Casilda de Antón del Olmet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaCasilda de Antón del Olmet
Biografía
Nacemento1871 Editar o valor em Wikidata
Huelma (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morteséculo XX Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritora Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsLuis Antón del Olmet e Fernando de Antón del Olmet (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata


Casilda de Antón del Olmet y López de Haro, nada en Huelva o 21 de febreiro de 1871 e finada en Madrid o 8 de xuño de 1954, foi unha poeta, ensaísta e dramaturga española de finais do século XIX e principios do XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De familia culta e de posición económica desafogada, creceu nun ambiente humanístico e cultural que lle permitiu viaxar, facilitou a súa esmerada educación e desenvolveu a súa afección pola literatura. Compartía esta última cos seus irmáns: Fernando de Antón del Olmet, Marqués de Dosfuentes (diplomático e poeta) e Luis Antón del Olmet (escritor, xornalista e político). Porén, segundo algunhas fontes non tería relación algunha con este último.[1]

Viaxou a Madrid na súa mocidade e instalouse alí, onde accedeu aos círculos políticos e intelectuais do momento. A súa traxectoria literaria comezou na lírica a través de composicións poéticas publicadas en diarios do seu tempo como La Época e La Correspondencia de España. Neses xornais tamén colaborou con artigos de costumes. A súa presenza é manifesta, amais, en publicacións andaluzas do seu tempo, especialmente na revista La Alhambra (Granada). Nela publicou unha ducia de poemas, así como crónicas e artigos de costumes.[2]

Con todo, o primeiro libro que levou a imprenta foi a obra teatral En conciencia: comedia dramática en tres actos y en prosa (1901). Foi estreada con anterioridade á súa publicación no Teatro Español de Madrid o 20 de abril dese ano. Supuxo un gran fracaso teatral, que a propia autora achacou ao feito de representarse inmediatamente despois de Electra de Benito Pérez Galdós.[3] Conta a historia dun mozo que casa cunha muller á que, por avaricia, odian a nai e a irmá do protagonista. Estas só esperan dela un dote que nunca chega. A escasa acollida da obra empuxou a Casilda de Antón a abandonar a dramaturxia e centrarse na poesía e o ensaio.

Portada do libro Feminismo Cristiano (1931)

Precisamente, o ano seguinte publica o ensaio-memoria El servicio doméstico: memoria sobre la necesidad de fundar una sociedad de señoras para la protección y moralidad de la sirviente, como medio de evitar un contingente a la trata de blancas. O proxecto foi enviado á Comisión de Reformas Sociales e deixa constancia da situación de abandono de moitas mulleres dedicadas ao servizo doméstico na España da época. Propón 14 recomendacións, entre elas a creación dunha casa de acollida e a instauración de asistencia médica e de pensións de xubilación para as traballadoras. Así mesmo, estabelece sancións para elas en caso de faltas e esquecementos, que poderían supor a expulsión do sector.

Nas seguintes décadas Casilda de Antón obtivo certa sona coas súas composicións en verso, especialmente tras publicar Cancionero de mi tierra (1917) e Nuevo cancionero (1929). Estes recompilaban diversos poemas, algúns dos cales xa apareceran en diarios da época.

Foi Dama da Real Maestranza de Cabalaría de Zaragoza e condecorada coa Medalla desa cidade.

En 1931, poucos meses antes da proclamación da Segunda República Española e de aprobarse o sufraxio feminino en España, edítase o seu libro Feminismo cristiano. Nun conxunto de ensaios en forma de artigos xornalísticos trata o feminismo desde un punto de vista tradicional, moralizante e relixioso. O diario ABC destácao nunha recensión:

[os artigos están] empapados de profunda socioloxía e do amor ao desgraciado [...]. Esta obra consolida a fama que xa gozaba Casilda de Antón del Olmet como escritora de bo estilo e de inspiración feliz.[4]

En 1942 publicouse o seu último poemario, Cien sonetos.[5] Finou en Madrid o 8 de xuño de 1954.[6]

Trazos temáticos e estilísticos[editar | editar a fonte]

Por idade, estivo asociada á Xeración do 27 e ás Sinsombrero. Porén, o seu estilo literario e os seus principios ideolóxicos están moi distantes dos desas artistas.

