887, Almirall venceu a Ferrán Alsina. O sistema de maiorías e minorías, entre conservadores e liberais segundo o lugar do grupo non era moi realista e provocou as protestas no Centro de Sabadell, e acusouse aos conservadores de separatistas. O 19 de agosto, o Consello Xeral de Barcelona disolveu a delegación de Sabadell e advirtiu á do Masnou de face-lo mesmo. Estes feitos máis a oposición de Almirall á Exposición Universal de Barcelona de 1888[5] que os conservadores crían que podería ser unha boa plataforma de espallamento catalanista, provocaron que L'Arc de Sant Martí e La Renaixença abandonaran o grupo. Ao mesmo tempo, as delegacións disidentes disolvéronse e refundáronse como centros independentes.

En 1887, os elementos socialmente máis conservadores, como Joan Josep Permanyer, Àngel Guimerà ou Lluís Domènech i Montaner, abandonaron o partido para formar a Lliga de Catalunya e, con eles, tamén marchan os procedentes do Centre Escolar[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Pabón (1999), p. 94
  2. 2,0 2,1 "Centre Català". Gran enciclopèdia catalana. Consultado o 10-05-2018. 
  3. Grau, Josep (2006). La Lliga Regionalista i la llengua catalana, 1901-1924. Barcelona: Publicacións de l'Abadía de Montserrat. p. 23. ISBN 84-8415-768-7. 
  4. 4,0 4,1 Pabón (1999), p. 95
  5. Fradera (2007), p. 91

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fradera, Josep M. (2007). L'intel·lectual abans de l'intel·lectual. Consideracions vacil·lants sobre el cas català entre la Revolució Liberal i el canvi de segle. En "La projecció social de l'escriptor en la literatura catalana contemporània" (en catalán) (Lleida: Punctum). pp. 67–107. ISBN 978-84-934802-6-4. 
  • Pabón, Jesús (1999). Cambó: 1876-1947. Barcelona: Alpha. ISBN 84-7225-740-1. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]