Carta outorgada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplo de carta outorgada: o Estatuto real de 1834.

Denomínase carta outorgada (en francés, "charte octroyée")[1] a unha declaración do rei ou outro gobernante, non votada por unha asemblea representativa da nación, pola que manifestaba a primacía do seu poder e que gobernaba os seus súbditos dunha forma absolutista, sen ningunha limitación. Supuña, de feito, unha pseudo constitución para o estado, posto que en troques de ser ditada polo pobo, a carta outorgada xurdía dun poder absolutista anterior, o rei, que outorgaba certos dereitos aos súbditos sen a súa intervención. Polo xeral, as cartas outorgadas eran moi restritivas en canto a dereitos e representatividade, e non se recoñece o principio de soberanía nacional nin da soberanía popular.

Estas cartas desapareceron cando desapareceu o poder monárquico de vocación absolutista ou autoritaria, para ser substituídas por constitucións "pactadas" (como a francesa de Lois Filipe I de 1830, que pretendían ser un pacto entre a soberanía do monarca e a da nación[2]), ou por constitucións liberais emanadas dunha asemblea constituínte.

Exemplos[editar | editar a fonte]

Exemplos de carta outorgada son a Carta outorgada por Lois XVIII en xuño de 1814 en Francia,[3] a Carta Constitucional de Pedro IV de Portugal (29 de abril de 1826), o Estatuto Real de 1834 en España, o Estatuto Albertino en Italia e as Leis Fundamentais de Rusia de 1905, outorgadas por Nicolao II. En América pertence a este grupo o Decreto de Bases e Garantías emitido polo gobernante costarriqueño Braulio Carrillo Colina (1841), no cal se declaraba xefe vitalicio e inamovible.

En España, o Estatuto Real de 1834 foi a carta outorgada máis importante que houbo, na cal Martínez de la Rosa, liberal moderado, lle daba a entender ao pobo cal eran os seus propósitos no seu novo goberno, que estaba marcado por un ambiente de tensión e de continuas loitas fronte ao carlismo. A raíña rexente (María Cristina) apoiaba o Partido Moderado, xa que buscaba apoios fronte ao carlismo, pero non compartía os seus mesmos ideais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La Charte octroyée". www.devoir-de-philosophie.com (en francés). 27 de febreiro de 2008. Consultado o 18 de maio de 2022. 
  2. "Definición y sinónimos de 'Carta otorgada'.". diccionario.sensagent.com (en castelán). Consultado o 2022-05-18. 
  3. Péronnet (1991), p. 285

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Péronnet, Michel (1991). Del Siglo de las Luces a la Santa Alianza. Colección: Iniciación a la Historia (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-7600-513-X.