Carlos Kaiser

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carlos Kaiser
Información persoal
Nome Carlos Henrique Raposo
Nacemento 2 de xullo de 1963 e 2 de abril de 1963
Lugar de nacemento Rio Pardo
Altura 1,86 m.
Posición Centrocampista
Carreira xuvenil
–1973 Botafogo
1973–1977 Flamengo
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1979 Puebla 0 (0)
1979–1981 Botafogo 0 (0)
1981–1983 Flamengo 0 (0)
1983–1985 Independiente 0 (0)
1985–1986 Bangu 0 (0)
1986–1987 Gazélec Ajaccio 0 (0)
1987–1988 Flamengo 0 (0)
1988 Bangu 0 (0)
1988–1989 Fluminense 0 (0)
1989 Vasco da Gama 0 (0)
1989–1990 El Paso Sixshooters 0 (0)
1990–1991 América (RX) 0 (0)
1991–1992 Botafogo 0 (0)
Total 0 (0)
Na rede
IMDB: nm8949697 Instagram: carloskaiseroficial Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Carlos Henrique Raposo, coñecido como Carlos Kaiser, nado en Porto Alegre o 2 de abril de 1963, é un estafador e exfutbolista brasileiro que xogou como dianteiro. Aínda que as súas habilidades estaban moi por debaixo do estándar profesional, logrou fichar por numerosos equipos durante máis dunha década de carreira, sen chegar a xogar nunca ningún partido. Ocultaba as súas limitadas habilidades con lesións finxidas, cambios frecuentes de equipo e outras artimañas.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira como centrocampista na canteira do Botafogo, sendo levado máis tarde por un amigo ás categorías inferiores do Flamengo. En 1979 chamou a atención duns observadores do Puebla durante un adestramento e foi fichado polo club mexicano. Con todo, saíu do club uns meses despois sen ter xogado nin un só partido.[2]

A continuación volveu ao Brasil coa idea de ser futbolista profesional, pero sen querer xogar.[1] Fíxose amigo de varios futbolistas como Carlos Alberto Torres, Ricardo Rocha ou Renato Gaúcho, tecendo así unha rede de influencias para ser recomendado sempre que precisase ser traspasado a un novo club. Cunha forma física semellante á dos futbolistas profesionais, pero carente de habilidades, o seu fraude consistía en asinar contratos curtos e afirmar que lle faltaba forma física para o partido para pasar as primeiras semanas só con adestramento físico. Cando tiña que adestrar con outros xogadores, finxía lesións musculares, unha fraude difícil de detectar coa tecnoloxía da época. Ademais contaba cun dentista que afirmaba que tiña unha infección focal sempre que algún club quería ir máis lonxe. Con estes métodos, conseguía permanecer uns meses nos distintos clubs só adestrando e sen que nunca se descubrise o engano.[1]

Outra táctica que usaba e ra ade facerse amigo de xornalistas para que escribisen crónicas ficticias sobre el. Nun artigo dun xornal, contábase que xogara tan ben no Puebla que incluso fora invitado a nacionalizarse mexicano para xogar coa selección do país.[1] Usaba tamén teléfonos móbiles falsos, nunha época na que os móbiles eran caros e pouco comúns, para finxir conversacións en linguas estranxeiras nas que rexeitaba ofertas inexistentes, creando así unha imaxe de si mesmo como un xogador valioso.

O primeiro club brasileiro ao que enganou foi o Botafogo, no que militou entre 1979 e 1981, pasando a continuación ao Flamengo. Entre as súas mentiras, afirmou que xogara na Arxentina, nas filas do Talleres de Córdoba e do Independiente, ao que chegara a través dun home chamado "Alejandro", que era amigo de Jorge Burruchaga. Aseguraba que formara parte do equipo de Independiente que gañara tanto a Copa Libertadores como a Copa Intercontinental en 1984, co nome de Carlos Enrique, xogador arxentino que si formaba parte daquel conxunto campión.[2]

Algunhas fontes afirman que en 1986 se trasladou a Europa para fichar polo Gazélec Ajaccio da segunda división francesa, onde xogaba un amigo seu, e que na súa presentación, o club organizou un adestramento coa afección e que, con medo a ser atrapado, lanzaba todos os balóns ao público mentres bicaba a insignia do club.[3] Pola contra, o seu amigo Fabio Barros "Fabinho", que xogou no Ajaccio durante catro anos, sostén que Kaiser nunca foi realmente a Córsega. O xogador afirmou que tiraran fotos de Kaiser vestindo unha camisola do Ajaccio que el lle regalara nun campo de Horto, no Río de Xaneiro, e que posteriormente Kaiser. Barros utilizou estas fotografías, así como unha tarxeta de identificación falsificada como "proba" do seu paso por Francia. Con todo, un amigo xornalista publicou máis tarde un artigo no que describía a Kaiser como o máximo goleador do Gazélec Ajaccio, no que xogara durante oito tempadas.[2]

Posteriormente fichou polo Bangu, onde volveu usar a súa falsa estafa de lesións. Con todo, o mafioso Castor de Andrade, principal patrocinador do club, cansouse de velo só adestrar. Durante un partido no que o Bangu ía perdendo por 2-0, Castor díxolle ao adestrador que o fixese xogar. Mentres quentaba na banda pelexou cun grupo de seareiros e o árbitro amosoulle unha tarxeta vermella antes sequera de entrar no campo. Despois do partido, mentiulle a Castor, co pretexto de que os seguidores lle chamaban ladrón. Foi perdoado e continuou seis meses máis no club.[2]

Pasou logo polo Fluminense e polo Vasco da Gama, conseguindo así militar nos catro clubs máis importantes do fútbol carioca.[2]

Filme[editar | editar a fonte]

En novembro de 2015, Carlos Kaiser asinou un acordo exclusivo cunha produtora británica, Nods & Volleys Entertainment Limited, para contar a súa historia en todos os formatos multimedia. A filmación de entrevistas completouse en decembro de 2016.[3]

Libro[editar | editar a fonte]

En 2018 o xornalista Rob Smyth publicou un libro sobre a súa vida titulado Kaiser: The Greatest Footballer Never to Play Football.[4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Dantas, Luma; Lavinas, Thiago (8 de maio de 2011). "A história de Carlos Henrique Kaiser, o Forrest Gump do futebol brasileiro" (en portugués). Consultado o 28 de xaneiro de 2024. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Dantas, Luma; Lavinas, Thiago (18 de maio de 2011). "Briga com torcedor, bolas na galera, celular falso... as aventuras de Kaiser" (en portugués). Consultado o 28 de xaneiro de 2024. 
  3. 3,0 3,1 "Carlos “Kaiser”, la leggenda del calciatore che non ha mai giocato una partita" (en italiano). 29 de outubro de 2014. Consultado o 28 de xaneiro de 2024. 
  4. Smyth, Rob (25 de abril de 2019). "The forgotten story of ... Carlos Kaiser, football's greatest conman". The Guardian (en inglés). Consultado o 28 de xaneiro de 2024. 
  5. East, Ben (5 de agosto de 2018). "In brief: The Possible World; Kaiser! The Greatest Footballer Never to Play Football; Forest Dark – review". The Guardian (en inglés). Consultado o 28 de xaneiro de 2024.