A súa poesía é de corte tradicionalista e dominan os retratos paisaxísticos cheos de nostalxia, espontaneidade e sentimento.[7] Emprega metros clásicos como o soneto, o romance e a copla.

A súa única obra teatral publicada, En conciencia (1901), tivo mala acollida por parte do público. A crítica rexeitou a arquitectura e estrutura dramática da obra, así como o escaso desenvolvemento psicolóxico dos seus personaxes.Canto aos seus ensaios, predominan os artigos de opinión moi marcados polo tradicionalismo, a moral católica e un ton didáctico que rexeita a igualdade entre homes e mulleres.

A muller debe ser, non a rival do home, senón a súa compañeira. Pero como debe educarse á muller para que sexa unha digna compañeira do home? Á muller hai que facela, ante todo, boa; o seu corazón debe ser modelado para as virtudes cívicas, inculcándolle o sentimento do honor e da xustiza, ao par que a dozura e sacrificio; a súa vontade para o ben debe ser robustecida, a fin de que sexa dona dos seus propios actos; unha vontade débil ou mal encamiñada é o produto dunha moralidade descoidada.[8]

Obras[editar | editar a fonte]

Teatro[editar | editar a fonte]

  • En conciencia: comedia dramática en tres actos y en prosa (1901). Madrid, Imprenta R. Velasco.

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Cancionero de mi tierra (1917). Prólogo de Pedro de Novo y Colsón, Madrid, Pueyo.
  • Nuevo cancionero (1929). Soneto-prólogo de Pedro Novo e F. Chicarro. Madrid, Pueyo.
  • Cien sonetos (1942). Madrid, Augusto Boné.

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • El servicio doméstico: memoria sobre la necesidad de fundar una sociedad de señoras para la protección y moralidad de la sirviente, como medio de evitar un contingente a la trata de blancas (1902). Madrid, Ambrosio Páez.
  • Vida ejemplar de una Hija de María: Notas biográficas acerca de la Señora Domiciana Epifania Gómez de la Majada (1929). Madrid, Pueyo.
  • Feminismo cristiano (1931). Madrid, Pueyo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hormigón (1997: 203)
  2. Ramírez (2000: 57)
  3. "Antón del Olmet, Casilda (1871-?)". MCNBiografias.com (en castelán). 
  4. Diario ABC, venres 10 de xullo de 1931, edición da mañá, Madrid, p. 44.
  5. Merlo (2010)
  6. "Esquela". ABC (en castelán) (Madrid). 25 de xaneiro de 1955. p. 47. Consultado o 6 de agosto de 2023. 
  7. "CASILDA ANTÓN DEL OLMET". Poetas Andaluces (en castelán). 
  8. Feminismo cristiano (1931). Madrid, Pueyo. p. 33

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • CARRASCO, Raphäel (1994). La prostitution en Espagne: de l'époque des rois catholiques à la IIe République (en francés). Besançon: Presses Univ. Franche-Comté. ISBN 9782251605265. 
  • HERRERO MEDIAVILLA, Víctor (1990). Índice Biográfico de España, Portugal e Iberoamérica (en castelán). K. G. Saur. ISBN 9783598320620. 
  • Hormigón, Juan Antonio, ed. (1997). Autoras en la Historia del Teatro Español (1500-1994) (en castelán) 2. Madrid: Publicaciones de la Asociación de Directores de Escena de España. 
  • JIMÉNEZ FARO, Luzmaría (1996). Poetisas españolas. Antología general (en castelán) 2. Madrid: Torremozas. ISBN 9788478391745. 
  • Merlo, Pepa, ed. (2010). Peces en la Tierra. Antología de mujeres poetas en torno a la Generación del 27 (en castelán). Fundación José Manuel Lara. ISBN 9788496824607. 
  • Merlo, Pepa, ed. (2022). Con un traje de luna. Diálogo de voces femeninas de la primera mitad del siglo XX (en castelán). Sevilla: Fundación José Manuel Lara. ISBN 9788417453794. 
  • RAMÍREZ GÓMEZ, Carmen (2000). Mujeres escritoras andaluzas del siglo XX (1900-1950) (en castelán). Sevilla: Universidad de Sevilla. Secretariado de publicaciones. ISBN 9788447205608.