Centén
Centén de 1633 [1][2] | |
---|---|
Anverso: armas reais nun círculo. Á esquerda, marcas de ceca (acuaeduto) e de ensaiador "R". Á dereita, valor (100). Lenda: PHILIPVS * IIII * D * G * | Reverso: cruz de Xerusalén en cuadrifolio. Lenda: HISPANIARVM * REX * 1633 * |
· Valor: 100 escudos.
· Data: 1633. · Territorio: Reino de España. · Ensaiador: Rafael Salván (marca de ensaiador: R). · Ceca: Segovia (marca de ceca: acueduto). · Metal: ouro. · Diámetro: 75,50 mm. · Grosor: 5 mm. · Peso: 338,05 g. |
O centén foi unha moeda española de ouro de gran tamaño, con valor de 100 escudos de ouro,[3][4] emitida inicialmente en 1609, baixo o reinado de Filipe III, e cuñada novamente durante os reinados de Filipe IV e de Carlos II.
Caracterización
[editar | editar a fonte]Esta moeda foi cuñada exclusivamente na Real Casa da Moeda de Segovia, a única no seu momento con capacidade para cuñar pezas deste tamaño, as meirandes da historia numismática española, grazas ás súas prensas de rolete.[2] Tiña un peso de arredor dos 340 gramos e un diámetro de entre 75 e 76 milímetros.[5][6]
No seu anverso presenta o nome do monarca e o escudo do Reino de España, así como a indicación do seu valor facial e un acueduto como marca de ceca relativa ao obradoiro segoviano.[1][5][7] Baixo a marca de ceca amósase tamén unha inicial a modo de marca do ensaiador: "AR" (Andrés de Pedrera", "P" (Pedro Enríquez) ou "R" (Rafael Salván de Aulina).[6]
No reverso, o centro está ocupado pola cruz de Xerusalén, rodeada pola lenda HISPANIARUM REX e a data.[1][5][7]
Os centéns non estaban destinados á súa circulación estándar. A súa cuñaxe, en tiraxes moi limitadas, precisaba unha licenza expresa do rei, xa que non se atopaba entre as moedas previstas na lexislación monetaria, consonte a Pragmática da Nova Estampa de 1566.[6] Tratábase de moedas de prestixio e ostentación, concibidas para seren utilizadas como obsequios a persoeiros relevantes e como agasallos diplomáticos.[2][7]
Dada a escasísima cantidade de moedas emitidas, os centéns son unhas moedas moi apreciadas no coleccionismo, cuns prezos moi elevados, as poucas veces que aparecen nunha poxa numismática. En outubro de 2009, a casa barcelonesa Áureo & Calicó sacou a poxa un exemplar correspondente á primeira emisión, de 1609, que foi adxudicado en 800.000 euros.[8][9][10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "100 Escudos "Centen" - Felipe IV". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Inventario: 108085. Cien escudos". Museo Arqueológico Nacional.
- ↑ "Centén (1)". Digalego. Dicionario de galego.
- ↑ "Centém". Dicionário Estraviz.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "100 Escudos (Centén. Segovia Acueduct - AR)". Colnect.com
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "100 escudos o centén. Real Ingenio de Segovia (1623-1659)". Fuenterrebollo.com
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxinas 47, 59.
- ↑ "Una moneda de dos millones de euros". En El País. 21 de outubro de 2009.
- ↑ "Barcelona acoge la subasta de la moneda más cara acuñada en España". En 20 Minutos. 21 de outubro de 2009.
- ↑ "Subasta 218-3. Lote 1863: Felipe III. 1609. Segovia. C. 100 escudos". Áureo & Calicó. Subastas Numismáticas, S.L.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura, Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7. Páxinas 47-59.