Castro das Muradellas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°00′59″N 6°55′16″O / 42.016388888889, -6.9211944444444

Castro das Muradellas
ConcelloLubián
ProvinciaZamora
Comunidade autónomaCastela e León
Cronoloxía
Datas de ocupaciónII e III a.c
Estado actualruínas BIC
Extensión estimada2 ha.
Véxase tamén
Castros de Castela e León

O castro das Muradellas ou simplemente As Muradellas é un antigo poboado castrexo da Idade de Ferro situado no concello de Lubián, na provincia de Zamora[1].

Atópase situado sobre un promontorio orixinado a xeito de meandro polo río Tuela. A súa singularidade estriba no seu notable sistema defensivo, mas se se ten en conta o pequeno recinto ao que daba acubillo. En novembro de 1994 foi declarado Ben de Interese Cultural, con categoría de zona arqueolóxica.[2]

Poboadores[editar | editar a fonte]

Os seus poboadores puideron ser ástures, sendo a gandaría o seu principal medio de vida. Considérase que o medio físico e climático no que viviron, puido ser moi similar ao actual, aínda que con temperaturas algo máis baixas e un réxime pluviométrico máis abundante.[3]

Son varias as prospeccións realizadas neste depósito, sen que ata a data fose detectado ningún resto óseo pertencente aos seus moradores.[4]

Delimitación[editar | editar a fonte]

A zona arqueolóxica fica delimitada ao norte, oeste e sur polo río Tuela. O lado leste vén definido por unha liña imaxinaria en dirección nordés-sueste que abrangue todo o meandro do río e pasa a 50 m ao leste do punto central da muralla exterior, sendo tanxente simultaneamente á canle do río nas curvas do inicio e fin do meandro.[5]

Defensas[editar | editar a fonte]

O castro das Muradellas, ao igual ca outros na II Idade de Ferro, construíuse cun notable sistema defensivo. Os habitantes deste asentamento elixiron esta paraxe pola súa doada defensa natural, proporcionada polo meandro orixinado polo río Tuela e a xeografía alamborada desta zona. O flanco este, único que permitía un doado acceso, foi reforzado cunha serie de estruturas defensivas consistentes en pedras fincadas, fosos e murallas.[3]

Polo lado leste, o primeiro sistema defensivo é un campo de pedras fincadas. Trátase dunha franxa de grandes rochas con arestas, colocadas de forma desordenada e sobresaíndo entre 60 e 90 cm por enriba do chan. A súa finalidade é retardar o movemento de entrada da cabalaría ou de animais salvaxes, facéndoos desta forma máis vulnerables.[3]

Poucos metros máis adiante atópase dous fosos paralelos de pequena anchura, de aproximadamente 2 e 3 metros. Con posterioridade, e a carón deles, álzase a muralla exterior de grandes bloques graníticos, cuxos paramentos aínda subsisten parcialmente, e que dá paso ao primeiro dos recintos.[4][6]

Atravesada a muralla exterior, preséntase o primeiro recinto. Dentro deste, e a unha distancia de 60 m, volve repetirse o sistema defensivo, aínda que esta vez se detectan varias diferenzas. Unha delas, consiste en que neste recinto se sitúan antes os fosos que o campo de pedras fincadas. Outra diferenza consiste en que os fosos deste recinto son dunha maior largura, de 14 e 13 metros respectivamente.[4][5]

Finalmente, outra muralla protexe un segundo recinto interno. Este presenta unha forma máis ou menos circular e duns 25 m de diámetro. Nel encóntrase a zona destinada a vivenda.[4][5]

Escavacións[editar | editar a fonte]

A escavación arqueolóxica deste depósito deu a luz a varias estruturas de vivenda. Caracterízanse por ser de planta rectangular con esquinas arredondadas e sen interrupción prá porta.[4] Unha delas mostra unhas dimensións de 6 m de longo por 4,5 de largo.[5]

Tamén foron encontrados uns poucos fragmentos de cerámica moi rodada, escasas mostras de material metálico (un par de chapiñas de ferro forxado e un alfinete de bronce), algunhas pezas de material lítico ("pedras de tirafonda", lousadiñas perforadas e varios muíños barquiformes de granito) e varias contas de colar, realizadas en pasta de cor amarela.[4]

Respecto ao material cerámico, acháronse mostras dunha gran variedade de recipientes: cuncas, fontes, pratos, tapadeiras e potas. A maioría dos fragmentos cerámicos carecen de decoración e os que a presentan, mostran selos de círculos concéntricos, en ocasións combinadas con liñas incisas.[4]

Actualidade[editar | editar a fonte]

A súa situación illada e apartada, propiciou que este depósito persistise ata a actualidade. Ademais, a súa declaración de ben de interese cultural con categoría de zona arqueolóxica (1994), propicia a súa conservación.[7]

Porén, o depósito non se encontra exento de ameazas externas. Por unha banda, encóntrase exposto a unha forte erosión, o que propiciou que unha parte do rexistro arqueolóxico fose arrastrado cara ao río Tuela. Por outro lado, no cume da primeira muralla vense buracos, posible mostra de escavacións clandestinas.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Sevillano Carbajal, Virgilio (1978);”Testimonio arqueológico de la provincia de Zamora”; ISBN 84-87066-09-7.
  • Esparza Arroyo, Ángel (1980): "Nuevos castros con piedras hincadas en el borde occidental de la Meseta", Actas do Seminario de Arqueología do Noroeste Peninsular (Guimarães 1979), II, Guimarães: 71-86.
  • Esparza Arroyo, Ángel (1986); “Los Castros de la Edad del Hierro del noroeste de la provincia de Zamora”; ISBN 84-505-6475-1.
  • Delibes de Castro, G. & Val Recio, J. (1990), "Prehistoria Reciente Zamorana: Del Megalitismo al Bronce". En Actas del I Congreso de Historia de Zamora,T.2, Prehistoria e Historia Antigua, Zamora: 53-9.
  • Esparza Arroyo, Ángel (1990): "La Edad del hierro en Zamora", En Actas del I Congreso de Historia de Zamora, T. 2, Prehistoria e Historia Antigua, Zamora: 101-126.

Falta algunha imaxe que ilustre o artigo
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.